Culturgal expándese a Vigo con vontade de "medrar" e Jaione Camborda, Leilía ou Bernardo Atxaga como protagonistas

Presentación da edición 2023 do Culturgal © Culturgal

Culturgal contará por vez primeira con dúas sedes, nunha ampliación que "anticipa unha liña de traballo que continuará en futuras edicións, nunha procura tanto de novos públicos como de axeitarse ao mapa do país"

A edición 2023 de Culturgal, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro en Pontevedra, chega con novidades. A primeira, ten que ver co seu nome, que rexistra unha leve variación. De Feira das Industrias Culturais de Galicia, denominación das últimas edicións, neste ano 2023 pasa a chamarse Feira das Culturas Galegas, "cunha vontade de recoller o carácter plural do sistema e da oferta cultural do país".

O segundo gran cambio ten que ver coas sedes e datas de celebración. O Pazo da Cultura de Pontevedra segue a ser o núcleo da actividade da Feira, e alí desenvolverase toda a programación entre o 1 e 3 de decembro. Pero este ano, ademais, engádese un Culturgal Expandido, que se celebrará a semana anterior, do 23 ao 24 de outubro, en Vigo, na Sede da Deputación de Pontevedra na cidade olívica. 

Imaxe da edición 2023 do Culturgal © Culturgal

Así, o Culturgal contará por vez primeira con dúas sedes, nunha ampliación que "anticipa unha liña de traballo que continuará en futuras edicións, nunha procura tanto de novos públicos como de axeitarse ao mapa do país". A apoio da propia Deputación pontevedresa fai posible esta expansión, na que destaca un concerto de Catuxa Salom ou unha lectura-concerto a cargo de Iolanda Zúñiga e o pianista Velpister.

Víctor López salientou que “a palabra que define esta edición de Culturgal é medrar”, servindo de escaparate para pór en contacto as culturas galegas cos públicos que xa están e “cos que teñen que vir”

O salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este xoves a presentación da 16ª edición de Culturgal, nun acto no que Víctor López, presidente de Culturgal, e Camilo Franco, director da feira, debullaron as novidades e o máis destacado da programación. Víctor López salientou que “a palabra que define esta edición de Culturgal é medrar”, servindo de escaparate para pór en contacto as culturas galegas cos públicos que xa están e “cos que teñen que vir”. 

Na presentación participaron tamén Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director de Agadic; Marta Fernández Tapias, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra.

Camilo Franco compartiu a súa visión sobre a mudanza de propósito que debe presidir o novo Culturgal, “que non sexa tanto un resumo do que pasou o ano anterior como un avance do que vai acontecer o ano seguinte, para que o público o vexa”

Pola súa banda, Camilo Franco compartiu a súa visión sobre a mudanza de propósito que debe presidir o novo Culturgal, “que non sexa tanto un resumo do que pasou o ano anterior como un avance do que vai acontecer o ano seguinte, para que o público o vexa”. “As culturas precisan públicos e Culturgal quere loitar por el”, resumiu Franco a vontade coa que se afronta esta edición, cunha programación xeral que suma máis de 100 actividades ás que hai que engadir máis doutro cento de propostas organizadas polas entidades expositoras.  

O director repasou algunhas das novidades de Culturgal para esta edición. A Feira das Culturas Galegas contará en 2023 con cinco escenarios: Literatura, Música, Escénicas, Infantil e Arte. Por eles veremos desfilar propostas do máis variado (recitais, avances, proxeccións, obradoiros, presentacións, concertos…) que inclúen nomes como Leilía, Bernardo Atxaga, Paula Carballeira, Yolanda Castaño, Jaione Camborda, Leilía ou a Orquestra Galega de Liberación. 

Presentación da edición 2023 do Culturgal © Culturgal

O ciclo Ilustrando traerá ao Pazo da Cultura para debuxar en vivo cunha tableta gráfica a un amplo abano de profesionais da banda deseñada galega, como Kiko da Silva, Fran Bueno, María Bren, Edi García, Miguel Robledo ou Laura Romero

A poesía e o cómic serán dúas das disciplinas ás que Culturgal quere dedicar un maior peso. Dentro da primeira, os diversos recitais que o público poderá atopar no recinto reunirán voces como as de Helena de Carlos, Yolanda Castaño, María Lado, Oriana Méndez, Marga Tojo, Samuel L. París ou Dores Tembrás. Pola súa parte, o ciclo Ilustrando traerá ao Pazo da Cultura para debuxar en vivo cunha tableta gráfica a un amplo abano de profesionais da banda deseñada galega, como Kiko da Silva, Fran Bueno, María Bren, Edi García, Miguel Robledo ou Laura Romero.  

A Feira das Culturas Galegas terá oco para as propostas que saen dos marcos con xéneros mestizos. Neste senso, presentarase o podcast de terror 13 Avisos. Historias para escoitar á noite, dirixido por Paula Carballeira, e haberá ocasión de presenciar o encontro das poéticas de Iria Piñeiro e Mónica de Nut en Kennebec. No recinto tamén haberá unha área de videoxogos con competicións de producións galegas e unha exposición dedicada a repasar a historia do videoxogo en Galicia.  

En Culturgal o público poderá achegarse ás producións que chegarán en 2024 á pantalla e aos escenarios

Así mesmo, en Culturgal o público poderá achegarse ás producións que chegarán en 2024 á pantalla e aos escenarios. Proxectaranse avances de seis obras cinematográficas que se estrearán o ano que vén, ademais das exhibicións doutros filmes como Honeymoon, O Corno ou Matria. O Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego presentarán a súa programación para o vindeiro ano, que no caso deste último inclúe a celebración do seu 40º aniversario.  

Presentación da edición 2023 do Culturgal © Culturgal

A programación desta décimo 16ª edición mantén a relevancia das actividades para público infantil durante todas as xornadas con teatro, cinema, animación, obradoiros ou lecturas dramatizadas

Pola súa banda, as galerías e institucións artísticas que participan este ano no Espazo Arte representan modos de traballo novidosos e de relacións entre a arte e a sociedade existentes no contexto galego, mais tamén con certa vontade de transcendelos. Desde cadansúa ollada particular, estes proxectos realizarán un programa de actividades que incluirán performance, intervencións e obradoiros con diferentes artistas do país. Entre os postos atoparanse, por exempo, Solaina, Solaina (Lugo), Patio de Luz (Santiago de Compostela) ou La Doce (Boiro). 

Finalmente, Culturgal continúa a ser un espazo de referencia para asistir en familia. A programación desta décimo 16ª edición mantén a relevancia das actividades para público infantil durante todas as xornadas con teatro, cinema, animación, obradoiros ou lecturas dramatizadas. Ademais, haberá un espazo de coidado de crianzas para que poidan xogar e divertirse conxuntamente. 

As entradas de Culturgal poden mercarse xa a través da web a un prezo reducido. A Feira custa de maneira xenérica un 25% menos, pois a entrada simple pasa de 4 a 3 euros

As entradas de Culturgal poden mercarse xa a través da web a un prezo reducido. A Feira custa de maneira xenérica un 25% menos, pois a entrada simple pasa de 4 a 3 euros. Como consecuencia, os bonos tamén baixan nunha proporción similar. Este descenso responde á vontade de Culturgal de favorecer a asistencia e participación de todos os públicos. En billeteira, nos propios días de celebración da Feira, o prezo será máis elevado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.