Carlos Callón publica o 'libro negro' do galego, que evidencia os 500 anos de represión contra a lingua

Fran Alonso, Iria Taibo, Carlos Callón e Marcos Maceiras, na presentación do libro © Xerais

Carlos Callón, autor d’O libro negro da lingua galega, editado por Xerais, presentou este ventres algúns dos contidos da obra que vén de chegar ás librarías nesta mesma semana. O historiador e filólogo usou como símil a película de Steven Spielberg, Regreso ao futuro, para declarar que a viaxe ao pasado é a forma de saber enfrontar a situación da lingua na actualidade. “O DeLorean que podemos usar para coñecer o que aconteceu coa nosa lingua, para estarmos hoxe como estamos, é a investigación e a divulgación”, asegurou. 

Porque Callón insiste en que coñecer o pasado é o único xeito de mudar o futuro e de afrontar a situación de perigo no que se atopa a lingua galega. Na súa última obra, e a través de 700 páxinas, o autor amosa multitude de documentos que ata agora non se coñecían e que evidencian a represión contra a lingua galega ao longo de máis de 500 anos. 

Carlos Callón asina un dos exemplares d'O libro negro da lingua galega' © Xerais

A obra amosa multitude de documentos ata agora descoñecidos que evidencian a represión contra o galego ao longo de máis de 500 anos

“O galego está en perigo, mais non está nun punto de non retorno. O sorprendente é que despois deste tempo o galego está vivo e que unha parte significativa da sociedade non se resigna a ter unha cidadanía de segunda, que quere dereitos lingüísticos plenos”, explicou Callón, nunha conferencia de prensa á que asistiron tamén o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, Iria Taibo, e o director de Xerais, Fran Alonso.

Alonso destacou o interese de Xerais por avivar o debate arredor da situación da lingua nun momento de perda de falantes e competencias e cualificou a obra de Callón como “crucial”. “É un libro valiosísimo, excepcional, que non esxistía en lingua galega e que se converte xa nunha ferramenta de uso para a sociolingüística”, dixo quen destacou a  necesidade de ferramentas como esta obra para o labor de recuperación da lingua. 

“É un libro valiosísimo, excepcional, que non esxistía en lingua galega e que se converte xa nunha ferramenta de uso para a sociolingüística”

Iria Taibo, pola súa banda, fixo referencia a algúns dos retrocesos que sufriu o galego nos últimos anos e salientou as dificultades ás que se enfrontan a diario os galegofalantes para viviren en galego con normalidade. “Hai unha ideoloxía que dende hai moitos anos loita contra a idea de que o galego sexa unha lingua normal e se utilice como calquera outra”, dixo á vez que puxo en valor o labor dos tradutores e intérpretes na normalización do galego.

Para Marcos Maceira, O libro negro da lingua galega vén encher un oco que existía na bibliografía da sociolingüística en Galicia e aclarou que “non hai ningún pobo que aspire a niveis altos de desenvolvemento social que nin empregue a súa lingua con normalidade”.

Carlos Callón amosa un exemplar d'O libro negro da lingua galega' © Xerais

Na obra de Callón abórdase a crueza dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados dende 1543 até 1980, mais tamén outras formas de represión como multas por empregar o galego en público ou queimas de libros. O autor emprega un estilo divulgativo, con notas a pé de páxina, para amosar a verdade con rigor e con datos documentados para desterrar as fake news que hai contra o galego. Do mesmo xeito, Carlos Callón recomendou a lectura deste libro ao actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Carlos Callón ten previstas máis de trinta presentacións deste libro até finais de outubro en varias localidades de Galicia e noutros países.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.