'Síbaris': chega ás librarías a peza teatral que Domingo Villar entregou a Galaxia antes do seu falecemento

Domingo Villar © Siruela

A Editorial Galaxia publica 'Síbaris', o único texto dramático que deixou escrito Domingo Villar. Chega ás librarías este mércores e estréase nos escenarios o día 30 en Vigo

"Non ten máis ambición que regalar ao público hora e pico de sorrisos", avanzoulle Domingo Villar a Inma López Silva no momento no que compartiu con ela, de escritor a escritora, o texto dramático que este mécores, 13 de setembro, chega ás librarías. Síbaris mostra o devir dun autor de éxito ante a falta de inspiración para dar cunha nova historia que contar. 

"Quen se achegue a esta obra lerá unha historia chea de retranca, sabedoría e moita comicidade arredor da literatura e as teimas dos autores. Será, sen dúbida, un acontecemento literario", salientan dende a Editorial Galaxia, que acompañou o vigués durante toda a súa traxectoria literaria ata o seu prematuro falecemento no mes de maio do ano pasado. 

Capa do texto teatral 'Síbaris', de Domingo Villar, publicado a título póstumo © Editorial Galaxia

Domingo Villar rematou esta peza teatral no ano 2021 e aí comezou a compartila coa xente do seu arredor, como adoitaba facer con todas as súas obras, para poñela a proba. No limiar do texto dramático, Inma López Silva debulla como o autor xa se rodeou dun elenco de actores e actrices e dun director teatral para darlle forma á obra sobre o escenario. 

"Quen se achegue a esta obra lerá unha historia chea de retranca, sabedoría e moita comicidade arredor da literatura e as teimas dos autores", salientan na Editorial Galaxia

Ese director é Lois Blanco, que dirixe a Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa (que tamén pon a música) na representación de Síbaris, que a compañía Condetrespés estrea o vindeiro 30 de setembro en Vigo, onde repite o 1 de outubro. Ademais, terá unha xira por todo o país con parada en Narón, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago, O Grove e A Coruña. 

Síbaris é o único texto dramático que deixou escrito Domingo Villar, un xénero ao que sempre se sentiu moi preto como espectador, pero do que tamén bebeu como escritor, pois os diálogos son a gran xoia das novelas do vigués, que sorprendeu nos últimos tempos co libro de contos Algúns contos completos, tras o indiscutible éxito de crítica e público da súa triloxía de novela negra protagonizada polo inspector Leo Caldas. 

Cartaz das representacións teatrais de 'Síbaris' © Condetrespés

"Desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria", describen dende Galaxia

"Co fino sentido do humor que Domingo Villar destilaba, desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria e que teñen que ver cos medos, as inseguridades e as paranoias de todos aqueles e aquelas que se dedican a escribir", describen dende Galaxia. 

A editorial pon o foco na presenza desa ironía que posuía Villar e que levaba sempre á súa escrita. "Trátase dunha reflexión aguda, cómica, ás veces despiadada mais sempre lúcida, arredor da literatura e todo o que a rodea", detallan. A partir deste mércores, nas librarías e nos teatros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.