É posible que durante este episodio do Fálase escoites algo de ruído de fondo, de ruído de xente. Non é que que os auriculares ou os altofalantes che fallen ou que nos quedase un cable fóra de sitio -que tamén podería ser-. Comprobarás que te saudamos dende o posto da Fundación Praza Pública na Culturgal, da feira galega das industrias culturais, que se celebrou a pasada fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Despois dun tempo en que foi un pouco complicado saír, xuntarse, ter xente ao redor… Quixemos trasladar o noso Fálase á primeira Culturgal pospandémica, que ademais foi o da celebración dos primeiros 15 anos da feira. Por iso, no que xa é o trixésimo episodio do podcast informativo de Praza.gal, conducido por David Lombao, achegámonos a saber algo máis da feira e de como anda a cultura galega, desta volta con ruído, con vida de fondo.
Para falar do que fala no Culturgal 2022 convidamos a pasar polo noso posto a Eva Alonso, produtora cunha ampla experiencia no audiovisual e nas artes escénicas e dende este ano tamén a directora da feira. Con ela afondamos nalgunhas das novidades da Culturgal, como a súa aposta por orientala cada vez máis ao ámbito profesional sen desatender ao público xeral, aos expositores ou ás actividades familiares. Porque, explica Alonso, unha das súas conviccións é que non ten que ser "tabú" falar ás claras do financiamento do sector cultural e da súa vertente empresarial.
Ademais de conversar coa directora da feira, neste episodio do Fálase tamén estivemos, como corresponde, paseando entre os demais postos. Un dos que atopamos é o de Rodolfo e Priscila, a editora de Berta Dávila e Carlos Meixide que se define como "indecisa", pero que que neste ano nos vén demostrando que toma boas decisións á hora de editar. Unha das súas decisións máis recentes é a edición d'A festa equivocada, o libro que escolma os artigos de Fran P. Lorenzo no desaparecido xornal Galicia Hoxe e que tamén se presentou na Culturgal.
Convidamos a Berta Dávila e Carlos Meixide a achegárense tamén ao noso posto. Alí conversamos con eles sobre o exercicio de arqueoloxía en torno ao pasado recente de Galicia que supón este libro e tamén do contexto cultural e político no que xurdiron os artigos que agora recuperan. Aproveitamos, ao tempo, para celebrar o primeiro aniversario da editora e a súa aposta por esconxurar a negra sombra.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.