O historiador e filólogo Carlos Callón presenta estes días O libro negro da lingua galega, editado por Xerais, obra onde a través de 700 páxinas amosa e debulla multitude de documentos -moitos descoñecidos- que evidencian a represión contra a lingua galega ao longo de máis de 500 anos. Desde a época dos Reis Católicos ata a actualidade.
Dixo na presentación do libro que coñecer o pasado é o único xeito de mudar o futuro e de afrontar a situación de perigo no que se atopa a lingua galega. Por que é tan importante coñecer a represión que sufriu o galego no pasado e durante tantos anos?
Ocorre que ás veces, nesta altura, cando se fala de que o galego e o castelán están en situación de igualdade, a verdade é que esa suposta igualdade xurídica e de posibilidades nin existe nin é practicable. E é bo saber que isto que acontece agora ten unhas raíces moi profundas e que van moito máis aló que do propio franquismo, que adoita utilizarse como tópico. Coñecendo estas raíces vemos que o Estado español ten unha débeda histórica co galego.
"A igualdade entre galego e castelán non existe e isto ten unhas raíces moi profundas; coñecéndoas vemos que o Estado ten unha débeda histórica co galego"
Cando e como lle deu por analizar en profundidade esa represión sobre o galego?
Cando eu era presidente da Mesa pola Normalización Lingüística vía a bibliografía que sobre o tema se manexaba noutros territorios e observei que no caso galego non existía unha ferramenta dese estilo. Decidín facer algo, aínda que non dispuña de moito tempo e fun moi pouco a pouco... No comezo a miña idea era reunir o que estaba disperso en diferentes investigacións, pero fun atopando máis ámbitos onde traballar. No libro presento algunha novidade, pero nalgúns casos eu chego ata onde chego e serían precisos máis equipos de investigación para afondar. Por exemplo, no que atinxe ás multas durante o franquismo, fixen un traballo de investigación que durou meses e que na obra tradúcese nunhas poucas páxinas. Atopei dificultades porque serían necesarios máis ollos, máis mans e máis axudas públicas para continuar.
O libro amosa multitude de documentos que evidencian a represión contra a lingua galega durante máis de 500 anos. Onde empeza ese percorrido?
O primeiro documento co que o inicio é do 28 de maio de 1480, na época da conquista do Reino de Galicia por parte dos Reis Católicos, que establecen que para poder ser escribán non se podería usar o galego. Os reis non dispuñan de capacidade para introducir escribáns en castelán de forma masiva e o que fan é o que se fai en moitos procesos de substitución lingüística: levalo a cabo de forma paulatina. Calquera escribán, a partir de aí, tiña que ir a Valladolid e examinarse alí e a partir desa altura, os que seguen vindo a Galicia xa non van utilizar o galego. Esta é unha disposición con alcance lingüístico, pero non podemos esquecer toda a dimensión política e a substitución de clases dirixentes galegas. Se matas a nobreza galega ou a envías ao exilio, iso tamén ten repercusións lingüísticas, obviamente. E non foi un proceso pacífico, como se demostrou no caso dos arcebispos, que ían alternando entre os que usan os castelán e os que recuperan o galego, creando un conflito significativo.
"O da violencia escolar é sorprendente e a xente quítalle importancia, asúmese como que formaba parte da educación que tentasen eliminarnos a lingua"
Cales foron os documentos que máis o sorprenderon?
Neste traballo que durou oito anos, principalmente de fins de semana, vacacións e do tempo que me deixaba a miña vida profesional e persoal, o combustible para continuar era precisamente ese: ir atopando algo que me sorprendese. Un que me chamou a atención foi o regulamento escolar de finais do século XVIII en Pontevedra e a cantidade de documentos que hai -e que aínda pode haber por atopar- sobre como perseguir os nenos que falen galego. Advertíase de que os rapaces tiñan que perseguirse uns aos outros mesmo fóra do recinto escolar e que aqueles que fosen "incorregibles, se deshecharían". Expulsábanos da escola!
Pois si que sorprende, aínda despois de tanto tempo.
É que o da violencia escolar é algo sorprendente. Moitas veces fálase de que o galego perdeu prestixio... O que houbo foi violencia simbólica e tamén física e podémola documentar desde o ano 1543 ata 1980. Durou todo este tempo e existiu antes e despois do franquismo. Hai un testemuño do ano 1923, bastantes anos antes da ditadura franquista, de Santiago Álvarez, fundador do Partido Comunista de Galicia, que é moi revelador. No seu libro de memorias conta como el era galegofalante e era o mellor da clase, o máis estudosiño, e o profesor gustaba moito del. Pero houbo un día no que se dirixiu ao mestre en galego e este comezou a bater nel por facelo, deixándolle a cara vermella das vareadas que levou.
