Santiago de Compostela acollerá do 4 ao 10 de xuño a 13ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, organizada polo Museo do Pobo Galego, que este ano terá unha presenza feminina protagonista, sobre todo a través dunha programación paralela marcada "pola vontade de visibilizar as miradas das realizadoras no ámbito do cinema etnográfico".
A Mostra busca "visibilizar as miradas das realizadoras no ámbito do cinema etnográfico"
O conxunto da programación e máis das actividades paralelas daranse a coñecer a finais desta mesma semana. Con todo, xa este mércores 23 ás 20 horas terá lugar unha sesión previa, coa proxección no Museo do Pobo de varias pezas participantes no certame Youtubeir@s relacionadas coa etnografía. O acto estará presentado por Socorro García Conde, técnica do servizo de Normalización Lingüística do Concello de Santiago. Os vídeos estarán acompañados por unha conversa na que participarán proxectos como As cousas do Choio, TradiGaita ou Son do Pan.
Na programación do propio MICE, marcadas este ano pola ollada feminina e as producións realizadas por mulleres destaca, por exemplo, a sección Etnografía, muller e cinema, coordinada pola investigadora en artes visuais e feminismos Anxela Caramés. Esta parte da programación "reacciona ante o carácter androcéntrico dominante nas Ciencias Sociais e ante a dificultade das cineastas para ter un espazo propio no que recoñecerse" e nela amosarase o traballo de realizadoras de moi diversas procedencias que teñen en común un xeito persoal de abordar o cinema etnográfico.
As outras dúas seccións non competitivas da MICE terán tamén unha destacada presenza de filmes dirixidos por mulleres. Trazas, coa que o Cineclube de Compostela renova a súa colaboración coa Mostra, presenta unha selección de películas centrada na relación entre etnografía e ficción; mentres Espiello ofrecerá ao público a oportunidade de ver dous dos filmes galardoados este ano no Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe, un dos de máis renome no seu ámbito.
A programación "reacciona ante o carácter androcéntrico dominante nas Ciencias Sociais e ante a dificultade das cineastas para ter un espazo propio no que recoñecerse"
A primeira sesión da sección Etnografía, muller e cinema recollerá tres curtametraxes de tres cineastas do Líbano, Israel e Turquía que rexistran a vida cotiá dos espazos e das persoas que filman, marcada pola inestabilidade política: trátase de Tshweesh (Feyrouz Serhal), The boy from H2 (Helen Yanovsky) e Why is Difficult to make Films in Kurdistan (Ebrû Avci), pezas que veñen de participar na sección de curtas da Berlinale, como The boy from H2, ou de recibir un galardón no DocLisboa 2017 como Why is Difficult to make Films in Kurdistan.
Proxectaranse os filmes das galegas Xisela Franco, Olaia Sendín ou Diana Toucedo
A segunda sesión, tamén de curtas, compóñena as obras de dúas autoras galegas (Cruz Piñón de Xisela Franco e Fisterra, carne de Safari de Olaia Sendón) e Las Filanderas de Estíbaliz Sádaba, un proxecto videográfico para o MUSAC (Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León) sobre a dificultade histórica das relacións das mulleres co espazo público. A sección complétase coa proxección de Trinta Lumes, a primeira longametraxe de Diana Toucedo, unha ficción sobre o Courel moi apegada ao real e que vén de pasar con éxito pola Berlinale ou o Festival de Sevilla. Diana Toucedo, Xisela Franco e Olaia Sendón estarán na MICE presentando as súas proxeccións.
En Trazas poderemos ver On the Bowery (Lionel Rogosin, EUA, 1956), un filme chave do Novo Cinema Norteamericano que mestura un lene fío narrativo, a posta en situación da propia vida e as secuencias de cámara oculta que tentan apreixar o real. Trás-os-Montes (de Margarida Cordeiro e António Reis, Portugal, 1976), un dos filmes clásicos do cinema portugués, presenta un crisol de historias reais ou inventadas dos habitantes da rexión de Trás-os-Montes nas que resoa o folclore e os mitos da terra. Nice Coloured Girls de Tracey Moffat (Australia, 1987) contrasta a relación entre mulleres aborixes e homes brancos no pasado e no presente tentando explicar certos comportamentos contemporáneos a través do peso que ten no país o pasado colonial. O colonialismo permea tamén as imaxes de Turumba de Kidlat Tahimik (Filipinas, 1981) que narra en ton lixeiro a posta en perigo das costumes e tradicións dunha familia filipina que viven de facer xoguetes artesanais que venden nunha festividade relixiosa. Por último, Daughter Rite de Michelle Citron (EUA, 1978) debuxa unha devastadora imaxe das relacións familiares a través dun uso crítico e reflexivo das estratexias fílmicas do documental e o arquivo doméstico.
En Espiello, que recolle todos os anos unha escolma dos mellores filmes presentados no Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe, todo un referente internacional no ámbito do documental e da antropoloxía visual, proxectaranse dous filmes: Marquis de Wavrin, du manoir à la jungle, de Grace Winter e Luc Plantier (Bélxica, 2017) e China's 3Dreams de Nick Torrens (Australia, 2014).