• Entrevista | Javier Sánchez Zapatero
  • Cultura

“Na novela negra galega ‘A Esmorga’ ten un valor fundacional, e hai que seguir reivindicando ao primeiro Suso de Toro”

Javier Sánchez Zapatero, un dos organizadores do Congreso de Novela e Cine Negro de Salamanca, nunha anterior edición © Congreso de Novela e Cine Negro de Salamanca

Salamanca acolle o XIX Congreso de Novela e Cine Negro, referente na análise do xénero desde a universidade polo que veñen pasando autores galegos e que este ano dedica atención especial a Domingo Villar e premia a Diego Ameixeiras

A Universidade de Salamanca acolle do 2 ao 5 de maio o XIX Congreso de Novela e Cine Negro, un referente na análise do xénero desde a universidade polo que nas dúas últimas décadas veñen pasando os principais autores e autoras galegos e que este ano dedica atención especial a Domingo Villar e premia a Diego Ameixeiras. 

Villar dará nome a partir desta edición ao Premio Pata Negra que xa viña entregando o congreso e que el mesmo recibiu nunha edición anterior, e sobre el presentarase un volume colectivo, Domingo Villar, el artesano de la palabra, editado por Siruela e con textos inéditos seus e sobre el doutros compañeiros e amigos. 

Pola súa banda, Ameixeiras recibirá o premio desta edición do congreso por O cervo e a sombra (Xerais) e será o protagonista dunha mesa redonda dedicada á súa produción literaria. Falamos cun dos organizadores do congreso, Javier Sánchez Zapatero, profesor de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, de como se percibe o xénero negro galego desde fóra.

Domingo Villar dará nome ao premio que vén outorgando o Congreso de Novela e Cine Negro de Salamanca © Congreso de Novela e Cine Negro de Salamanca

O Premio Pata Negra que outorga o congreso desde hai unha década pasará desde esta edición a levar o nome de Domingo Villar. Tan importante foi a súa figura? Que achegou Villar ao xénero?

“Domingo Villar construía moi ben as novelas e usou escenarios diferentes aos convencionais, que hoxe están moi asumidos pero que cando comezou a escribir eran menos frecuentes”

Hai dous motivos que explican o cambio de nome e a nosa decisión de lembrar a súa figura. Por unha banda, Domingo Villar foi un gran escritor, un dos referentes da novela española e galega do século XXI. Desde o meu punto de vista, as súas grandes achegas como autor proceden do seu valor formal. As súas novelas estaban moi ben escritas, cun estilo irónico, rigoroso e preciso que o facía presentarse como un alquimista en busca da palabra perfecta, e, sobre todo, moi ben construídas, cun hábil manexo do ritmo narrativo e unha gran capacidade para crear tramas de misterio. Ademais, demostrou que era posible utilizar escenarios diferentes aos convencionais na novela negra española, algo que hoxe está moi asumido pero que cando el comezou a escribir era moito menos frecuente. E, doutra banda, Domingo era un amigo do congreso, no que participou dúas veces e chegou a recibir o Premio Pata negra por O último barco. Colaboramos con el en varios proxectos e sempre que coincidimos conxeniamos; había moita complicidade e agarimo entre nós. Lembralo co premio, e co acto de homenaxe que imos facer na súa memoria, era o mínimo que podiamos facer por el.

Precisamente este ano o premio recaerá noutro autor galego, Diego Ameixeiras, por O cervo e a sombra. Que valorou o xurado da novela para considerala a mellor do último ano?

O cervo e a sombra de Ameixeiras non ten detectives, nin tramas investigadoras, nin un punto de partida criminal, pero é máis que negra, negrísima”

Trátase dunha novela negra que, a priori, non ten ningún dos elementos característicos do xénero: non hai detectives, nin tramas investigadoras, nin sequera o punto de partida argumental nun feito criminal, pero ten esa mirada crítica e cuestionadora tan habitual no xénero negro. No fondo, máis aló do estereotipo, o xénero ten moito de ton e de perspectiva, e, nese sentido, a novela de Ameixeiras, coa súa sordidez, a súa violencia soterrada e o seu protagonista derrotado, é, máis que negra, negrísima.

Àlex Martín Escribà e Javier Sánchez Zapatero, profesores da Universidade de Salamanca organizadores do congreso © Congreso de Novela e Cine Negro de Salamanca

Hai unha novela negra galega? Como se percibe desde fóra?

“No xénero negro proliferan tanto as etiquetas xeográficas que parece un National Geographic do crime”

Ultimamente proliferan as etiquetas xeográficas, de forma que un ten a sensación de estar ante unha especie de National Geographic do crime. Creo que a novela negra, máis que dun lugar ou doutro, é fundamentalmente boa ou mala literatura, pero creo tamén que os escenarios, e todo o que implican, condicionan en ocasións máis do que parecen. A novela negra ambientada en Galicia adoita ter unhas notas culturais, climáticas, mesmo de carácter dos seus personaxes, que son evidentemente definitorias, aínda que non sei se tanto como para xustificar a existencia dun subxénero propio.

Que autores ou novelas recomendaría dentro dela?

Máis aló de Domingo Villar e de Diego Ameixeiras, e do valor fundacional de A Esmorga, creo que é necesario seguir reivindicando a Suso de Toro, que parece un tanto ignorado por saír hai tempo do mundo literario. Land Rover, Ambulancia ou Calzados Lola son novelas espléndidas, escritas nun momento no que apenas había referencias similares na literatura estatal e que, sen ser negras no sentido máis canónico do termo, si que tiñan argumentos de base criminal e unha vontade crítica de retrato social.

As bestas, Rapa... O cine negro galego ou feito en Galicia, ou as series, achegan algunha característica distinta á que achega a literatura?

Achegan unha moitísima maior capacidade de difusión, que é algo moito máis importante do que nun momento podería parecer. Gústenos ou non, a literatura é un discurso minoritario que ten un alcance limitado e o cine e a televisión, na súa condición de medios masivos, chegan a un público moito máis amplo e maioritario. O uso de escenarios galegos, a incorporación de ambientes rurais ou o tratamento de temas “locais” poden ser moito máis habituais se os autores se ven estimulados ao percibir que películas ou series con eses elementos son atractivas para o público.

Os escritores Domingo Villar e Alexis Ravelo, falecidos no último ano, nunha pasada edición do Congreso de Novela e Cine Negro de Salamanca © Congreso de Novela e Cine Negro de Salamanca

Á marxe do congreso, vostede tamén é experto en literatura da memoria e da guerra civil. Que interaccións destacaría nese eido entre o sistema literario galego e o castelán?

Dá a sensación de que o sistema literario galego é definido sempre pola súa condición periférica, o que creo que no tema da memoria da guerra e o exilio intensifícase moito máis. Independentemente da perspectiva ideolóxica desde a que se acometa, o relato do pasado case sempre é un relato que se centra nos mesmos referentes e lugares comúns. Parece que hai moita literatura e moito cine sobre a guerra civil pero que sempre se contan as mesmas historias. Máis aló dos tópicos, o que sucedeu en Galicia é moi descoñecido fóra de Galicia. No ámbito da literatura, o tratamento contemporáneo da memoria traumática que transcendeu apenas se limita á obra de Manuel Rivas ou a excepcións como Din, de Susana Sánchez Arins, unha obra moi recomendable.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.