As cartas filmadas de Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez viaxan entre Galicia e Colombia ata chegar á gran pantalla

Fotograma do documental 'Al otro lado del mar' © Eloy Domínguez Serén/Samuel Moreno Álvarez

 

Os cineastas Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez presentan o filme documental 'Al otro lado del mar', a súa correspondencia filmada entre Galicia e Colombia que se vén de presentar no Festival de Xixón

A quen non lle gusta recibir cartas das amizades? O cineasta do Salnés Eloy Domínguez Serén e o de Barranquilla (Colombia) Samuel Moreno Álvarez iniciaron unha correspondencia filmada na que compartir aspectos das súas vidas e traballos. Sen máis pretensión que mostrarlle ao outro un pedazo do que estaban a ver os seus ollos a cada un dos lados do océano Atlántico. O resultado é Al otro lado del mar, unha película documental filmada de maneira espontánea por ambos directores e composta por seis cartas e un epílogo, que se acaba de presentar na sección oficial da 60ª edición do Festival Internacional de Cine de Xixón.

Foi en Xixón cando ambos directores viron xuntos o filme completo por primeira vez, un proxecto que xurdiu ao pouco de coñecerse en Bos Aires no verán de 2019. Non estaban seguros do que ía pasar con ese material, que chegaba ao correo electrónico de cada un deles vía WeTransfer cada certas semanas. O filme “é un diálogo real”, segundo destaca Eloy Domínguez Serén e, nese sentido, é “moi honesto”. Al otro lado del mar está producida por eles e agora continúa o seu percorrido por festivais coa esperanza de que chegue ás salas de cinema. “Díxenlle aos meus pais que agardaran para vela porque ten que ser nunha pantalla grande”, apunta o director galego, polo que haberá que agardar, pero chegará a ocasión.

Unha das cartas filmadas que forma parte do documental foi gravada por Eloy Domínguez Serén desde o Ártico © Eloy Domínguez Serén/Samuel Moreno Álvarez

Cando Eloy Domínguez Serén tiña once anos, o seu mellor amigo de Simes, a súa aldea no municipio pontevedrés de Meaño, marchou vivir a Valencia porque o seu pai foi destinado alí por traballo. “Durante bastante tempo nos enviamos cartas escritas a man, pois estamos falando do ano 1996. Esa ilusión e eses nervios por abrir aquelas cartas volveron agora con trinta e pico de anos coas cartas filmadas de Samuel”, conta. “É moi fermosa a sensación de ver algo que está gravado para ti. Se me chegaban e non estaba na casa ou non tiña acceso ao meu ordenador nese momento, ficaba ansioso ata que podía ver o seu contido. É como un agasallo de Nadal, alguén se tomou tempo en facer iso para ti”, celebra.

"Gravaba pensando en que quería amosarlle a Samuel sobre o que me estaba a pasar. Tiña moi presente que estaba gravando Galicia para unha persoa do Caribe Colombiano"

“Parte da forza do filme documental está neses contrastes entre Galicia e Colombia, entre as culturas, os idiomas e as paisaxes; pero tamén no que nos asemella, no que nos iguala e no que nos une”, salienta o cineasta. A película é moi emocional porque hai partes moi íntimas en canto ás relacións familiares de ambos, pois tamén os colleu coa pandemia da COVID-19 polo medio.

“Es consciente de que estás a facer unha película, pero sobre todo de que todo o que estás gravando ten un destinatario moi concreto. Nós, cando facemos outro tipo de proxectos, temos a esperanza de poder compartir esas imaxes cun público, pero neste caso, e é algo moi fermoso, a cada paso era consciente de que era para Samuel. Entón, gravaba pensando en que quería amosarlle a el sobre o que me estaba a pasar. Non sei de que maneira isto pode modificar a ollada, pero eu tiña moi presente que estaba gravando Galicia para unha persoa do Caribe Colombiano”, debulla Eloy Domínguez Serén.

"Penso que ter a un amigo como destinatario fixo que alcanzásemos ese grao de intimidade", asegura o cineasta do Salnés

“Mesmo estou sorprendido polo grao de intimidade que eu mesmo, que son unha persoa un pouco pudorosa, alcanzo nestas cartas filmadas. Nunha delas en concreto, emociónome profundamente porque estou pasando o confinamento cos meus pais na nosa casa, na nosa aldea, e eu non pasaba tanto tempo alí dende a adolescencia. Hai unha reflexión sobre a relación cos proxenitores moi bonita. E no caso de Samuel igual, o seu pai morreu cando el era moi noviño, e nunha das cartas conta a relación coa súa nai, que quedou viúva sendo unha muller moi nova. Penso que ter a un amigo como destinatario fixo que alcanzásemos ese grao de intimidade”, reflexiona Domínguez Serén.

Nestas cartas mestúranse temáticas sociais, de algunha maneira tamén xeopolíticas, e aspectos sobre o momento vital de cada un deles. Son estilos de gravación moi diferentes que foron encaixando, tamén grazas a Pablo Cayuela de Numax que se encargou de harmonizar a cor. A primeira carta que grava Eloy Domínguez Serén é de decembro do ano 2019, dende o Ártico, onde estivo a vivir durante nove meses por outro proxecto, e a última gravouna na casa á que se acaba de mudar en Monterrei. Polo medio están as filmadas en Simes, no Salnés, e no Barbanza, coincidindo coa etapa que pasou nesta zona para a curtametraxe Rompente, premiada coa Biznaga de Plata no Festival de Málaga e preseleccionada para competir nos Premios Goya na categoría de curtametraxe de ficción.

O cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez nunha das cartas do documental © Eloy Domínguez Serén/Samuel Moreno Álvarez

O documental Al otro lado del mar remata cun epílogo á vida que se reinventa, segue, comeza. “A última carta que se ve de Samuel remata cunha casa construída por el xunto á súa familia e cun proxecto vital novo. A min colleume nun momento semellante, trasladándome a un lugar tan diferente para min –Monterrei– porque eu son do Eixo Atlántico, sempre vivín no Salnés ou no Barbanza e o sitio máis interior no que vivín foi Santiago. Así que confeso que sentín a necesidade de contestar e mostrar esa nova vida que tamén comeza para min para rematar de pechar esta historia conxunta”, asegura Eloy Domínguez Serén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.