O Culturgal presentou este luns a súa edición 2018, que se celebrará en Pontevedra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro. "Ti levas o compás" será o lema do evento, outorgándolle o protagonismo da feira ao público, "que é a razón do éxito da Culturgal ao longo do tempo", destaca a organización.
"A travesía da Culturgal non sería posible sen a da audiencia que, edición tras edición, acude a Pontevedra a coñecer as novidades culturais en libro, artes escénicas, música ou audiovisual, a participar do encontro profesional, a contactar con artistas e creadores ou, simplemente, a enchouparse da intensa actividade cultural que ten lugar ao longo das tres xornadas", salientou Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal. "Son eses públicos os que van guiando e deseñando o proxecto feiral", engadiu.
A feira, con imaxe gráfica de Pepe Barro, xa anunciou os espectáculos especiais de 2018 tralo inicio da convocatoria aberta no mes de abril. Carlos Núñez en directo será o protagonista da noite do sábado 1 de decembro na Feira. As entradas para este espectáculo sairán á venda en setembro. A xornada inaugural, o venres, volverá a ter programación específica para o público profesional e o sector do libro acordou darlle especial protagonismo en 2018 á literatura histórica. Haberá ademais unha figura colaboradora en 2018, que será a Deputación da Coruña a través do departamento de Turismo, que terá un protagonismo especial en 2018 con propostas centradas no turismo cultural.
"A travesía da Culturgal non sería posible sen a da audiencia que, edición tras edición, acude a Pontevedra a coñecer as novidades culturais"
En 2018, por segundo ano consecutivo, o Espazo de Arte Contemporánea, que ocupará a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra, suma perto de mil metros cadrados máis á superficie habitual da Feira, que se engaden aos máis de catro mil oitocentos metros cadrados do recinto feiral pontevedrés. En 2017 ocupáronse máis de 120 stands, coa incorporación do novo Espazo Arte Contemporánea, reservados por máis de oitenta entidades e empresas. Na reserva de stands a organización establece descontos por ser asociado Culturgal, pola fidelidade e por reservar antes do remate de agosto.
O prazo para a presentación de propostas de actividades comeza o día 9 de xullo e pecharase o 1 de outubro. A organización irá confirmando as propostas seleccionadas a medida que as recepcione e decida a súa programación, respondendo a criterios como a promoción e o desenvolvemento da lingua e da cultura galegas, calidade do proxecto, adecuación ao contexto cultural galego e innovación na súa formulación, complementariedade entre as distintas propostas a nivel global e viabilidade técnica, material e económica.