Praza.gal medra... E chega VINTE!

Presentación do redeseño de Praza.gal e do proxecto VINTE ás socias e socios Dominio Público Praza Pública

O equipo de Praza Pública leva meses a traballar intensamente para medrar en calidade e contidos. Unha das necesidades máis inmediatas de Praza.gal viña sendo, máis de seis anos despois do noso nacemento, unha renovación tecnolóxica. Esa renovación está a piques de chegar cun redeseño integral do xornal que non vai chegar só. Vai chegar con VINTE, a nova revista dixital de sociedade, cultura e tendencias asociada a Praza.gal.

A nova xeira de Praza.gal e mais o nacemento de VINTE chegarán ás pantallas o vindeiro 11 de decembro

Esta nova xeira de Praza.gal e mais o nacemento de VINTE chegarán ás pantallas o vindeiro 11 de decembro. Pero xa saíron do forno algúns petiscos do que está por vir. O primeiro avance tivérono hai uns poucos días as socias e socios de Praza Pública nunha presentación en Santiago na que o director de Praza.gal, David Lombao, e a directora de VINTE, María Yáñez, ofreceron un avance do deseño e contidos.

"Tras case sete anos de Praza.gal -explicou Lombao- imos ter a oportunidade de contarmos máis e mellor cun xornal renovado" que, especificou, contará con mudanzas no seu deseño, pero tamén con melloras técnicas que facilitarán o traballo da redacción e mais a experiencia da audiencia. Así, por exemplo, o novo deseño de Praza.gal coida especialmente a súa adaptación aos dispositivos móbiles, unha das vías fundamentais -en moitas ocasións, maioritarias- de acceso ao xornal que experimentou unha gran evolución dende o ano 2012. 

David Lombao presenta ás socias e socos de Praza.gal o redeseño do xornal / Ada Seoane

Nada disto sería posible sen as socias e socios de Praza.gal, por iso na nova web haberá un espazo para as persoas que co seu apoio nos axudan que o xornal se consolide e medre

"Nada disto sería posible sen as socias e socios de Praza.gal", subliña o director do xornal. Por iso, na nova web de Praza.gal haberá un espazo para as persoas que co seu apoio nos axudan que o xornal se consolide e medre. Poderán acceder a adiantos informativos, contidos exclusivos e novas vantaxes "que ata agora tecnicamente era difícil para nós poder ofrecer".  

VINTE, unha revista para a Galicia dos anos 20

Coa nova etapa de Praza nace VINTE, unha revista para público novo con contidos multimedia sobre temas de sociedade, cultura e tendencias. María Yáñez presentou este espazo como un lugar desde o que "retratar e proxectar a Galicia dos anos VINTE", cunha forte aposta polos contidos audiovisuais, polas novas linguaxes e pola distribución nas redes sociais. "Hai unha audiencia aí fóra que consome a maior parte de contidos nas redes e isto supón unha gran oportunidade para o noso espazo de comunicación", explicou Yáñez, apelando a un público "menor de 40 anos que busca contidos de calidade nas redes en galego".

"Hai unha audiencia que consome a maior parte de contidos nas redes; iso é unha oportunidade para o noso espazo de comunicación", explicou apelando a un público "menor de 40 anos que busca contidos de calidade nas redes en galego"

VINTE ofrecerá a maior parte dos seus contidos de xeito gratuíto, mais tamén lles vai ofrecer ás súas lectoras e lectores a posibilidade de suscribirse á publicación, como xa fan as persoas socias de Praza.gal, e recibir contidos exclusivos e outras vantaxes, a partir de 5€ mensuais.

O equipo de VINTE fórmano María Yáñez e Matías Tarrío na redacción, cun consello editorial no que participan Carlos Pereiro 'Carlangas', Lucía Aldao, Belén Regueira, Noa Cid, Cibrán Tenreiro e Tamara de la Fuente. A realización audiovisual está a cargo de miramemira, coa colaboración de Xavi Font na identidade sonora.

María Yáñez avanza o proxecto da revista dixital Vinte / Ada Seoane

A produción dos contidos iniciais de lanzamento de VINTE recibiu unha subvención da Área de Cultura da Deputación da Coruña, na súa nova liña de apoio ao desenvolvemento de proxectos singulares de especial interese cultural. A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, participou no acto para explicar esta liña de axudas e darlle a benvida ao proxecto. 

Ademais, na presentación de VINTE amosouse en primicia o spot que este xoves se empezou a distribuír nas redes da revista, que se pode seguir en Facebook, en Twitter e en Instagram.  

No Culturgal 2018

O equipo do Laboratorio NUMAX, responsable da anovación tecnolóxica e do redeseño de Praza, así como do deseño e lanzamento do proxecto VINTE, ultima os detalles desta nova xeira. Mentres, a Fundación Praza Pública aproveitará o seu posto no Culturgal 2018, que se celebra do 30 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, para ofrecer uns petiscos do que está por vir. 

-O sábado 1, ás 18:30h, no stand de Praza Pública na feira das industrias culturais, imos navegar con socias, socios, amizades e visitantes do stand polas primeiras pantallas do redeseño de Praza.gal... E imos facer algún 'spoilers' de VINTE!

-O domingo 2, no Espazo Foro do Culturgal, presentaremos máis polo miúdo a nova xeira de Praza.gal, como vai medrar o noso xornal e os contidos que vai traer VINTE consigo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.