Arredor de 'Economía e poesía' de Yolanda Castaño, unha reflexión necesaria e o relato dunha loita persoal

'Economía e poesía: rimas internas' © Editorial Galaxia

Hai libros de ensaio que resultan necesarios para iniciar un debate serio sobre un asunto (non quero chamalo problema, aínda que se cadra debería), que sen ser estritamente de interese xeral resulta crucial para un colectivo (poetas) e para a colectividade (cando menos para esa que vive en galego). 

Esta non é unha crítica senón un comentario arredor dun libro, escrito, observarán, como un micro-ensaio literario, sen máis pretensión que vindicar a necesidade seria de debater, sen liñas vermellas nin cancelacións baseadas no odio particular ou de clan. Por iso, disimulen, tamén incluín algunhas anécdotas persoais que considero que veñen a conto para ilustrar as varias reviravoltas do noso sistema literario, disecado até a fondura das cisternas máis agochadas neste libro, Economía e Poesía, da autoría de Yolanda Castaño.

Hai libros de ensaio fundamentais para unha terra e un tempo, e outros que non acadarán xamais esa categoría. O libro que hoxe comento ten a circunstancia dos primeiros, por oportunidade e contido, que son dúas características ben distintas. Oportunidade, pois en varias entrevistas que lle fun lendo nos últimos tempos, Yolanda, coas limitacións de espazo e de tempo típicas do xénero xornalístico, bosquexaba variados argumentos e explicacións da súa tese, mais non os desenvolvía en profundidade. Aquí, no libro si. Ela vai deluvando así, en progresión razoada, exemplos, argumentos, razoamentos e conclusións, pasando do individual ao universal, de xeito que na fin sabemos, con reiteración, cales son as súas coidas e cales as súa loitas, cales os seus afáns e cales tamén algunhas das cicatrices que este demorado proceso de reflexión levou aparellado. Todo isto nun ton por veces irónico e, xa se sabe, seguindo aos etólogos máis reputados, a ironía non é outra cousa que agresividade modulada polo ritual (neste caso as boas maneiras). 

Capa de 'Economía e poesía' © Editorial Galaxia

O contido artellase arredor dun tema central, que é en realidade unha pregunta: pódese vivir profesionalmente da poesía? Singularízase deseguida o contexto para construír argumentos sobre a posibilidade de facelo en Galicia

O contido artellase arredor dun tema central, que é en realidade unha pregunta: pódese vivir profesionalmente da poesía? Singularízase deseguida o contexto para construír argumentos sobre a posibilidade de facelo en Galicia. A autora fala case sempre a partir da experiencia propia, dos traballos de Penélope asumida coma power-girl, tecendo e destecendo argumentos para convencer a institucións públicas e fundacións privadas, que as inversións en cultura poden ser beneficiosas para a sociedade e para o sistema cultural que sustenta e a sustenta. O ton ten como unha das súas compoñentes principais a crítica ao sistema literario e político galego aparellada, en contraposición, á reivindicación da profesionalidade da autora alcanzada, tal parece, tras un exercicio constante de ter correa e determinación (o que os anglosaxóns dirían grit and determination), para confrontar, colixo, unha morea de agresións e desgustos, nun crescendo de rabia nin sempre contida, que agora agroma con ironía e sen complexos.

A autora fala case sempre a partir da experiencia propia, dos traballos de Penélope asumida coma power-girl, tecendo e destecendo argumentos para convencer a institucións públicas e fundacións privadas, que as inversións en cultura poden ser beneficiosas para a sociedade e para o sistema cultural que sustenta e a sustenta

Hai libros de ensaio que resultan necesarios para iniciar un debate serio sobre un asunto (non quero chamalo problema, aínda que se cadra debería), que sen ser estritamente de interese xeral resulta crucial para un colectivo (poetas) e para a colectividade (cando menos para esa que vive en galego). Conta Yolanda que existe unha discriminación entre os poetas que len os seus versos (e en non poucas ocasións complementan esa actividade con outras expresións artísticas) e os músicos que os acompañan nos mesmos festivais: así, está moi difundida entre programadores (espero que non profesionais) e poderes públicos a práctica de denigrar o traballo dos poetas con paternais maternidades. Pagan o continente (o equipo de son, o local, a propaganda do propio acto, se cadra tamén un ágape) e pagan, segundo conta Yolanda, o contido mais de xeito clasista (os músicos, si, que actúan como intérpretes, e por tanto técnicos, e os poetas, non, pois o seu traballo ven directamente infuso dun entendemento con musas e outras asociacións esotéricas). Hai aínda entre os programadores ben intencionados (espero que non profesionais), argumentos igualmente reaccionarios, como dicir que sempre foi así (coma o escravismo, coma o maltrato, coma a desigualdade), que convidándoos a ler/declamar os seus poemas están, en realidade, contribuíndo á súa promoción (non queda claro se a dos propios poetas ou a do festival que eses programadores representan). Esta actitude está moi enraizada entre os partisanos nacionalistas (de todas as opcións), que entenden a participación dos poetas en festas e recitais como actos de militancia altruísta no individual e de axitación política no colectivo. 

Teño escoitado parellos argumentos e números aos presentados en Economía e Poesía, por boca de escritores de prosa e poetas doutras latitudes e sistemas literarios tan distintos do noso como o francés, o neerlandés, o arxentino ou o británico. A conclusión de todos eles, que eu fago miña, é que un sistema literario pode admitir un número máximo de escritores profesionais

Certo que existen fundacións e entidades públicas que non sustentan esas prácticas de abuso e que, por tanto, non deberían de se sentir nin feridas nin referidas. Mais saben tamén que constitúen unha minoría e, por tanto, unha excepción á regra do abuso. Compre dicir tamén, que, ao meu entender, esa situación de abuso se ven modificando de xeito progresivo aínda que lento, e precisamente por acción de personalidades afoutas e exemplares que turran polos seus dereitos. 

