Nace o Premio Trevo, un acto de amor que busca a excelencia literaria

Daniel Ugarte, impulsor do Premio Trevo de narrativa galega © cedida

"Mentres podes seguir construíndo cousas con elas semella que as persoas non morren de todo", di Daniel Ugarte

O Premio Trevo de narrativa nace para manter viva a memoria de María Duro Mansilla (Santiago de Compostela, 1980-2022), licenciada en Ciencias Políticas e especialista na xestión de políticas migratorias e da protección de datos persoais, que traballou para diferentes organismos da Unión Europea ata o seu falecemento. “Ela era unha lectora moi esixente. Cando faleceu tiven a idea de tentar organizar algo que premiase a literatura de calidade en galego”, conta a súa parella, Daniel Ugarte.

Está previsto que a obra gañadora se coñeza o vindeiro 11 de outubro, a tempo para avisar á escritora ou escritor premiado e que poida asistir ao encontro que celebrarán o xoves 23 na libraría Couceiro de Santiago.

Para comprender de onde vén este premio hai que remitirse a un libro, O trevo de catro follas (Edicións Morgante), que Daniel escribe practicamente a catro mans con María. Só que ela deixara escrito nos seus cadernos o material que el decide recuperar e novelar como “unha maneira de seguir en contacto con ela durante todo o tempo que dura a escrita” porque “mentres podes seguir construíndo cousas con elas semella que as persoas non morren de todo”, di Daniel Ugarte, licenciado en Ciencias Políticas e especialista en Dereito da Propiedade Intelectual que traballa como xestor de programas europeos desde Bruxelas.

O trevo de catro follas parte dos cadernos que lle recomendan escribir a María cando coñece o diagnóstico do cancro que a levará demasiado cedo e respecta a voz narrativa do marido que os atopa e decide reconstruír a súa historia, mais non todo o que aparece no libro sucedeu así. “Hai cousas que sucederon, pero de maneiras diferentes –detalla Daniel–. Digamos que o máis importante da obra son as reflexións dela sobre determinadas cousas, que por suposto están baseadas no que ela deixou escrito, no que me comentou a min, nas obras literarias que leu no proceso ou en cousas que falou ela con outra xente durante a enfermidade e que despois me trasladaron a min”.

Daniel Ugarte, Moisés Barcia, Marta Otero, Javier Gómez, Eva Moreda, Denís Méndez, Mario Caneiro, Fran Ferreiro, Pablo Fernández Barba e Diego Casal forman o xurado do Premio Trevo

No libro hai dous narradores en paralelo, unha que conta o proceso dunha enfermidade terminal e outro que explica o proceso do dó. “En moitos aspectos son similares porque realmente cando te enfrontas a unha enfermidade moi seria e cando te enfrontas á perda dunha persoa moi importante, algúns dos sentimentos que experimentas son moi similares”, apunta Daniel Ugarte.

Foi o seu editor, Moisés Barcia, quen propuxo vincular o premio co libro a través do seu nome. Aí xurdiu o Premio Trevo, que xa naceu coa convicción de recoñecer obras xa publicadas e dunha calidade semellante á que lle gustaría á propia María, ávida lectora. Se cadra, a ela daríalle unha pouca vergoña saberse o motivo dun premio literario, mais do que Daniel está seguro é de que gostaría de ser parte do xurado. “A experiencia de estar lendo todo, comentando... Son momentos moi agradables entre amigos, falando dos libros, que era algo que eu facía moito con ela, e que ela facía tamén con outras persoas”, salienta.

Cuberta do libro 'O trevo de catro follas', de Daniel Ugarte e María Duro Mansilla © Edicións Morgante

Así que o xurado está composto por persoas que se coñeceron a través do Galituiter nos seus inicios, que pasaron de aí á amizade e a un grupo de WhatsApp no que comentaban as súas lecturas, entre outras cousas, que deron en chamar a Confraría da Ínfima Plebe. Ademais de Daniel Ugarte e o tradutor e editor Moisés Barcia, no xurado participan a xornalista Marta Otero, o teórico e crítico literario Javier Gómez, a novelista Eva Moreda, o licenciado en xornalismo e funcionario da USC Denís Méndez e os escritores Mario Caneiro, Fran Ferreiro, Pablo Fernández Barba e Diego Casal.

As dez finalistas son obras de Berta Dávila, Sara Vila, Cecilia F. Santomé, Sara Guerrero, Blanca Riestra, Emma Pedreira, Xabier López López, César Cequeliños, Alberto Ramos e Xavier Alcalá

Despois dunha extensa selección na que se tiveron en conta máis de setenta títulos de narrativa en lingua galega publicados no último ano –“Puxémonos a ler como tolos”, lembra Daniel– chegaron a estas dez obras finalistas: A ferida imaxinaria (Xerais), de Berta Dávila; O incendio (Xerais), de Sara Vila; As despedidas (Xerais), de Cecilia F. Santomé; Eu son o monte (Euseino?), de Sara Guerrero; Tritón (Aira), de Blanca Riestra; A boca da sombra (Aira), de Emma Pedreira; Contra biografía (Galaxia), de Xabier López López; Sábeme a salamántiga o ceo da boca (Galaxia), de César Cequeliños; Pirotecnia (Galaxia), de Alberto Ramos; e A capital do mundo (Galaxia), de Xavier Alcalá.

Neste premio, que conta cunha dotación económica de 1.504,80 euros, cabe calquera obra literaria de narrativa (novela, colección de relatos, libro de viaxes, colección de artigos xornalísticos) escrita orixinalmente en galego, e publicada por primeira vez no ano anterior ao de cada convocatoria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.