Yolanda Castaño recibiu a boa nova do Premio Nacional de Poesía 2023, outorgado polo Ministerio de Cultura, a milleiros de quilómetros de Galicia. Eran as seis da mañá en San Cristóbal de las Casas, en Chiapas (México), onde participa recitando a súa obra nun festival de poesía internacional, cando viu as abundantes notificacións no seu teléfono móbil.
Di que non o recomendaría a ninguén a quen apreciase porque lle segue parecendo dunha dificultade extraordinaria, pero Yolanda Castaño é das poucas escritoras que pode afirmar que vive da poesía: “Nunca pensei que puidera chegar a logralo, pero ás veces hai que soñar o imposible e descrer todas as voces que che din que é imposible para que, a base de traballo, poidas conseguir algo así”.
A ningunha poeta galega lle sorprendeu o feito de que este recoñecemento atopase a Castaño fóra da casa, pois a compostelá dedica gran parte do ano a espallar os seus poemas galegos polo mundo adiante e a crear alianzas que sitúan a poesía escrita en galego nos festivais máis selectos. A compostelá é a cuarta poeta galega en recibir este premio tras Manuel Álvarez Torneiro, Pilar Pallarés e Olga Novo.
“Ninguén saímos por xeración espontánea nin o traballo de ninguén sae da nada. No meu caso sae dunha tradición secular, un auténtico tesouro, que é o da tradición literaria galega. Como non tirar por ela! Como non sentirme parte dunha comunidade!”, argumenta Yolanda Castaño dende México.
"Creo que a poesía tamén se debe a esa actitude de cuestionar o statu quo, as verdades herdadas, as opinións de segunda man, as expectativas que existen e os valores aparentemente inamovibles que deglutimos de maneira ás veces pouco crítica"
Yolanda Castaño leva trinta anos participando activamente da poesía a través dos seus poemarios como O libro da Egoísta, Profundidade de campo ou A segunda lingua, dos recitais e dos diferentes proxectos que lidera nos que sempre busca conectar poetas de distintas tradicións literarias. “Alá onde vou intento que queden os regos abertos para que se siga contando con poesía galega xa que me sinto moi orgullosa dos altos estándares de calidade que ten, da capacidade de asumir riscos e de abrir camiños”, sinala.
Materia, o poemario editado por Edicións Xerais destacado agora co Premio Nacional e que xa foi Premio da Crítica, encaixa na definición da poesía que asume riscos porque levas as lectoras e lectores a reflexións certamente silenciadas na sociedade. “Boa parte do discurso de Materia non é amable e asumo que poida incomodar, pero creo que a poesía tamén se debe a esa actitude de cuestionar o statu quo, as verdades herdadas, as opinións de segunda man, as expectativas que existen e os valores aparentemente inamovibles que deglutimos de maneira ás veces pouco crítica”, explica Castaño.
'Materia' reflexiona sobre a renuncia á maternidade e sinala as "implicacións de tipo social e político" que a autora atopou ao tomar esa decisión
Non chegarei a levarte da man, / nin te agarraras á miña. / Non che abrirei a persiana / a mediodía os domingos. / Non me arrincará da cama / ningún alarido co teu rostro. Principia así o poema “Non chegarei a”, que forma parte de Materia e que Yolanda Castaño escribe en relación coa poeta do Uruguai Idea Vilariño.
“Cando volvo sobre os meus poemas recupero a emoción que os impulsou e neste caso dialogo con Idea Vilariño cando ela se despedía do seu amor –amor de parella– co que nunca ía volver facer determinadas cousas, e eu leveino ao terreo deste libro, que fala da non-maternidade, da renuncia á maternidade, e onde me despido dunha filla imaxinaria que xa non vou ter porque así o decidín. Quería despedirme dela desde unha actitude reconciliada, chea de dignidade e tamén de agarimo. Son esas cousas que nunca ocorreron e que tampouco van ocorrer nun futuro”
Por que estas cousas que non chegan a ocorrer marcan tanto as mulleres? “Damos na clave ao preguntarnos, por que cabe máis a reflexión sobre isto nunha muller que nun home? É máis, non é tan habitual que a un home se lle inquira sobre se vai ser pai ou lle gustaría selo, cando a nós é unha das primeiras preguntas ao atravesar esta etapa biolóxica que acompaña a escrita de Materia.”, argumenta a compostelá.
“É un punto de inflexión biolóxico nas mulleres no que temos que tomar unha decisión definitiva a respecto de se queremos ser ou non nais. E esa toma de decisión me trouxo todas as reflexións que deitei no poemario, e que teñen moitas implicacións de tipo social e político. Decateime da desigualdade que comportaba, do marcada que estaba esta decisión e de todos os valores que implicaba”, engade.
O xurado do Premio Nacional de Poesía describe a poética de Yolanda Castaño como "directa, radical e feminista"
O xurado do Premio Nacional de Poesía describe a poética de Yolanda Castaño como “directa, radical e feminista” e valora “a poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica doente e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial”. Para Castaño resulta “entrañable” que o galardón chegue por este libro porque nel aparecen a súa comunidade, a súa familia e as súas raíces; pero considera que vén arroupado pola súa carreira como poeta e a entrega que demostra este libro, tamén dispoñible en edición bilingüe galego/castelán en Visor Libros.
Materia –que se pode escoitar en audiolibro– foi un poemario desexado durante un tempo, Yolanda Castaño levaba oito anos sen publicar cando o libro saíu do prelo en 2022 da man de Edicións Xerais. Neste tempo dirixiu proxetos como o ciclo Poetas Di(n)versos e levantou o que cualifica como “o proxecto da miña vida”, a Residencia 1983 para escritores de todo o mundo con sede na Coruña. “Este proxecto foi moi esixente, requiriu todo de min e o libro estivo latente, agardando o momento no que lle puidera dedicar toda a miña enerxía”, lembra.
"Quero seguir traballando na que é unha das miñas maiores militancias: a dignificación do oficio da escrita"
“Teño claro que seguirei traballando para contribuír a xerar máis espazos de traballo nos que outras poidan proporse vivir da escrita ou, polo menos, aumentar as súas posibilidades de traballo nela. Se hai pintoras, músicas, bailarinas ou actrices que viven do seu traballo, eu quero seguir traballando na que é unha das miñas maiores militancias: a dignificación do oficio da escrita”, asevera a poeta.
Nesa busca dunha relación máis profesional das autoras e autores coa escrita seguirá dende a Residencia 1983, na que este setembro estivo unha poeta irlandesa e que en outubro recibe a un narrador xeorxiano. O calendario para 2024 xa está pechado, así que cada mes acollerá a un escritor ou escritora chegados de diferentes lugares do mundo.