'No cow in the ice', de Eloy Domínguez, gaña o Play-Doc

Eloy Domínguez Serén, gañador do Play-Doc © Tamara de la Fuente

O Play-Doc de Tui entregou este sábado os premios da súa duodécima edición. O galardón da sección oficial recaeu en No Cow on the Ice, de Eloy Domínguez Serén. O xurado do Festival Internacional de Documentais, composto polo crítico luso Nuno Lisboa, a directora do festival de Sarajevo Pravo Ljudski e a realizadora afroamericana Akosua Adoma Owusu decidiuse por esta película que “desprega as complexidades da realidade da que o cineasta é parte, ao tempo que busca a súa propia linguaxe cinematográfica”, sinalaron. A valoración do xurado engade que Serén “desafía o cinema ao se enfrontar a problemáticas difíciles mediante decisións cinematográficas honestas”.

No filme, Domínguez Serén conta as súas vivencias como emigrante en Suecia, sobrevivindo con varios traballos alimenticios, mentres documenta todo para a súa película. Os sentimentos dunha xeración que debeu emigrar pola dura situación económica en España quedan ben representados, nunha película na que moitos mozos españois se verán identificados. Hai dous anos falabamos con el en Praza, e destacaba que "sempre teño a ollada, para ben ou para mal, do visitante".

Pola súa banda, o xurado da crítica internacional CAMIRA decantouse por Le terrain, de Bijan Anquetil, sinalando que o filme é "o honesto retrato" dunha comunidade xitana ao longo dun ano, á espera de ser realoxada noutro lugar. Tamén se concedeu unha mención especial nesta categoría a Occidente, da brasileira Ana Vaz, por un traballo que analiza o colonialismo "cunha metodoloxía poética e un tratamento estético".

O Play-Doc péchase este domingo, nunha xornada na que se poderán ver as dúas películas premiadas. Tamén haberá unha mesa redonda na que se reflexionará sobre a identidade galega no cinema, a través das películas e as palabras dos realizadores Andrea Vázquez, Fon Cortizo e do propio Eloy Domínguez Serén. Todos eles, dende as súas propias experiencias e obra, tentarán definir como o cinema galego presente se está a preocupar por estas cuestións e como as representa.

 

Un fotograma de 'No Cow on the Ice' © Play-Doc
Eloy Domínguez Serén Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.