Xa non falta case nada. En pouco máis de tres semanas o Culturgal 2013 abrirá as súas portas, de novo no Pazo da Cultura de Pontevedra, para presentarse ante ao mundo como o gran escaparate da cultura galega. En tempos de escaseza económica a feira galega das industrias culturais reborda creatividade e apóiase na "corresponsabilidade" para conseguir manterse e mesmo medrar, desta volta, con máis espazo físico para a música e o cinema, cunha carpa para concertos e unha sala de proxeccións.
Pero, por que é a edición máis corresponsable do Culturgal? No marco da presentación do evento, este martes en Pontevedra, o seu coordinador, Xosé Manuel Aldea, explicou que a idea se "materializa" nunha "maior implicación das asociacións e empresas que forman parte de Culturgal", ademais de "no importantísimo apoio dos patrocinios" das institucións públicas e "na asunción, por parte do público, do seu importante papel na acción cultural".
A entrada "seguirá sendo de balde", pero quen o desexe poderá pagar "unha entrada voluntaria" que converterá as persoas que o fagan en "micropatrocinadoras"
A posibilidade de que o público se implique máis directamente é unha das novidades desta edición. A entrada á feira "seguirá sendo de balde", pero quen o desexe poderá pagar "unha entrada voluntaria" que converterá as persoas que o fagan en "micropatrocinadoras", condición que será acreditada cunha chapa conmemorativa. O reforzamento do papel de quen visita e apoia o Culturgal refórzase tamén coa creación do Premio do Público, "unha iniciativa da directiva da asociación para recoñecer iniciativas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade e fomenten a súa implicación. Ese premio será para a Asociación puntoGal, para o Festival de Cans ou para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
A programación
Como adoito, o Culturgal será o escenario de múltiples presentacións artísticas. Dende as novidades das principais editoriais do país ata proxectos novos como as revistas Luzes e Oink, pasando polas estreas dos discos de Caxade, Mónica de Nut ou ou músico vasco Kepa Junkera, que presentará no propio Pazo da Cultura o seu novo disco, Galiza, acompañado polos músicos galegos que colaboraron no traballo. Un maratón de webseries no Espazo Cinema ou múltiples actividades para nenos e nenas figuran tamén nun programa que se "espalla" pola cidade de Pontevedra con, por exemplo, o concerto que conmemorará os 25 anos de Zënzar ou o concerto de 111 bicicletas que promove o Taller Atlántico Contemporáneo.
"Culturgal é un escaparate de primeira orde para a actividade cultural en Galicia", resume Víctor López, presidente de Eganet e representante da Asociación Culturgal. "Malia á suba do IVE e á desaparición de poios no patrocinio", a feira segue chea de vida para "expoñermos diante do público, o gran destinatario final do noso esforzo" a "diversidade de creacións, de formatos e de perspectivas" da actividade cultural galega. A cita, do 29 de novembro ao 1 de decembro en Pontevedra.