Tanxugueiras, O Son do Camiño, O Corno, Yolanda Castaño, As Bestas, os "eventos culturais do Camiño de Santiago" e a programación da Cidade da Cultura acumulan as máximas mencións entre o máis destacado da cultura en 2023 para os seus xestores
Do 15 de xaneiro ao 9 de febreiro, profesionais e directivos das entidades culturais galegas contestaron diferentes preguntas para o que será o Barómetro da cultura galega do ano 2023, unha iniciativa promovida polo Consello da Cultura Galega desde 2020, co que se traza unha panorámica do sector. Entre esas preguntas inclúese unha sobre a oferta cultural máis destacable no pasado ano: o grupo musical Tanxugueiras, o festival O Son do Camiño, o filme O Corno, a poeta Yolanda Castaño, a película As Bestas, os "eventos culturais do Camiño de Santiago" e a programación da Cidade da Cultura acumulan as máximas mencións.
960 entidades do sector cultural participaron nesta enquisa, na que se procesaron un total de 1.314 respostas. Ata 79 categorías distintas poden diferenciarse entre as respostas pero, como explican no documento de traballo O máis destacado da cultura galega en 2023 segundo os seus xestores que publica o Consello da Cultura, "recóllense nove referencias que destacan claramente por riba das demais en canto á súa porcentaxe de mención (entre o 10,3% e o 3,5%) e, dentro destas, sobresaen especialmente dúas por seren citadas por máis do 10% das persoas enquisadas: a xira das Tanxugueiras (con eventos destacados como a súa actuación no Coliseum da Coruña) e os concertos do Son do Camiño son as accións culturais máis citadas, cunhas porcentaxes de mención do 10,3% e o 10,1%, respectivamente".
En realidade, estes datos non son case unha novidade, pois na mesma enquisa para o ano 2022 o trío musical formado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro xa quedara na segunda posición cunha porcentaxe de mención do 21,1%; mentres que o festival patrocinado pola Xunta que se celebra no Monte do Gozo aparecía en terceiro lugar cun 10,4% de mencións. Unha categoría que denominaban 'Eventos culturais do Xacobeo / Camiño de Santiago' encabezaba a listaxe cun 22,3% de mencións en pleno Ano Santo (bis). Un ano despois, un concepto equivalente aparece no sexto lugar cun 4% de mencións.
"Coa excepción da escritora Yolanda Castaño, os eventos musicais e o éxito do audiovisual galego concentran a maior parte das respostas"
"A modo de resumo, pode comprobarse que, coa excepción da escritora Yolanda Castaño, os eventos musicais e o éxito do audiovisual galego concentran a maior parte das respostas", certifican no informe do Consello da Cultura.
O filme rodado en lingua galega O corno, de Jaione Camborda, gañador da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e do Goya á mellor actriz revelación para Janet Novás, foi citado polo 7,4% da mostra e aparece en terceiro lugar. Da mesma maneira que na enquisa de 2002, e tras os éxitos colleitados nos Premios Goya de 2023, o filme de Rodrigo Sorogoyen As bestas volve ocupar unha posición destacada, a quinta, tras ser citado polo 4,4% das persoas entrevistadas. Ademais, a súa repercusión déixase sentir noutras categorías, como a mención ao actor Luis Zahera (0,9%).
En xeral, os datos referidos a 2023 volven mostrar o gran momento do audiovisual galego (3,5%). As bestas mantén a repercusión, pero destácanse como éxitos do ano as películas O Corno e Matria, de Álvaro Gago, tanto polos seus premios e candidaturas (2,3%) como polo papel desempeñado pola súa protagonista, María Vázquez (0,7%).
Entraron por primeira vez como categorías diferenciadas as manifestacións culturais relacionadas coa celebración do Entroido, citadas polo 0,8% da mostra. Outra novidade é o himno do centenario do Celta de Vigo asinado por C Tangana, que logra un discreto 0,7% de mencións, por detrás de categorías como a da Xunta de Galicia e os seus organismos culturais (AGADIC etc.), que aparece no 1% das respostas.
Os datos referidos a 2023 volven mostrar o gran momento do audiovisual galego (3,5%)
O WOS Festival, o regreso do programa infantil Xabarín Club, o Festigal ou a Real Academia Galega, entre outros, tamén se incorporan á lista da que caen o Cineuropa ou o festival vigués O Marisquiño, entidades como a Real Filharmonía de Galicia ou a programación das deputacións da Coruña e Pontevedra. Os festivais de música en xeral aparecen mencionados no 3,9% das respostas, entre os que destacan o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, o Festival Sinsal e o Resurrection Fest.
Na cuarta posición da lista xeral está a mención a Yolanda Castaño (5,5%), galardoada en 2023 co Premio Nacional de Poesía por Materia (Xerais). En relación cos premios literarios cómpre citar outras mencións, como a de Paula Carballeira (2%) e o seu Premio Nacional de Literatura Dramática por As Alumnas (Galaxia) ou a categoría colectiva 'Outros galardóns literarios nos ámbitos autonómico e estatal' (0,7%), que recolle alusións ás persoas galardoadas cos premios Blanco Amor ou Xerais.
Destacan Ledicia Costas, Arantza Portabales e Pedro Feijóo, así como o último libro de Carlos Callón e a obra dramática póstuma de Domingo Villar
En concreto, cítase a autoras e autores de relevancia como Ledicia Costas (0,7%), Arantza Portabales (0,3%) ou Pedro Feijóo (0,3%), último gañador do Premio Xerais de Novela; así como a obra O libro negro da lingua galega de Carlos Callón (0,3%) ou a publicación póstuma de Síbaris de Domingo Villar (0,3%). Só aparece mencionado un falecemento e é do do mestre e escritor Miguel Ángel López González, o Hematocrítico, ao que fixo alusión o 0,5% das persoas enquisadas.
"No que atinxe á oferta teatral, cómpre destacar a referencia á obra Iribarne de ButacaZero (citada polo 0,5% da mostra) e a eventos como o Festival Internacional Outono de Teatro - FIOT Carballo (0,9%), a Mostra de Teatro de Ribadavia (0,4%) ou os Premios de Teatro María Casares (0,3%). O 2,6% da mostra fixo referencias xenéricas a outras producións e programacións teatrais", sinálase no informe publicado polo Consello da Cultura.
No que se refire ás artes plásticas, a 'Celebración Picasso 1973-2023', referida á exposición Picasso branco no recordo azul, que se puido ver no Museo de Belas Artes da Coruña, acumula o 1,8% das mencións. Mentres que as diversas exposicións da Fundación Marta Ortega Pérez son as outras mencionadas –a de Helmut Newton (1,6%)– xunta ás diferentes mostras Cidades no tempo (0,7%), coordinadas por Manuel Gago para Afundación.
Tamén recibiu un número importante de mencións a Feira das Industrias Culturais de Galicia, a Culturgal, cun 2,4%. Así como o Seminario de Estudos Galegos 81,1%), que celebrou en 2023 o seu centenario.
O informe pon de relevancia que "das 23 categorías referidas a artistas, creadores ou intérpretes, as tres primeiras sexan mulleres e en total de 10, o que supón o 44%. Se se contan os votos, elas superan amplamente o resultado deles, ao sumar 293 mencións (70%) fronte a 127".