O Culturgal miúdo

Programación infantil e xuvenil do Culturgal Dominio Público Praza Pública

É a festa da cultura vista desde media ou baixa altura, na nosa lingua, tamén o picho da fonte da que bebermos os pais e os profesionais. Trátase dun Culturgal para miúdos, un abano ben amplo do que se coce nun sector, o da literatura infantil e xuvenil (LIX), ateigado de propostas orixinais e divertidas representacións.  Este venres, sábado e domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra estarán representadas  as principais editoras, autores e ilustradores, músicos, actrices, produtores e libreiros do país. Un lugar para o teatro, a música en directo e un bo feixe de obradoiros nos que enredar.

Este venres, sábado e domingo estarán representadas  as principais editoras, autores e ilustradores, músicos, actrices, produtores e libreiros do país. Un lugar para o teatro, a música en directo e un bo feixe de obradoiros nos que enredar

A gran festa da Feira das Industrias Culturais comezará este venres con encontros con escolares da man de editoriais como Xerais, Baía, Urco Editora e Fol Música. Rapaces da Guarda abrirán a porta desta edición con Anxo Fariña, autor e ilustrador que falará da saga de aventuras Os Megatoxos, de Xerais, unha proposta xuvenil que ten como protagonistas a Ruxe, Faísca, Ninfa e Lúa. Baía Edicións aproveitará este marco para facer un traballo de promoción das últimas novidades editoriais (Colección Emocións, A cerna do segredo, Sanadoira. Historia dos nenos raros) e especialmente da gañadora do VI Premio Meiga Moira 2014, a obra Miña querida Sherezade, de Andrea Maceiras.

Pere Tobaruela e Andrés Meixide presentarán Formig4s, toda unha brigada especial de simpáticos insectos que se desprazan a París e a Nova York. Xa pola tarde, Urco editora organiza os monicreques de Fariñeiro, o burro larpeiro, a compañía Barafunda levará á escena esta obra da súa colección de Libros da Merenda. Magín Blanco presentará Gatuxo, un proxecto para bebés que inclúe Libro-Cd de Fol Música e que, ao igual que A nena e o grilo nun barquiño, representarase da man de Urdime, distribuidora de artes escénicas, que contará con expositor propio no que todas as compañías que a integran terán presenza: Fantoches Baj, Teatro Ghazafelhos (representarán o domingo Non é país para cabaleiros), Títeres Babaluva, Magín Blanco, Os tres TENedORES, Raquel Queizás, A tropa de Trapo e Teatro da Semente (representarán Chíos e O ritmo do camiño, os sábado e o domingo respectivamente).

Dentro dos obradoiros aos que poderán asistir os escolares atopamos a proposta da científica Luísa Martínez respondendo  á curiosidade que esperta o mundo dos peixes nos pícaros con Kaleid@Labs, unha iniciativa de CSIC-Galicia. Haberaos arredor do teatro da man de Tanxarina Títeres, empregando siluetas animadas, explicándolles ás crianzas o problema do desafiuzamento e a solidariedade na peza A casa do avó ou arredor da música e a lingua galega coa Fundación Barrié.  A Xanela do Maxín empregará monicreques e outros obxectos para mergullar os cativos nun espazo lendario e mariñeiro.

Dentro dos obradoiros aos que poderán asistir os escolares atopamos a proposta da científica Luísa Martínez respondendo  á curiosidade que esperta o mundo dos peixes nos pícaros con Kaleid@Labs

O espertar do sábado vai ser un bulebule de actividades con Galaxia, Urdime, Oqo Editora, Kalandraka e a compañía Peter Punk, entre outros. Galaxia aposta este ano polo Libro-Cd e ao longo de toda a fin de semana presentará traballos como os de Charo Pita e Xoán Curiel, Estamos no verán, a ritmo de funk, bossanova ou rock; Pitusa Semifusa, incluída na colección Sonárbore, Serxio Tannus, Uxía, Xiana Lastra e Quim Farinha acompañarán a pandereteira Olga Brañas e a súa proposta didactico-musical para pequenos.

