En martes e 13 e sobre a histórica Ponte do Burgo de Pontevedra presentouse a edición número 14 da Culturgal, a meirande feira cultural de Galicia, que neste ano quere iniciar o regreso á normalidade, despois dunha edición 2020 que se levou a cabo de forma online, ao coincidir coa segunda onda da pandemia de COVID. A edición 2021 da Culturgal celebrarase entre o 26 e o 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra regresando ao formato presencial. O venres 26 de novembro será unha xornada orientada aos profesionais do sector e os días 27 e 28 abrirase ao público.
Culturgal quere iniciar o regreso á normalidade, despois dunha edición 2020 que se levou a cabo de forma online, ao coincidir coa segunda onda da pandemia de COVID
O lema desta edición -A cultura que toca- fai referencia a esa presencialidade, a ese contacto e busca reivindicar a acción cultural ao vivo e a relación directa co público. Veñen de abrirse as convocatorias de reserva de stands e de programación de eventos para empresas, entidades e artistas con prazo ata o vindeiro 15 de setembro. Teñen prioridade aquelas procedentes de empresas asociadas a Culturgal, é dicir, ás pertencentes a Escena Galega, Agapi, Asociación Galega de Editoras, Eganet e Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), que tamén gozan de desconto na reserva de stands.
"Esta Culturgal será a do reencontro, a da recuperación, a do contacto directo coa cultura", dixo Víctor López
O presidente de Culturgal, Víctor López, destacou na presentación deste martes que o espazo escollido (ao aire libre), simbolizando "esa necesidade que todos temos de recuperarnos como seres sociais, de recuperar o disfrute do espazo público, de recuperar o disfrute da cultura". "Esta Culturgal será a do reencontro, a da recuperación, a do contacto directo coa cultura", engadiu López, que reclamou a necesidade da cultura "máis que nunca" para "superar a crise" e como "punto de encontro”.
Entre as novidades da nova edición da Feira, destaca a posta en marcha de Culturgal TV, unha canle en streaming que a xeito de magazine funcionará como “unha tele cultural de fin de semana”
Pola súa banda, o director da Feira, Xosé Aldea, convidou ao sector cultural a participar na Feira confeccionando un programa que é “un proxecto colectivo, xa que a programación da Culturgal constrúese con propostas chegadas das empresas, das entidades e institucións, dos creadores e artistas". Entre as novidades da nova edición da Feira, Aldea destacou a posta en marcha de Culturgal TV, unha canle en streaming que a xeito de magazine funcionará como “unha tele cultural de fin de semana”.
Na presentación estiveron acompañados pola deputada provincial Victoria Alonso, o director da Agadic-Xunta de Galicia, Jacobo Sutil e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces. Sutil destacou que Culturgal volve ser "punta de lanza da cultura galega". “Se o ano pasado fixeron unha edición online exemplar, é unha moi boa nova recuperar a presencialidade e o contacto directo do público coa cultura, imprescindible para reactivar o sector entre todos”, dixo.