Morre Domingo Villar: o día máis escuro para a novela negra galega

Domingo Villar © Pablo Vázquez / Galaxia

 

Domingo Villar (Vigo, 1971) vén de falecer no Hospital Álvaro Cunqueiro aos 51 anos de idade. O exitoso autor de novela negra, responsable en boa medida do crecemento do xénero en Galicia, fora ingresado o luns de madrugada despois de sufrir un infarto cerebral. Dende entón atopábase en coma, tras serlle diagnosticada unha hemorraxia subaracnoidea, un sangrado no espazo entre o cerebro e a membrana que o rodea. Aínda que habitualmente reside en Madrid, atopábase no seu Vigo natal, coidando da súa nai, que se atopa enferma, cando sufriu o infarto.

Villar fora ingresado o luns no Hospital Álvaro Cunqueiro despois de sufrir un infarto cerebral

Nos últimos anos Domingo Villar converteuse nun dos autores galegos máis lidos e vendidos en todo o Estado, grazas á triloxía protagonizada polo inspector Leo Caldas e que iniciou no ano 2006 con Ollos de auga (Galaxia), continuada en 2009 por A praia dos afogados (Galaxia) e en 2019 con O último barco (Galaxia). Ademais, publicou en Galaxia o libro de relatos Algúns contos completos. As súas obras foron traducidas a nove linguas e mesmo adaptadas ao cinema (La playa de los ahogados, de Gerardo Herrero en 2015).

Domingo Villar © Siruela

"A morte sempre é dura de aceptar, pero cando falamos dalguén tan novo, tan cheo de vida e alegría como foi Domingo Villar, daquela vólvese algo inaturable", escribe a editorial Galaxia

O falecemento de Domingo Vllar foi confirmado por algunhas das editoriais coa que publicaba, como Siruela e especialmente Galaxia, que publicou unha nota na que sinala que o conxunto da editorial "está consternada, rota de dor, diante deste feito inxusto e terrible. A morte sempre é dura de aceptar, pero cando falamos dalguén tan novo, tan cheo de vida e alegría como foi Domingo Villar, daquela vólvese algo inaturable". "Na nosa lembranza queda para sempre o recordo eterno dun home bo, agarimoso, atento, sempre fiel a esta editorial e a quen queriamos coma un irmán. Descansa en paz, Domingo querido. Non imos esquecerte nunca", engade o texto.

A literatura galega fica orfa, un sentimento de ausencia que asalta á súa lexión de lectores e lectoras fieis, ante o oco que deixa como persoa e autor. Nesta sensación de perda, resulta inevitable lembrar o inspector Leo Caldas, fillo literario de Villar e compañeiro na creación das historias coa que o autor nos agasallou nos últimos anos.

Dende o momento no que se coñeceu o seu ingreso no hospital en estado moi grave, foron moitas as mensaxes de agarimo que asulagaron as redes sociais, procedentes de público lector pero tamén de autores e autoras literarias

Dende o momento no que se coñeceu o seu ingreso no hospital en estado moi grave, foron moitas as mensaxes de agarimo que asulagaron as redes sociais, procedentes de público lector pero tamén de autores e autoras literarias. Por exemplo, Diego Ameixeiras, outro dos grandes do xénero negro en Galicia escribía xa o luns "un tipo sabio, vital e xeneroso co que sempre é unha alegría cruzarse. Un escritor enorme. Moita forza, Domingo. Queremos seguir aprendendo de ti".

E, de igual xeito, Diego Giráldez introducía un comentario que é toda unha mostra da pegada que deixa Villar no público lector e no conxunto da sociedade.: "Luis, un galego afincado en Londres dende hai 11 anos, lévame ata Gatwick a coller o avión de volta. Nalgún momento do traxecto falamos de Domingo Villar. As verdadeiras Letras son isto. As Letras vivas"

Domingo Villar, con Camilo Franco, na última edición da Selic © LaDiapo

As persoas que o coñecían ben destacan a súa bondade e o valor que lles daba ás súas amizades. O seu último libro publicado, Algúns contos completos, é un reflexo diso, pois son os relatos que contaba el nas reunións con amigos, os contos cos que agasallaba aos seus seres queridos

Xa na mañá deste mércores, unha vez confirmado o pasamento, Ledicia Costas escribía: "conmocionada pola morte de Domingo Villar, un home xeneroso e brillante. O escritor da alma azul, con Vigo sempre no corazón". Ou Santiago Lopo, que dicía: "a ría de Vigo está triste. Que terrible nova. Deixounos Domingo Villar, un dos grandes"

Tamén enviaban as súas condolencias institucións coma a RAG: "a Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento do escritor Domingo Villar, autor dalgúns dos maiores éxitos das letras galegas do século XXI. Enviámoslles todo o noso afecto á súa familia e amizades. Que a terra lle sexa leve". Son apenan algúns exemplos dos centos de mensaxes que nestes momentos dan conta do cariño que o autor falecido espertaba en Galicia e en todo o Estado.

O pasado ano, na Selic de Compostela Domingo Villar revelou que estaba a traballar aos poucos nunha nova novela, de novo co inspector Leo Caldas como protagonista. "Estamos intentando pescudar que pasou cuns restos que atoparon nunha cova preto do mar", explicou

As persoas que o coñecían ben destacan a súa bondade e o valor que lles daba ás súas amizades. O seu último libro publicado, Algúns contos completos, é un reflexo diso, pois son os relatos que contaba el nas reunións con amigos, os contos cos que agasallaba aos seus seres queridos. Así o explicou na edición 2021 da SELIC de Compostela, onde presentou a obra, destacando que estas historias "foron contadas en voz alta para os amigos moitas veces" porque "están pensados para atopar o sorriso dos amigos". "A intención dos relatos que escribo é lelos na sobremesa como se abrísemos un viño. Hai quen agasalla viño e eu adoito agasallar contos. Ata que non viu a pandemia non había máis vontade que deixalos na intimidade, pero ao non poder ver aos amigos xurdiu a opción de publicalos", subliñaba.

Na Selic Domingo Villar revelou que estaba a traballar aos poucos nunha nova novela, de novo co inspector Leo Caldas como protagonista. "Estamos intentando pescudar que pasou cuns restos que atoparon nunha cova preto do mar", dicía, aínda que explicaba que aínda non sabía como ía rematar a historia pois para el "a escrita dunha novela é como botarse ao mar a navegar coñecendo o porto de destino, pero sen saber que vento vas ter no camiño nin que ruta seguir".

Domingo Villar © Galaxia / Anxo Cabada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.