A fin de semana do 26 ao 28 de novembro a Culturgal regresa ao Pazo da Cultura de Pontevedra con 119 postos para percorrer e 100 actividades arredor do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e das profesionais
A Culturgal, a feira das industrias culturais galegas, volve do 26 ao 28 de novembro ao Pazo da Cultura de Pontevedra "para reencontrarnos", en palabras dos seus promotores. Despois da edición de resistencia do ano pasado, con multitude de conversas e actuacións que se puideron seguir en streaming, nesta décimo cuarta edición recupérase a presencialidade apostando por propostas culturais que encaran o futuro en torno á accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade.
A cultura que toca é o lema deste ano. Cento dezanove postos, máis de oitenta empresas con presenza física e un programa de cen actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e das profesionais das industrias culturais agardan pola cidadanía galega na Culturgal. As entradas pódense adquirir de maneira anticipada sendo 3 euros a entrada xeral, 2 euros para menores de 16 anos (incluídos) e gratuíta para os menores de 3 anos, con bonos familiares a disposición das asistentes.
A feira comeza o venres con encontros a partir das 17.00 horas e toda a actividade o sábado e o domingo desde as 11.00 da mañá ata as nove da noite
"Hai moitas ganas de Culturgal. Así o comentabamos a semana pasada en Madrid, convidados polo Ministerio de Cultura, que tivo a ben considerarnos un dos tres mellores proxectos de promoción cultural de todo o Estado", asegurou Víctor López, presidente de Culturgal, na presentación da programación completa da feira este venres xunto a Victoria Alonso, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da AGADIC; e Carme Fouces, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra.
O sábado 27 e o domingo 28 a Culturgal abre todos os seus espazos desde as once da mañá ata as nove da noite. A programación espállase por todo o Pazo da Cultura en diferentes escenarios: Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, este último para teatro e música ao vivo. "O sector editorial, talismán da feira, volve a traernos a Pontevedra os grandes nomes da literatura como Manuel Rivas, Ledicia Costas ou o Colectivo Rompente. Haberá música ao vivo a través de diferentes showcases e co espectáculo especial das Tanxugueiras, o domingo, que despiden xira en Culturgal con todas as entradas vendidas desde hai semanas", destacou o director da feira, Xosé Aldea.
O CSIC organiza para o público infantil 'Ciencia á Feira', entre outras moitas propostas, como a exposición de autómatas 'Kinétiko'
"As artes escénicas chegan á feira a través de diferentes propostas da man de Escena Galega, da función de Elefante Elegante con Dreaming Juliet o domingo no Teatro Principal ou coa presentación da xira teatral de Fariña para 2022", engadiu Aldea. O público infantil e familiar terá moito onde escoller durante a fin de semana con propostas como a do CSIC Galicia de Ciencia á Feira ou a exposición de autómatas Kinétiko.
Tamén haberá dúas exposicións para todos os públicos, CatáMola en Galego, comisariada polas xornalistas Teresa Cuíñas e Pepe Cunha, e a mostra deseñada por Pepe Barro A Casa de Galicia. Cincuenta anos de apertura da Casa de Rosalía (1971-2021). Un ano máis, a Fundación Praza Pública terá stand de seu na Culturgal, onde presentará algún dos novos proxectos de Praza.gal e mais da revista VINTE durante a tarde do sábado.
O director da feira explicou que o venres 26 non se poderá acceder aos stands, pero comezará a programación no Espazo Foro a partir das 17.00 horas con encontros como o organizado polo Centro Dramático Galego con Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Fran Núñez, director do CDG; Cándido Pazó, director de escena de A peste; e Marta Pazos, directora de escena de Ás oito da tarde, cando morren as nais. Ou performance como Accións e variacións para o do de peito, de Ana Gesto, no marco da nova edición da campaña 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' da Deputación de Pontevedra.
A Culturgal TV retransmitirá en directo algúns dos contidos para as que non se poidan achegar á feira
Nesta edición preséntase a Culturgal TV, unha tele cultural de fin de semana que, ademais de transmitir unha selección das actividades que terán lugar ao vivo en Pontevedra, incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas da feira. "Queremos chegar á xente que non pode vir, como é a ampla comunidade galega no exterior que está respondendo moi positivamente ao proxecto enviándonos videos e felicitacións", apuntou Xosé Aldea.
Haberá espazo para a presentación de novas aventuras editoriais como Rodolfo e Priscila, conversas arredor das novidades editoriais galegas, un lugar para os vídeoxogos e unha cita cos cómics, así como a exhibición de series e películas que aínda están por estrearse. O acto inaugural da feira, organizada pola Asociación Culturgal da que son parte Escena Galega, Agapi, Asociación Galega de Editoras, AGEM e Eganet, terá lugar o venres 26 ás 13.00 horas.