Este é o primeiro verán no que a contorna da Mosqueira, un dos espazos máis emblemáticos ao carón da Muralla de Lugo por albergar o único cubo da fortificación que conserva dous arcos, é unha praza pública peonil e non un tramo de rolda con dous carrís para a circulación de coches e mais unha zona de aparcadoiro. Coa fin dos traballos de peonalización, a área de Cultura do Concello lucense deu en inaugurar este novo espazo cunha programación estival de cultura ao aire libre na que destacan actividades coma o ciclo poético Versos na Barraca.
Co poeta Lois Pérez á fronte da dirección artística, Versos na Barraca é un ciclo de catro noites de recitais poéticos nas que a poesía e a música contemporánea dialogan con outras disciplinas artísticas. Manuel Rivas e Dores Tembrás inauguraron o pasado día 7 unha xeira que aspira a "converterse nun referente da programación cultural galega" e que conta, en cada sesión, con Lois Pérez e The Tarracos na presentación e nas músicas.
"Tentamos -explica Lois Pérez- achegar a poesía a ese lugar incerto de ruptura que tamén é encontro: onde o verso se funde coa música e a música retrocede un paso en favor deste pra chegar a máis xente". A intención é que, "canda o público especializado e máis lido", os versos cheguen á "cidadanía en xeral" cun espectáculo de música, humor e versos. Unha "unidade conceptual" que se concreta "barraquismo", "no mellor sentido lorquiano," buscando unha estética e posta en escena que leve o público a ese lugar poético que é o espectáculo"
O traballo pictórico de Quique Bordell pon as intervencións plásticas, nuns Versos na Barraca que continúan este xoves (20h) con Antón Reixa e Malandrómeda, "dous xeitos orixinais e únicos de plasmar a experiencia do mundo co seu Flow dos perplexos. "A ironía lúcida e a psique do pobo da man rompente" de Reixa, explican, xúntase cos Malandrómeda, "envés musical da anti-poesía, a irreverencia dunha caixa de ritmos, as bases como pista de aterraxe da palabra que é rebelde e libre".
Unha semana despois, o día 21, á Mosqueira chegarán Os versos devorando o xardín de Antía Otero e Berta Dávila. Otero, "emisaria do pianóctel de Vian e abella do verso", levará consigo poesía que "non pretende" e "se desliza, poñendo nome ao que non o ten até facer verdade o feito estético". Xunto a ela, Berta Dávila amosarase como "viaxeira do profundo, que narra cando versa e versa cando escribe nunha viaxe que apenas comezou.
O día 28 rematarán estes Versos na Barraca do 2022 con Lucía Aldao e María Lado, No estrelampo a poesía. AldaoLado traerán consigo a Lugo "o poema e a canción como vangarda do eterno", isto é, "dous formatos aínda non superados na historia para traducir a experiencia". Todo, combinando "o humor, a fondura e a improvisación da man do oráculo da Costa da Morte, o xenio poético e evocador de María Lado" coa "pava coruña, a enerxía fomegante e o verso afiado na guitarra de Lucía Aldao".