O martes 14 levarase a cabo unha lectura aberta dalgunhas das obras de Domingo Villar nunha homenaxe popular ao autor vigués recentemente finado
A SELIC chega á súa sexta edición, plenamente consolidada como un "festival da lectura" en Compostela. Entre o 10 e o 19 de xuño encherá de libros as rúas e prazas da capital de Galicia, con actividades diversas ao redor do fenómeno lector e literario: presentacións, roteiros, conferencias, conversas, contacontos... e mesmo unha homenaxe ao autor vigués Domingo Villar, falecido recentemente mediante unha lectura aberta dalgunhas das súas obras. Será o martes 14 ás oito da tarde na Praza do Toural.
O programa da edición 2022 da Semana do Libro en Compostela, que se pode consultar neste enlace, presentouse este mércores coa participación do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón e o director da Selic, Camilo Franco. Rosón subliñou que o evento "axuda a consolidar Compostela como espazo literario e creativo que é".
A Praza do Toural será o principal centro das actividades, pois é o lugar elixido polas librarías e editoras participantes para desenvolver as presentacións, actividades divulgativas e entrevistas
A Praza do Toural será o principal centro das actividades, pois é o lugar elixido polas librarías e editoras participantes para desenvolver as presentacións, actividades divulgativas e entrevistas, cun horario de 16.30h a 21.30h de luns a venres, e tamén con sesión matinal os sábados e domingos, de 12h a 14 h. Ademais, tamén a Rúa do Vilar e outros espazos da cidade acollerán actividades. Destaca especialmente o Auditorio de Galicia, onde se levará a cabo un concerto de Santiago Auserón con La banda de Juan Perro (12 de xuño ás 20:30 horas).
Así mesmo, un día antes, o sábado 11, a xornalista Marta Veiga Izaguirre entrevistará a Santiago Auserón pola súa experiencia como investigador e ensaísta arredor das raíces históricas e culturais da música popular nas súas obras Arte sonora e El ritmo perdido (Editorial Anagrama). De igual xeito, na xornada de apertura a xornalista Belén López entrevistará o pianista James Rhodes, sobre as súas obras Fugas. O la ansiedad de sentirse vivo (Blackie Books) e Instrumental (Rinoceronte Editora).
Santiago Auserón e James Rhodes estarán na Selic, nunha edición na que a música e a súa relación coa literatura serán protagonistas
A relación músico-literaria tamén estará presente nas intervencións de diversas formacións galegas, como as arpistas de Lulavai, que xunto á actriz Mariana Carballal celebrarán os dez anos da publicación de Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño; ou o concerto que ofrecerán no Teatro Principal o 18 de xuño Xelís de Toro e Alejandro Vargas, que se inspira no manifesto Máis alá de Manuel Antonio. Ademais, destaca o evento que realizará o escritor Diego Ameixeiras xunto ao guitarrista Mr. Cool, facendo unha lectura da súa última novela e influencia musical que hai nela.
O venres 17 Xavier Queipo, Ramón Caride, Xerardo Méndez, Santiago Jaureguizar, Xurxo Borrazás e Fran Alonso lerán textos propios nun acto de reivindicación da xeración literaria que non existiu, a súa
Ademais, o venres 17 destaca o evento no que Xavier Queipo, Ramón Caride, Xerardo Méndez, Santiago Jaureguizar, Xurxo Borrazás e Fran Alonso lerán textos propios nun acto de reivindicación da xeración literaria que non existiu, a súa. ‘Relatos da xeración que non foi' comezará ás oito da tarde na Praza do Toural.
Un ano máis serán moi importantes os roteiros literarios pola cidade de Compostela. “A Selic tamén é cidade e ofrece un programa máis amplo de roteiros, que poñen en relación Compostela coa literatura”, subliñou neste senso Camilo Franco. “Unha das intencións do festival é utilizar a lectura para participar noutras actividades culturais porque a lectura segue sendo a actividade cultural máis importante da humanidade”, destacou Franco.
Un ano máis serán moi importantes os roteiros literarios pola cidade de Compostela. “A Selic tamén é cidade e ofrece un programa máis amplo de roteiros, que poñen en relación Compostela coa literatura”, subliñou neste senso Camilo Franco
As librarías e editoras de Compostela estarán representadas nas vinte e dúas casetas que conformarán a área da Selic na praza do Toural: A Gata Tola, A Reixa Tenda, aCentral Folque, Alvarellos Editora, Árbore Azul, Bunker Books, Consorcio de Santiago, Cuarto de Inverno, Edicións Positivas, Editorial Guiverny, Fundación Anselmo Lorenzo, Fundación Eugenio Granell, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Libraría Aenea, Libraría Lila de Lilith, Libraría NUMAX, Libraría Palacios, Patas de Peixe, Ratas con Faca, Rodolfo e Priscila e USC.
A Selic deste 2022 amplía as súas colaboracións con outras entidades e institucións, máis alá das librarías e editoras compostelás que integran o evento, e traballa na divulgación da lectura da man da Fundación Carlos Casares, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e da Fundación Eugenio Granell.