O galo Quirico e os seus amigos, nunha versión deste conto tan noso de Bernardino Graña, faranse cun teatriño formado por marionetas de cartón tradicionais e música interpretada en directo polo acordeonista Carlos Quintá. Xa pola tarde a música de conto invadirao todo e pais e cativos sorprenderanse coa calidade que a nosa LIX ofrece. As Maimiñas presentaranse no Espazo Infantil, trátase dun Libro-CD editado por Galaxia e da autoría de Lucía Lago Fernández e Irene Álvarez Lago, ou o que é o mesmo, Mai e Miña. A contacontos e fotógrafa Soledad Felloza, que deu o salto á edición da man de Oqo Editora coa Cociñeira do rei, gañadora do Premio Europeo Cociña de Contos, explicará o proceso de elaboración da obra e a editora presentará as súas últimas novidades.  Kalandraka aterra no Curtulgal coa enérxica figura de Paco Nogueiras e o ciclón do Brinca Vai!, ilustrado por David Pintor, ás 18.30 horas, todo un fenómeno que engaiola os cativos cunha posta en escena dinámica e teatral (o videoclip do tema, Meu o mundo é! xa superou as 10.000 reproducións na rede e No Samaín vai camiño das 8.000 visualizacións da obra de Sr.Sagüillo).

Preséntase tamén a interesante concepción A cidade dos nenos, un modelo de cidade ideado por Francesco Tonucci e que contará con representación do Concello de Pontevedra

Preséntase tamén a interesante concepción A cidade dos nenos, un modelo de cidade ideado por Francesco Tonucci e que contará con representación do Concello de Pontevedra. Kalandraka completa os actos que ten previsto levar ademais de con Libros para Soñar coa presentación para adultos da obra Non hai berce coma o colo, necesario labor de recuperación de arrolos musicados.  A oferta do sábado péchase coa representación da compañía teatral Peter Punk, Peor imposible, unha peza clown ateigada de humor retranqueiro e equilibrio.

O domingo non é para acougar e esperta con Daboapipa de Vero Rilo e Santi Prieto para cativos de dous a seis anos. A tropa festeira de María Fumaça recuncará con Xiqui Xoque Fiú Fiú e coa súa locomotora capitaneada por Uxía cun concerto no Auditorio. Té, chocolate, café é  un espectáculo de golfiños con Elena Paz, Xosé Liz e Diego Paz que completará a mañá con Mamá Cabra e a súa Estación Nadal editada por Galaxia.

A tropa festeira de María Fumaça recuncará con Xiqui Xoque Fiú Fiú e coa súa locomotora capitaneada por Uxía cun concerto no Auditorio

Pola tarde, atacará a banda dos cueiros cun espazo de lectura para nenos de 0 a 6 anos; Teatro dos Gazafellos e o obradoiro Peregrinus onde todos poderemos coñecer as criaturas lendarias galegas acompañados por Xosé Tomás; Lucecús do Grupo Prilampo, o novo libro CD de Galaxia; Pepiña Maruxiña e a presentación do orixinal e gorentoso Premio Merlín deste ano, Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas completan a oferta xunto cunha oferta específica bebés.

O Culturgal miúdo deste ano é un escaparate móbil e dinámico onde os cativos non acougarán

Ademais haberá eventos, obradoiros, charlas con autores e exposicións. Algúns libreiros con stand propio, como os composteláns Ciranda e Lillith, amosarán as novidades de Triqueta Verde, Hércules, Primeira Persona, Oxford, Sotelo-Blanco, Edicións Embora, Edicións Positivas, Apiario Editora e libros autoeditados.  Pequenas e grandes editoriais e distribuidoras compartirán espazo de promoción haberá libros de Cumio ou de Sushi Books, que estará presente de novo este ano no Culturgal dentro do stand de Rinoceronte Editora xunto a Lata de Sal.  Bululu tamén presentará as súas novidades Erik e Pasen e miren.

O Culturgal miúdo deste ano é un escaparate móbil e dinámico onde os cativos non acougarán.

Programación infantil e xuvenil do Culturgal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.