O Culturgal "da consolidación" pechouse con milleiros de asistentes

Milleiros de persoas ateigaron o Pazo da Cultura de Pontevedra Dominio Público Culturgal

Rematou unha nova edición do Culturgal. E fíxoo, un ano máis, con sobresaliente. Milleiros de persoas pasaron entre o venres e o domingo polo Pazo da Cultura de Pontevedra, confirmando que a cultura galega está moi viva. O público aumentou con respecto ao pasado ano no Culturgal a pesar de ser o primeira edición na que se cobraba pola entrada. A espera da confirmación das cifras de asistencia do domingo, a afluencia incrementouse nun 5% sobre os datos da anterior edición. 

O sábado pola tarde rexistrouse un récord na entrada a Culturgal, computándose o ingreso de 1.000 persoas entre as 16 e 17 horas. O sábado é tradicionalmente o día grande da Feira das Industrias Culturais para o público que se despraza de todas partes de Galicia ao Pazo da Cultura para se atopar coas novidades das industrias do sector ademais de coñecer de primeira man unha manchea de iniciativas culturais e participar como público nos distintos espectáculos do programa.

Este domingo, terceira e última xornada do Culturgal, ofreceu novas presentacións de novidades editoriais, música ao vivo e espectáculos, coma o Xiqui Xoque Fiú Fiú do Proxecto María Fumaça con Uxía, a nova Estación Nadal de Mamá Cabra, o Recital de Poesía Gastronómica organizado pola Revista Bembo, o encontro das cervexas artesanais ou a presentación do primeiro disco da artista Alba María. Así mesmo, o equipo do programa Diario Cultural da Radio Galega, dirixido pola escritora e xornalista Ana Romaní, recolleu o Premio do Público Culturgal 2014.

O balance dun sábado intenso na Feira ten que referirse obrigadamente ao entusiamo que levantou o concerto de Caxade coa Banda de Música de Bandeira, un espectacular acontecemento musical que sorprendeu e ilusionou aos asistentes ao peche da segunda xornada. O sábado, ademais, varios produtos déronse a coñecer por vez primeira no Culturgal. Só uns días despois de saír publicado, a artista Guadi Galego chegou coas súas Lúas de outubro e agosto (Fol Música) mentras o recoñecido actor Antonio Durán Morris, canda a Pedro Alonso, presentou a nova proposta escénica de Emedous, O crédito.

En total, foron 150 actividades, máis de 30 horas de programación e 70 expositores. O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, definiu esta sétima edición como a da “consolidación”. No acto de inauguración da feira, Bragado definiuna como un proxecto “construído en mancomún” polas cinco asociacións profesionais do ámbito da cultura que continúan sendo capaces de “acreditar nesta fantasía e compartir un proxecto resultado do esforzo do sector das industrias culturais, das administracións e dos públicos da cultura”, dixo dun modelo que, ao seu ver, tiña que ser “emulado noutros ámbitos da vida social”. O sector cultural en Galicia emprega a 24.300 persoas, un 2,4% dos postos de traballo do sector público e privado, segundo datos da EPA.

“A forza do Culturgal é a forza dos seus públicos”, engadiu Bragado ao se referir ao feito de que por vez primeira as persoas que se achegase ao Pazo da Cultura terían que abonar unha pequena entrada de 2 euros (ou 3 por un pase para os tres días). “Todos os feirantes precisamos o apoio do noso público”, dixo para salientar que a Feira era unha “construción colectiva imprescindíbel para a difusión da cultura galega".

O concerto de Caxade coa banda de música de Bandeira foi un dos momentos estrela © Culturgal
Ana Romaní recolleu, polo Diario Cultural, o Premio do Público © Culturgal
Houbo ducias de presentacións e debate Dominio Público Culturgal
No Culturgal non houbo tempo para se aburrir Dominio Público Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.