"Noutras épocas supostamente as mulleres aspiraban a seren mantidas, agora é a nosa fobia máis radical"

Yolanda Castaño presenta o poemario 'A falsa autónoma' © Alberto Pombo

"Preocúpame profundamente a deriva deste turbocapitalismo voraz, salvaxe e perverso", salienta a poeta Yolanda Castaño, que vén de publicar 'A falsa autónoma' (Xerais)

Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) fala de precariedade, autoexplotación, machismo, coidados, débedas e expectativas nun poemario que non deixa indiferente. A falsa autónoma, que vén de publicar Edicións Xerais, gañou o Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña en 2022 e, desde entón, a vida cambiou moito para a poeta compostelá, que recibiu o Premio Nacional de Poesía por Materia (Xerais, 2022) hai dous anos e agora ten unha axenda aínda máis esixente que antes.

A falsa autónoma preséntase este sábado, 29 de marzo, ás 12h na libraría Berbiriana da Coruña xunto á responsable de Cultura da Deputación da Coruña Natividade González e ao poeta Ismael Ramos. O luns, día 31, Yolanda Castaño estará na cita dos Poetas Di(n)versos no auditorio do Centro Sociocultural Ágora da Coruña con Séchu Sende e co poeta e narrador luandés Ondjaki a partir das 20h.

Para situar o tema do poemario, que tal o resume o verso “Fame, en galego, pronúnciase fame” do poema Fuck me I’m famous?

É un dos aspectos da cultura neste recanto do mundo, en sentido amplo, e nunha lingua minorizada entendo que máis acusado, pero o traballo na cultura –mesmo se implica esa exposición que ás veces é un gravame de por si– non é un camiño de rosas. O recoñecemento da creación como traballo, a dignificación do oficio cultural, aínda son terreos por conquistar.

De feito, se cadra aínda temos demasiado gravado pola educación patriarcal que as mulleres non deben falar de cartos.

Efectivamente, as calidades tradicionais asociadas ao rol tradicional da muller sempre pasaban pola discreción, abnegación, austeridade, etc. Unha proba diso é que unha das citas que abren o libro é unha hipercoñecida frase de Virginia Woolf –“unha muller ten que ter cartos e un cuarto propio”– da que na memoria colectiva adoita caer a parte dos cartos. Aínda se ve con máis receo falar de cartos no caso dunha muller. Ás veces o mandato da elegancia tamén ten sido moi perverso para con nosoutras.

Yolanda Castaño recibiu o Premio Nacional de Poesía en 2023 por 'Materia' © Alberto Pombo

Este poemario gañou a XXI edición do Premio Miguel González Garcés no ano 2022 pero chegan agora ás lectoras e lectores, a que se debe este desfase temporal?

A verdade é que tivo que ser así por motivos puramente burocráticos, houbo unha serie cambios da Deputación da Coruña no proceder do premio en canto á publicación, que considero moi positivos, porque antes os gañadores saían editados nunha colección da propia Deputación e agora sae a concurso e as editoriais concorren para poder editar o premio. Valóroo moi en positivo porque os libros van gañar en distribución e visibilidade, e á fin e ao cabo lectoras, que é o que procuramos.

Para min, moi persoal e intimamente mudaron bastante as cousas dende que escribín o libro ata agora, pasaron moitas cousas polo medio... Este libro foi escrito entre o verán de 2021 e o inverno de 2022, como un ano despois de escribir Materia. Que é unha cousa absolutamente inusual en min, nótase que estes contidos estaban aí petando á porta xa dende había tempo, porque tan axiña despois de rematar un libro me veñan tantas ideas, tanta vontade e un proxecto libresco coma este non é habitual en min para nada. Remateino no comezo da primavera de 2022 e dende aquela pasou un tempiño ata agora que o vexo negro sobre branco.

"En xeral, creo que todas temos claro que a pandemia serviu bastante para sacar a relucir todas as vulnerabilidades do sector cultural e de certos traballos efectivamente inestables"

Nestes poemas d’A falsa autónoma hai uns ecos moi presentes da pandemia e do que supuxo para vostede como creadora e como traballadora da cultura.

Creo que non só para min, que este libro apela a calquera creador ou creadora, pero tamén a calquera traballadora da cultura no sentido máis amplo posible. Incluso estou recibindo bastantes comentarios de traballadoras autónomas doutros sectores. Penso que a clase traballadora se está polarizando moito entre traballadoras indefinidas estables e inestables. En xeral, creo que todas temos claro que a pandemia serviu bastante para sacar a relucir todas as vulnerabilidades do sector cultural e de certos traballos efectivamente inestables. Que non puidésemos traballar e, polo tanto, non puidésemos recibir ningún tipo de diñeiro rebelouse como unha situación moi vulnerable para moitas persoas e provocou moitas reflexións.

