En caso de emerxencia, cultura. A feira das industrias culturais de Galicia, a Culturgal, pasou por múltiples avatares dende o seu nacemento, hai máis dunha década. Agora, tamén unha pandemia que a obrigou a redefinir a súa décimo terceira edición como nunca antes fixera, pero que derivou no reto de "darlle volta á tortilla; de facer do defecto, virtude", espallándose en catro escenarios e tres canles para poder, malia á COVID-19, "manter o obxectivo de mostrar ao público a actividade cultural galega máis remarcable deste ano e do que vén".
O groso da programación da Culturgal 2020 é retransmitida ao vivo por internet para adaptar a feira ás restricións da COVID-19
Nos días previstos e outra volta en Pontevedra, dende este venres 27 e ata o domingo, 29, a programación da Culturgal trae consigo literatura, música, artes escénicas, cinema, tecnoloxía, xornalismo... Pero sen os habituais stands na área expositiva do Pazo da Cultural, senón dun xeito adaptado ás restricións para evitar contaxios do coronavirus.
Só un dos espazos é cento por cento presencial, o dedicado ao cinema. Os outros tres (o Foro, na sala de exposicións do Pazo da Cultura; Escena, no auditorio do mesmo recinto; e Libro, no Teatro Principal) terán unha moi reducida posibilidade de asistencia, pero compensada coa retransmisións ao vivo a través do sitio web da feira e das súas canles en YouTube.
Entre o sábado 28 e o domingo 29, as tres canles en liña da Culturgal retransmitirán máis de 70 eventos vinculados ao teatro, ao libro, á arte, á ciencia ou aos espectáculos familiares. En total, máis de 20 horas de retransmisión e por tras, máis de 60 persoas a traballar.
Entre as moitas propostas da feira destacan, por exemplo, as do Espazo Libro, retransmitido ao vivo dende o Teatro Principal. Autoras e autores como Manuel Rivas, Ledicia Costas, Berta Dávila, Antón Patiño, Miguelanxo Prado, Alberto Vázquez, Kiko da Silva ou Suso de Toro presentarán os seus traballos.
No Espazo Libro tamén intervirá Praza.gal, Será o domingo, 29, a partir das 13:15 no marco da sesión Culturgal 2020 en pandemia, que acollerá tamén a presentación de volumes como a tradución galega de Pandemia, de Slavoj Žižek (Galaxia), Pangalaica, recortes poderosos de Xurxo Souto ou o volume colectivo Setenta ideas para a (post)pandemia, editada por Catro Ventos.
Praza.gal participa un ano máis na Culturgal, desta volta co diálogo '10 gráficos para contarmos a pandemia en Galicia'
Praza.gal realizará neste espazo a presentación 10 gráficos para contarmos a pandemia en Galicia con Ana González Liste, colaboradora do xornal e vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e mais o director do xornal, David Lombao. Neste diálogo abordarase a importancia da visualización de datos e do xornalismo en clave galega para, a partir dunha aposta pola transparencia e os datos abertos, aproveitar o soporte dixital para achegar información comprensible sobre a COVID-19.
O Espazo Foro, pola súa banda, acollerá intervencións poéticas, de performance ou artes escénicas con Mónica Mura, o CDG, Carlos Varela, Rosalía Fernández Rial, Marta Pérez, Antón Reixa, Aldaolado, Ana Romaní ou o colectivo Vella Escola. No espazo Escena, a música será a protagonista dende Luar na Lubre ou Susana Seivane ata o jazz, o punk ou os espectáculos infantís.
No espazo de cinema, o único só presencial, proxectaranse catro longametraxes de ficción e dous documentais: tras Ons, de Alfonso Zarauza, proxectada este venres, é quenda para A illa das mentiras, de Paula Cons; Arima, de Jaione Camborda; Longa noite, de Eloy Enciso; Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío e A media voz de Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández.