As dúas últimas gañadoras do Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura chegan este 17 de xullo ao ciclo poético e musical dirixido por Lois Pérez
O ciclo Versos na Barraca xa vai virando nun clásico do verán lucense. Co poeta e escritor Lois Pérez aos mandos, a iniciativa apoiada polas áreas de Cultura do Concello e da Deputación leva poesía, música e artes plásticas aos seráns de xullo ao pé da Muralla, na praza da Mosqueira, facendo pasar versos por onde noutrora pasaban coches.
Tras o inicio, o pasado día 10, con Abraham Pérez e Beatriz Dourado, "poesía lucense con vocación universal" baixo o título Anos vinte século vinte e un, este xoves día 17 os versos na barraca serán os de Chus Pato e Yolanda Castaño. As dúas últimas gañadoras do Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura xúntanse para "o encontro entre o silencio que precede a palabra feita picapeixe e a abordaxe da figura da muller suxeita aos marcos do mundo contemporáneo".
Coa presentación de Lois Pérez e a banda dos Tarracos (Luis Monsalve, Saulo e Rodrigo), estas "dúas poetas galegas e universais recoñecidas a nivel internacional navegarán entre a música e a poesía na procura do que non ten nome". Amosarán, avanzan dende a organización do ciclo lucense, "a habilidade e o talento na reformulación da interpretación da realidade". E amosarán, ao cabo, que "o premio era o verso".
Ata fin de mes 'Versos na barraca' acolle tamén unha homenaxe a Lois Pereiro con Antón Reixa, Xosé Manuel Pereiro e Pedro Granell e mais un repaso á primeira década de Apiario con Antía Otero e Dores Tembrás
O ciclo, anunciado neste 2025 nun cartaz no que Federico García Lorca agroma entre a arte de Quique Bordell, continúa o día 24 c'Un furioso silencio. É a homenaxe a Lois Pereiro con Antón Reixa, Xosé Manuel Pereiro e Pedro Granell, onde a "palabra feita transgresión, a mirada perplexa diante do mundo e a irreverencia psicodélica poñerán a proba a pedra da Muralla".
Unha semana despois, o día 31, chegarán a Lugo Dores Tembrás e Antía Otero. Canda elas pousarase canda A Mosqueira A década das abellas, os primeiros dez anos de Apiario, "dez anos alumeando o camiño con rigor, coidado e olfacto poético. A promesa do arrecendo, o verso feito mel". Todas as sesións celébranse ás oito da tarde con entrada libre.