Agora que volve sobre o libro para presentalo, como o sente? Porque parece que hai moito ímpeto nestes versos, e moita forza.

Hai moitas emocións neste libro, dende a rabia ata o desespero; pero tamén reflexións que xa viñan de atrás e seguen vixentes que, máis alá da vivencia subxectiva, aluden ao sistema económico no que seguimos afogadas, inmersas e cun horizonte pouco esperanzador. Preocúpame profundamente a deriva deste turbocapitalismo voraz, salvaxe e perverso. Creo que libro fala moito sobre este sistema económico e a experiencia do traballo tal e como se entende hoxe: a autoexplotación, a débeda... cuestións que seguen aí.

E esa obriga de ser produtiva constantemente, que menciona no poema Norias de obediencia.

Na que estamos absolutamente todas e todos inmersos. É como unha maquinaria insaciable, e iso é o perigoso. E as implicacións emocionais, que creo que se están vendo na taxa de problemas de saúde mental que se están acusando, é un saldo que nos ten que preocupar profundamente. É moi difícil escapar do imperioso mandato da produtividade, sobre todo por esa cara perversa do sistema que che fai como vítima e parte ao mesmo tempo.

Cuberta do libro editado por Xerais © Xerais

A falsa autónoma ten unha relación estreita con Economía e poesía. Rimas internas, premio Ramón Piñeiro de ensaio en 2023, que publicou en Galaxia?

Claro, están bastante emparentados. Foron bastante paralelos e as reflexións que están aí me acompañaron durante moitos anos. Pareceume un exercicio interesante e estimulante esa transcodificación que trata de levar os contidos por unha banda ao código ensaístico e pola outra á linguaxe poética, por forza bastante distante entre elas e con características moi de seu cada unha delas, pero que poden dalgún xeito ser complementarias.

Vostede que participa en festivais de poesía por todo o mundo, acaba de chegar de Croacia e estará en abril en Italia e Abu Dabi e en maio en Colombia, tivo a oportunidade de compartir con poetas doutras nacionalidades a temática destes libros?

A verdade é que as ideas que están tanto no poemario como no ensaio si que as levo un bo tempo compartindo e vexo moitísima complicidade, un aliñamento total e despois tamén moita curiosidade e interese por como abordalas nestes xéneros literarios. As situacións son moi parellas, pero é certo que se observan Estados con mellores condicións e outros en peores. En Alemaña ou nos países nórdicos hai unha situación un pouco menos hostil e con maiores posibilidades de traballo para as escritoras, e en certos países latinoamericanos encóntranse nunha fase anterior do desenvolvemento deste oficio da literatura e da escrita.

"A min sempre me estimula remangarme e enlodarme, meterme en cuestións nas que penso que a poesía ben podería ter algo que dicir, como unha linguaxe máis"

Houbo bastante debate arredor do ensaio Economía e poesía. Rimas internas e agardamos que se reedite con este poemario, pois é bastante inédito que se aborde de maneira tan aberta a precariedade na que estamos inmersas dende a poesía.

Dende logo non é elegante falar de cartos, e menos en poesía. Non é un tema habitual, pero eu creo que a poesía ten que facer precisamente iso porque ese é o xeito no que eu entendo a poesía, como unha ferramenta e unha linguaxe que aborde temas espiñentos, que para iso está, porque para referendar o statu quo entendo que non. Como sempre digo, non é poético o tema senón que o poético é o tipo de ollada que bota sobre a cuestión. A min sempre me estimula remangarme e enlodarme, meterme en cuestións nas que penso que a poesía ben podería ter algo que dicir, como unha linguaxe máis. O sistema actual está sendo analizado por economistas, sociólogas, politólogos, algunha que outra filósofa... pero penso que pola nosa banda a linguaxe poética tamén pode ter algo que achegar ao discurso, sobre todo nunha situación tan imperiosa como esta época que estamos a vivir. Oxalá provoque algunha reflexión.

Cre que dentro do sistema cultural galego vaise poder producir ese debate ou as cousas están demasiado coartadas para que a xente poida falar disto abertamente?

