Un bolseiro do Museo do Pobo Galego descobre por casualidade que un dos traballadores da institución é en realidade un infiltrado ao servizo dunha multinacional (Facme&Co) que, nun escenario post-petróleo, se dedica a patentar e, polo tanto, privatizar, as ferramentas tradicionais alí expostas, antes a súas esperable revalorización... Trátase tan só dunha ficción, da trama que serve de fío condutor a un falso documental, Patentado Non, que tras esta fachada quere denunciar outro tipo de espolios (que xa están a suceder ou que poden ter lugar no futuro), dos saberes tradicionais e doutros elementos do común, coma as sementes.
A curtametraxe foi o resultado dun obradoiro de falso documental, Un falso documental como unha catedral, impartido por Illa Bufarda no Museo do Pobo Galego dentro da programación da 9ª Mostra de cinema etnográfico, e que foi proxectada no propio museo o pasado día 25 de xuño. Os e a as participantes tiñan 24 horas para realizar o documental coas ferramentas que obtiveran no obradoiro, e empregando na medida do posible as localizacións ou os elementos presentes no Museo, como explica Rodrigo Osorio, un dos responsables da peza xunto con Xesús García Devesa, Conchiña Losada e Ramón Nogueira: "dende o primeiro momento tivemos claro que o traballo tería que ver co patrimonio. A idea era amosar a defensa do patrimonio, destacando que o esquecemento é un espolio. E ocorréusenos que o teito do petróleo podía ser un escenario no que unha empresa expropiase o patrimonio tradicional". "O cenit do petróleo pode ser o intre no que ás bravas recuperemos a perspectiva do necesario e miremos de novo á faciana das persoas, ao agro, aos apeiros tradicionais", destaca.
"O cenit do petróleo pode ser o intre no que ás bravas recuperemos a perspectiva do necesario e miremos de novo á faciana das persoas, ao agro, aos apeiros tradicionais"
No documental hai moitos elementos ficcionais, pero un pouso de realidade, que Osorio denuncia: "Está habendo un espolio xeneralizado das sementes, que é evidente. Ou das enerxías renovables, pois coas novas lexislacións, o sol ou a enerxía eólica xa non se poden usar tan libremente. Polo tanto, non era tan estraña a posibilidade de que algún día a lei de patentes se modificara para que as ferramentas tradicionais non se puideran usar libremente". "En principio iso agora non se pode facer", destaca Rodrígo Osorio, avogado na ficción e na realidade, "pero non hai nada que impida mudar a lei para permitilo no futuro". Osorio destaca, así mesmo, que os espolios non teñen por que ser unicamente de carácter material, pois hai "importantes coñecementos que estamos perdendo" e que "grazas a institucións coma o Museo do Pobo Galego consérvanse". Con este esquecemento "espoliámonos a nós mesmos case tanto como fai a Facme&Co", conclúe.