"Xa despois do franquismo houbo represión contra o profesorado pero tamén contra o alumnado; a intención era converter o galego en lingua optativa"
É difícil atopar un galego que non teña un familiar ou coñecido que relate algunha labazada ou golpe cunha regra na escola por falar galego...
Si. E hai algo moi interesante no que reparei sobre iso grazas aos traballos de Sabela Rivas: o feito de que, en xeral, cando nos contan iso, a xente tende a quitarlle importancia. Non se lle dá a importancia que ten, asúmese que formaba parte da educación que tentasen eliminarnos a lingua. Eu mesmo vivino nos relatos da miña nai. Iso dos golpes coa regra na man era un castigo moi habitual, tamén o de colocar unha pedra nos pantalóns por cada palabra en galego que dixeses e logo obrigarte a correr para que se che baixasen. Ou as vareadas, ou colocarte de xeonllos enriba de feixóns ou garavanzos. Tamén aquel castigo do anel de chumbo que colocaban nunha persoa que falase galego e que ían pasando a cada un dos que usaba a lingua ata que o último que o levaba recibía o castigo físico ou económico, porque tamén había multas económicas.
Adóitase centrar moito a ollada no franquismo cando só abrangue unha parte pequena de tantos anos de represión...
A represión vén de moi lonxe e continúa. Desde o discurso autonómico téntase limitar a represión ao franquismo e por iso tampouco se conta nada da represión que se levou a cabo contra o profesorado que impartía aulas en galego durante a Transición. Xa en 1980, o ministro de Educación advertía que os docentes que o fixesen sen cobertura legal debían ser repudiados e ata sancionados... Os termos usados eran termos fascistas e nun momento no que son varios os profesores advertidos de multa. Falamos de moitos casos no país, pero aí tamén queda traballo por facer e tamén sería necesario un equipo de investigación. Houbo represión contra o profesorado pero tamén contra o alumnado, xa despois do franquismo.
Por exemplo?
En 1979, a estudante Luísa Lavandeira foi represaliada por responder en galego nunha proba de Matemáticas. A profesora non lle corrixiu o exame e a Inspección amoestou a alumna. Pero aconteceulle a moita máis xente, como no caso de Francisco Jorquera, que sofre represalias contra as que se mobilizan Lois Pereiro ou Viki Rivadulla. Todas estas historias é importante contalas e reparar en que na Transición houbo unha represión contra a lingua propia que non houbo nin no País Vasco nin en Catalunya. Aquí houbo a intención de converter o galego en lingua optativa e foi esta xente a que conseguiu que iso non sucedese. Hai que recoñecérllelo.
Advertía tamén na presentación do libro que o "sorprendente" é que despois de todo este tempo e esta represión, o galego seguise vivo. Como se conseguiu?
Á parte do que se comenta habitualmente sobre a pervivencia do mundo rural galego, hai tamén un elemento fundamental: que o pobo galego foi quen de artellar un movemento nacionalista, de darlle unha articulación política ao feito de ter unha lingua diferente que fai que haxa esa capacidade de resistencia e esas posibilidades de futuro. É un movemento que ten as súas debilidades pero tamén os seus logros.
"Hai elementos para o optimismo co futuro do galego, pero non podemos enganarnos"
Como ve o galego no futuro. Comparte máis o discurso optimista ou o catastrofista?
Hai un filme de Woody Allen no que lle pregunta Scarlett Johansson se é pesimista ou non e se ve o vaso medio cheo ou medio baleiro. El responde que o ve "medio cheo, só que de veleno". Tento ser optimista e creo que hai elementos para o optimismo que se resumen moi ben no fenómeno Tanxugueiras, que demostrou que se atopamos algo que dignifica a nosa cultura e que supera as dificultades, sérvenos como espello, para que o pobo galego se identifique con iso, o reivindique e ata gaste cartos en mensaxes telefónicas para que saia adiante. Hai motivos para o optimismo pero tampouco podemos enganarnos. A lingua galega perde falantes e non estamos en igualdade en canto a dereitos xurídicos. O reto é conseguir esa igualdade xurídica e que os poderes públicos a amparen. Que o galego sexa oficial de verdade, que calquera persoa que queira vivir en galego poida vivir en galego. Ese debe ser o noso obxectivo. Se o conseguimos, se logramos que o galego sexa considerado igual que calquera outra lingua, o galego recuperarase.