Javier Cercas, Manuela Carmena ou Manuel Jabois, na 'Cidade de libro' de Vilagarcía, que lembrará a Domingo Villar

Cartel da edición 2022 de 'Vilagarcía. Cidade de Libro' © Concello de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía de Arousa acolle entre o 13 e o 19 de xuño a segunda edición de 'Cidade de Libro', un encontro literario que levará á vila un gran número de autores e autoras de prestixio e que este mércores foi presentado na cidade de Santiago, na procura de atraer público de toda Galicia. No programa, que se pode consultar neste enlace, destaca a presenza de Javier Cercas, Ledicia Costas, Manuela Carmena, Ramón Villares, Enma Pedreira, Ángel Martín ou Manuel Jabois, que presentarán as súas últimas obras ou participarán en conversas no marco dun amplo calendario de actividades. A asistencia a todas as actividades é libre e de balde.

A Praza da II República será o epicentro desta feira do libro. Alí levaranse a cabo as sinaturas e presentacións de libros e, igualmente, instalaranse as casetas das librarías

A Praza da II República será o epicentro desta feira do libro. Alí situarase o escenario principal no que se desenvolverán as Conversas ao Solpor, e alí tamén se levarán a cabo as sinaturas e presentacións de libros e, igualmente, instalaranse as casetas das librarías de Vilagarcía que participan no evento. As actividades infantís contarán con outros espazos e escenarios en diferentes puntos do Parque Miguel Hernández, onde se desenvolverán as súas actividades e xogos literarios.

Solpor en Vilagarcía de Arousa CC-BY-SA Lmbuga

A illa de Cortegada tamén será escenario dalgunhas das actividades, o mesmo que o Parque Miguel Hernández

A illa de Cortegada tamén será escenario dalgunhas das actividades do Vilagarcía, Cidade de Libro, neste caso coas presentacións do libro de Paula Carballeira, “A pantasma de Cortegada”, e do de Manuel Jabois, “Miss Marte”. Tamén haberá unha actividade do Literatour destinada a escolares que, seguindo o argumento do libro de Paula Carballeira, consistirá nunha visita guiada pola illa para coñecer os escenarios nos que se desenvolve o conto. Haberá tamén unha homenaxe ao autor vigués Domingo Villar, falecido recentemente.

A primeira das 'Conversas ao solpor' estará centrada na "xestión emocional" e nela participarán Marcos Lorenzo e Ángel Martín

Unha das citas obrigadas son as 'Conversas ao Solpor', que terán lugar todos os días entre o martes e o sábado a partir das oito e media da tarde na Praza da II República. Alí, ao redor dunha temática central, varios autores e autoras debaterán, coa moderación da xornalista Susana Pedreira. 

A primeira destas 'Conversas ao solpor' estará centrada na "xestión emocional" e nela participarán Marcos Lorenzo e Ángel Martín. O mércores, os protagonistas serán Manuela Carmena e Ramón Villares, que falarán de Historia e Política.

Actividades da primeira edición de 'Cidade de Libro' © En volanda

A través do Literatour, preto dun milleiro de escolares achegaranse á feira para mergullarse nos libros a través de actividades lúdicas, xogos e xincanas de temática literaria

O evento potencia así mesmo as actividades destinadas ao público infantil e xuvenil co obxectivo de atraer aos máis novos ao mundo da literatura. A través do Literatour, preto dun milleiro de escolares achegaranse á feira para mergullarse nos libros a través de actividades lúdicas, xogos e xincanas de temática literaria. O público xuvenil terá unha xornada propia que contará coa presenza de autores como Blue Jean e Elena Gallego, e tamén para eles introdúcense xéneros como o anime e o manga, e actividades como o I Encontro Cosplay VGA. 

Un dos obxectivos de Vilagarcía, Cidade de Libro é potenciar o gusto pola literatura e os libros, pero non só de forma pasiva, a través do fomento da lectura, senón tamén de forma activa, animando á creación literaria, para o cal na feira celebraranse obradoiros de escritura.

A poesía e a música tamén teñen cabida no programa

A poesía e a música tamén teñen cabida no programa do Vilagarcía, Cidade de Libro, cun recital poético a cargo do colectivo local da Mesa das Verbas, coa participación de poetas da cidade, como Xurxo Alonso, e mesmo cun recital poético-musical do poeta e cantautor madrileño, Marwan.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela (esquerda), presentou 'Vilagarcía, cidade de libro' este 8 de xuño en Santiago con integrantes de ambos gobernos locais © Concello de Vilagarcía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.