Eses argumentos empregados por Yolanda, con exemplos vividos en primeira persoa, onde denuncia o intento de mercar a súa forza laboral sen calquera compensación económica, son todos eles moi válidos. Podo asumir como propios todos e cada un deles. Non só os comparto, senón que xa hai quince anos usei argumentos semellantes cando escribín “o salario dos escritores”, onde calculaba o salario medio dun escritor en 0,1 €/hora. Consideren, como referencia, que un camareiro mal pago en Vigo gaña arredor de 7€ a hora (comunicación persoal), e un albanel pediume hai un ano 14€ a hora, ou sexa, fagan as súas contas. 

Teño escoitado parellos argumentos e números aos presentados en Economía e Poesía, por boca de escritores de prosa e poetas doutras latitudes e sistemas literarios tan distintos do noso como o francés, o neerlandés, o arxentino ou o británico. A conclusión de todos eles, que eu fago miña, é que un sistema literario pode admitir un número máximo de escritores profesionais. Os demais terán que se buscar a vida tendo a literatura como complemento, mais nunca como profesión única. Pódese entender coma un argumento clasista. Éo, probabelmente, mais pragmático e realista tamén. Non construamos quimeras potenciais, na que todas as poetas e os poetas poidan vivir dos seus versos. Nin aquí nin no mellor dos mundos posíbeis. 

Yolanda Castaño Dominio Público

Sempre que participei nun xurado dun premio ou dun concurso de méritos, turrei pola existencia de rexistros individuais por obra presentada e transparencia no uso e avaliación dos parámetros cuantitativos e/ou semicuantitativos empregados para a selección, o que me converteu, enténdase, nun xurado incómodo, por transparente e pouco dado á endogamia

Nós, como escritores galegos, formamos parte dun país sen estado e cunha forte desproporción no uso da lingua propia. Esas circunstancias dificultan cando non entorpecen a asunción do rol de promotores da cultura galega de mans das autoridades públicas e das empresas e fundacións privadas. É unha falla de apoio que se retroalimenta. Non se apoia a literatura en galego e á cultura galega e entón o uso e promoción diminúe e a outra lingua co-oficial medra e, daquela, o interese en promocionar o galego redúcese ‘por que non o demanda a xente’. Hai que ter en conta, actitudes inocentes aparte, que todas esas entidades, públicas ou privadas, cando precisan tomar decisións sobre a utilización dos orzamentos que lles foron asignados, adoitan entender as subvencións como unha manobra de marketing en beneficio propio (promocionando a aqueles artistas xa mellor situados no mercado, o que proporcionará aos donantes de fondos un prestixio engadido, outra retroalimentación), ou ben usándoos como unha sinecura para os amigos e afíns ideolóxicos. O feito probado de que nin as actas nin os parámetros usados en concursos de méritos ou manifestacións de interese sexan públicos e verificábeis, fala moito desta posibilidade a todos os niveis das administracións ou das fundacións privadas. Sempre que participei nun xurado dun premio ou dun concurso de méritos, turrei pola existencia de rexistros individuais por obra presentada e transparencia no uso e avaliación dos parámetros cuantitativos e/ou semicuantitativos empregados para a selección, o que me converteu, enténdase, nun xurado incómodo, por transparente e pouco dado á endogamia.

Yolanda Cataño propón certas medidas para dignificar a figura das poetas, e para esixir máis e mellores investimentos públicos. Sinto ser moderadamente optimista e pensar que algo se vai mellorando, mais permítanme que sexa tamén moderadamente pesimista, e dicir sen espaventos que para avanzar, como Yolanda apunta, necesitamos ter correa e determinación (grit & determination)

Algúns de nós (entenderán que non poida falar por unha maioría nin me poida erixir en bandeirante dunha profesión tan diversa, por iso falo de algúns e non de moitos, para esas xeneralización vulgares xa están os mestres da propaganda e da manipulación), os poetas, os escritores e, en xeral, os creativos sexa da especialidade que sexa, estamos, con matices e argumentos complementarios, por descontado, na mesma liña de pensamento e desexo que Yolanda. Precisamos respecto e remuneración polo noso traballo, certamente. Mais tamén é certo, que desprazado o foco cultural da presenza física ás pantallas, cada vez é menos o investimento dos poderes públicos (sempre os mesmos en permanencia predicíbel) e das fundacións privadas en proxectos culturais anovadores. A tendencia é a financiar sobre seguro, ou sexa a aqueles artistas (poetas incluídos) que poidan incrementar o prestixio daqueles que financian.

Como corolario, dicir que neste ensaio, Economía e Poesía, Yolanda Cataño propón certas medidas para dignificar a figura das poetas, e para esixir máis e mellores investimentos públicos. Esas conclusións deberían ser asumíbeis pola meirande parte das institucións públicas e/ou privadas e ese tamén debería ser o resultado final dun debate serio, mais non se anoxen se lles digo que nesta terra e neste tempo, os debates ou non se dan ou non son serios senón viscerais. Sinto ser moderadamente optimista e pensar que algo se vai mellorando, mais permítanme que sexa tamén moderadamente pesimista, e dicir sen espaventos que para avanzar, como Yolanda apunta, necesitamos ter correa e determinación (grit & determination).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.