A ver, tampouco é tan diferente a outros sistemas de dimensións non só semellantes, incluso maiores. Entendo que nos sistemas relativamente pequenos unhas boas relacións e unha actitude cordial, amable e pouco reivindicativa favorecen, se cadra, as relacións futuras e os intercambios que destas se poidan derivar. Tamén está o que ás veces se chama liberdade individual, pero é individual, non comporta un sentido do colectivo: claro que ti podes exercer o teu parecer individual e a lexitimación das túas circunstancias, eu só poño o acento na reverberación, nos ecos, nas consecuencias que esas actitudes máis individualistas poden ter na comunidade. A partir diso, cada unha que faga o que a súa liberdade individual lle dite.

Castaño acaba de chegar dun festival poético en Croacia e visitará Italia, Abu Dabi e Colombia nos vindeiros dous meses © Alberto Pombo

"Ao final, o premio é poder seguir traballando"

Antes comentaba que as súas circunstancias persoais mudaron bastante desde que escribiu este poemario, supoñemos que en parte por todo o que trouxo o recoñecemento do Premio Nacional de Poesía, que outorga o Ministerio de Cultura, para Materia (Xerais, 2022).

Iso foi un xiro de guión completamente inesperado no meu camiño literario, quen podía esperar algo así? Eu, dende logo, non. Non nego que foi unha tremenda sorte e que un acontecemento como o Premio Nacional che dá acceso a máis e mellores traballos. Ao final, o premio é poder seguir traballando. Para alguén coma min, que vive disto, as cousas mudaron para mellor.

E menos mal!

Ás veces pasan estas cousas dos contos de fadas, eu pensaba que non, pero parece que de cando en vez si.

Pero xa tiña levantado moitos proxectos como o ciclo Poetas Di(n)versos, a Residencia 1983 na Coruña ou o Obradoiro Internacional de Tradución Poética.

É certo que eu xa tiña unha base dunha dinámica de traballo e dun tipo de actividade que simplemente se incrementou co efecto do premio. Pero claro, é que eu no ano 2022 fixen vinte viaxes ao estranxeiro, din un grande impulso á residencia literaria que hoxe en día está repleta de autores e autoras. Xa tiña unha axenda que me mantiña moi activa no circuíto galego e estatal, o premio foi un apoio pero partía dunha certa base, si.

No poemario tamén se refire a esa especie de careta que todas poñemos para saír o exterior e que pareza que non nos pasa nada. Ese glow de dous euros cincuenta co que brillar nas fotos do que fala no poema Todo o que reloce ou mesmo as cousas das que fala o poema tan ben titulado Indi text.

O libro analiza o momento actual e as súas circunstancias político-económicas, e tamén se fixa en certas fórmulas da contemporaneirade como a de ser a túa propia xefa ou a autoexplotación. Esa é a perversidade do propio sistema que comentaba antes, que é capaz de facerte sentir vítima e parte ao mesmo tempo, co extra de frustración que iso comporta ademais; pero que á vez che permite actuar de maneira que non se note o que estás padecendo. Eu xa teño dito que nas fotos si que pretendo saír favorecida, pero nos poemas para nada: aí mostramos todas as nosas vulnerabilidades, as nosas contradicións... Estar inmersas neste sistema é ser capaz de ollar cun ollo a súa voracidade, mesquindade e perversión, pero co outro estar dentro e mesmo ser parte del.

"Nas fotos si que pretendo saír favorecida, pero nos poemas para nada: aí mostramos todas as nosas vulnerabilidades, as nosas contradicións..."

A vivencia desta precariedade dende unha muller ten unhas peculiaridades que tamén aborda no libro, como no poema Antes morta (ca mantida).

Aínda por riba coa expectativa do empoderamento. As mulleres queriamos incorporarnos ao traballo na esfera pública e conseguímolo, moi ben, pero polo camiño tampouco nos liberamos dos outros traballos vinculados aos coidados e a certos imperativos que estaban tradicionalmente asociados ao noso rol de xénero. Se ben noutras épocas históricas a aspiración das mulleres supostamente era a de seren mantidas, agora a nosa fobia máis radical é precisamente esa: o que sexa menos ser unha mantida, por suposto. O peso de todas esas expectativas e eses mandatos recae sobre os nosos ombreiros, e o que queda polo camiño somos nosoutras. Se a esixencia pasa por que sexamos óptimas profesionais, cun aspecto impecable, ademais atendendo aos coidados e aos afectos, estando sempre onde temos que estar... polo medio, o que queda somos nós (ou parte de nós). De aí vén o problema que se agrava coa cuestión de xénero: débeda e xénero, as mulleres como permanentemente endebedadas, nun perpetuo ademán de servir ou de compensar a alguén ou a algo. Ese autoesixencia, por culpa das expectativas sobre nós, deriva nunha autoexplotación cando falamos do terreo do traballo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.