Radio Océano busca "homes e mulleres do naval" para apoiar o 'furioso silencio' do seu novo disco

O novo EP de Radio Oceano chamarase 'Un furioso silencio' ©

Radio Océano prepara a publicación dun novo disco, Un furioso silencio, que constitúe o seu primeiro traballo dende o iniciático Nin falta que fai de 1985. O álbum será un EP de catro cancións, que dá continuidade á publicación da súa particular versión de "Miña Terra Galega", que viu a luz hai uns meses en formato single e que completa o regreso á actividade que a banda coruñesa vén realizando nos últimos anos.

Para este novo lanzamento, Radio Océano está a impulsar unha campaña de crowdfunding na que busca recadar os seis mil euros que custa a gravación e produción do disco. "Para botar ese barco precisamos dunha chea de homes e mulleres do naval que nos axuden a construílo", destacan na presentación da campaña, que nos seus primeiros días acadou xa máis de dous mil euros, case un 40% do obxectivo. 

Un furioso silencio presenta "catro novos temas tan contundentes como incisivos" e ábrese co tema que dá nome ao EP e que lembra a catástrofe do Prestige coincindindo co 20 aniversario do desastre ecolóxico. Inclúe tamén "Revisando os danos", unha canción que xa deron a coñecer en 2020 a través dun vídeo difundido en plena pandemia de COVID. A cara B está composta por "Un aviador irlandés prevé a súa morte", a partir do poema homónimo de William Butler Yeats e "Serás eterno", un tema para o que hai uns días a banda publicou tamén un vídeo.

Por 5 euros o ofrécese a descarga dixital do EP, por 15 o disco en formato físico, por 25 engádese ademais unha camisola e por 40 euros unha camisola e un cartaz. Por 50 euros súmase a todo o anterior unha entrada para o concerto de presentación do novo traballo, con acceso limitado a 60 persoas. A campaña de micromecenado está a ser realizada a través da plataforma ITH Crowdfunding.

"En Un furioso silencio hai letras de Lois Pereiro, remorsos do Prestige, a queixa de Yeats dos que se ven obrigados a participar en guerras alleas ou a imposibilidade de zafar hoxe de quen fomos onte", destaca a banda, que gravou este novo traballo coa súa formación habitual dos últimos anos, encabezada por Johnny Rotring (Xosé Manuel Pereiro), Ross Mero (Santiago Romero), Pablo Iglesias e Dani Punta.

Un furioso silencio contén "a mesma potencia musical e as mesmas letras acedas e cheas de ironía" que sempre caracterizaron á banda e dálle continuidade á publicación, hai catro anos, de Memorias do Óxido, un disco dobre que recuperaba cancións inéditas e actuacións en directo, abranguendo un total de 25 temas. O novo traballo ofrece as inevitables referencias mariñeiras e navais dunha banda coruñesa nacida en paralelo á revista La Naval e a unha reivindicación "neoatlantista"

Radio Océano estivo activo entre 1982 e 1987, con varias formacións e só un disco (Nin falta que fai, gravado de forma apresurada en Radio 3). A pesar da inactividade, os himnos de punk escuro e atlántico, con referencias á reconversión naval de Radio Océano permaneceron no imaxinario colectivo e a banda regresou aos escenarios a partir de 2010.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.