Unha ducia de momentos clave das 15 edicións da Culturgal
A edición 2022 da Culturgal, que ten lugar esta fin de semana en Pontevedra, celebra 15 anos de actividade tirando "de todos os fíos da cultura feita en Galicia". Repasamos algúns dos momentos clave da historia da feira, un punto de encontro fundamental do sector cultural galego.
-
01
2007: A primeira edición
Entre o 10 e o 13 de maio de 2007, hai 15 anos, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a primeira edicicón da Culturgal, Feira do Libro e da Industria Cultural, cun formato máis reducido que a actual, pero que acolleu 15 concertos, 15 actos de presentación e sinatura de libros ou a proxección de 40 filmes, ademais de obradoiros, exposicións, teatro... O evento naceu co impulso da Asociación Galega de Editores (AGE) e encargou ao ilustrador Marc Taeger a imaxe da súa primeira edición.
-
02
2008: Mudanza á Coruña
A segunda edición da Culturgal viaxou de Pontevedra á Coruña por cuestións de espazo e de orzamento, cun importante incremento no financiamento a cargo da Xunta. Entre o 4 e o 7 de decembro o Palexco acolleu a edición 2008 do evento, que medrou en dimensións e participantes e que acolleu, en paralelo, as IIXornadas das Industrias Musicais de Galiza e a Xornada Profesional sobre o Libro de Edición
-
03
2009: O ano sen Culturgal, o ano de Achegarte
No 2009 non se celebrou o Culturgal. A chegada do PP ao Goberno da Xunta deixou á feira cultural sen financiamento, aínda que o evento puido celebrarse grazas ao apoio do Concello da Coruña, da Deputación e dos axentes culturais que o impulsaban. Chamouse AchegArte e de novo no Palexco reuniu a milleiros de asistentes, superando mesmo as marcas do ano anterior, demostrando o éxito e a necesidade da cita.
-
04
2010: Regreso a Pontevedra
No 2010 a Culturgal regresou a Pontevedra, a súa primeira casa, que xa non abandonaría máis. A terceira edición da feira, de novo con apoio da Xunta, celebrouse no Pazo da Cultura entre o 26 e o 28 de novembro co impulso compartido dunha serie de entidades do sector da cultura, dende os editores (AGE), as empresas musicais (AGEM), os editores musicais (AGAPHONO), as empresas de Internet (EGANET), os produtores audiovisuais (AGAPI) e os integrantes Escena Galega.
-
05
2011: "A casa da cultura galega"
A cuarta edición, entre o 2 e o 4 de decembro de 2011, empregou como lema "a casa da cultura galega" e introduciu como novidade as “Noites do Culturgal”, programación nocturna que se desenvolveu en varios espazos da cidade de Pontevedra, e o Off Culturgal, presentacións breves de propostas de novos creadores galegos no ámbito do deseño ou a gastronomía.
-
06
2012: "Ti tes a chave"
Na súa quinta edición o Culturgal continuou medrando e introduciu unha completa programación infantil. O seu lema, "A Casa da Cultura é a túa casa, ti tes a chave", incidía na importancia dos públicos para o sector cultural, unha das ideas que cos anos gañaron máis forza na feira. O Culturgal demostraba que se podía facer máis con menos, cun orzamento moi inferior ao Mercat de Música Viva de Vic, a Fira Mediterrània de Manresa ou a Feria de Industrias Culturales de Andalucía
-
07
2013: O Culturgal da 'corresponsabilidade'
Máis de 14.000 persoas pasaron polo Culturgal, que na súa sexta edición fixo un chamamento á asunción, por parte do público e das entidades e empresas participantes "do seu importante papel na acción cultural". Ademais, lanzouse o Premio do Público coa finalidade, mediante votación popular a través da web da Culturgal, de recoñecer proxectos relevantes para a sociedade e relacionados coa cultura galega; o gañador foi o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
-
08
2014: Máis publico malia haber entrada de pago
A edición 2014 trouxo importantes novidades: un Espazo Bebés orientado a idade entre 0 e 3 anos e que viña reforzar a xa importante programación para o público miúdo e, sobre todo, a incorporación por primeira vez do cobro de entradas para financiar a feira. Con máis de 150 actividades foi, un ano máis, un éxito, e o público aumentou un 5% con respecto ao ano anterior, a pesar de ter que pagar polo acceso.
-
09
2015 e 2016: Un país presumindo da súa cultura
Nos anos 2015 e 2016, oitava e novena edición, o Pazo da Cultura acolleu cada ano a ao redor de 15.000 persoas. No 2015, que dedicou unha homenaxe a Xosé Neira Vilas, que viña de falecer, o lema escollido foi "presume de Culturgal"
-
10
2017: Portugal, cultura convidada
A décima edición do Culturgal, con 130 actividades, 120 stands e un novo espazo dedicado á arte contemporánea, trouxo como novidade a figura do país convidado, que se estreou con Portugal, co obxectivo de estreitar relacións entre as culturas ao norte e ao sur do Miño.
-
11
2018: Presentación de VINTE. 2019: Primeira ducia do Culturgal
Na edición 2018, que puxo o público no centro, presentouse publicamente o lanzamento de VINTE, que nacería poucos días despois da feira. No 2019 o Culturgal celebrou a súa edición número 12, completando a súa primeira ducia.
-
12
2020 e 2021: Cultura en pandemia
A edición 2020 estivo marcada polo impacto da pandemia de COVID. Foi retransmitida ao vivo por internet para adaptar a feira ás restricións. A de 2021 foi a edición do regreso á presencialidade baixo o lema de "a cultura que toca". O sector cultural demostrou estar vivo, despois de case dous anos de grandes dificultades por mor da situación sanitaria.
-
13
2022: todos os fíos da cultura feita en Galicia
Do 24 ao 27 de novembro Pontevedra acolle a 15ª edición da feira, baixo o lema '15 anos cos fíos da Cultura', unha edición que celebra o retorno á normalidade despois de dous anos de grandes obstáculos. O evento presenta unha vizosa programación en todos os ámbitos libro, música, cinema, teatro, arte, videoxogos e actividades para o público infantil e familiar.