Este mércores deu comezo a sétima edición do Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais, que este ano por mor da pandemia de coronavirus leva o 100% das súas actividades á rede (a propia pandemia obrigara xa a adiar o festival, previsto inicialmente para o pasado mes de abril). Todos os seus contidos e eventos serán de acceso libre e gratuíto e emitiranse a través de Youtube, Facebook e Twitch. Series, videoxogos, podcast, tecnoloxías de vangarda, humor e feminismo serán algúns dos contidos centrais do festival, que tamén analizará como as tecnoloxías emerxentes transforman festivais e espazos físicos en contidos multipantalla.
Series, videoxogos, podcast, tecnoloxías de vangarda, humor e feminismo serán algúns dos contidos centrais do festival, que emitirá de balde pola rede toda a súa programación
O festival comezou cunha apertura oficial multipantalla, que foi seguida pola estrea da comedia millennial e un chisco surrealista “Xan”, de Lucía Estévez, a webserie gañadora do pitching realizado o pasado ano 2019. Despois da súa emisión, o público puido conversar en directo coa súa directora e o seu protagonista.
Na serie Xan non fala, pero é quen de analizar todo o que acontece ao seu redor. Fai unha vida bastante normal, ten colegas cos que pasa as tardiñas, come xeados e le banda deseñada, pero sempre hai algo que desestabiliza o equilibrio natural da súa existencia. Ás veces son intrincados dilemas morais ou inxustizas que non pode aturar. Outras veces é un tema de trap que o arrastra dentro dun videoclip en formato 4:3. Calquera cousa pode acontecer no seu mundo.
A sesión do xoves comeza poñendo o foco no papel das mulleres da industria dos videoxogos
A sesión do xoves comeza poñendo o foco no papel das mulleres da industria dos videoxogos, coa participación de Mariña Amores, Blissy, directora da serie documental Nerfeadas, que trata desde distintos ámbitos a cuestión do machismo na industria do videoxogo. E tamén Minia Samku Monteagudo, comentarista e divulgadora de eSports. Elas dúas falarán sobre mulleres e videoxogos nunha conversa na que participarán, do outro lado da pantalla, tres centros de Secundaria.
Haberá igualmente un amplo menú de creatividade galega. O youtuber Miguel Silva (Aquel-e) fará un percorrido guiado polo contido galego nesta rede social. Ademais, Isaac González (Podgalego) presentará algúns dos podcast máis interesantes do país -coa participación de Iria Veiga (Sónica Cuántica, Burán), Carlos Pereiro (A gruta de Gizamaluke) e Té con Gotas-.
Por primeira vez na historia do Carballo Interplay, o público poderá ver e votar desde a súa casa a súa webserie finalista favorita na Sección Oficial
Finalmente, por primeira vez na historia do Carballo Interplay, o público poderá ver e votar desde a súa casa a súa webserie finalista favorita na Sección Oficial do festival. Este xoves proxectaranse en Youtube, Facebook e Twitch as finalistas galegas e o venres e sábado, as españolas e internacionais. As finalistas galegas son @Destapando_Casares, Os 20 do XX, Capitán Breomán, Save e amigos, Mataría Microserie, Adegas da memoria e S.E.X.
O prato forte do xoves será a estrea da serie futurista Amnesia 3.0, a primeira webserie interactiva en galego
O prato forte do xoves será a estrea da serie futurista Amnesia 3.0, a primeira webserie interactiva en galego, creada por Irene Pin, Iria Igrexas e Natalia Porca. Trátase dunha "macroprodución con micropresuposto" ao máis puro estilo Black Mirror que demostra que se pode facer ciencia ficción sen grandes efectos especiais, con historias universais contadas desde aquí.
O evento constitúe un fito dentro da ficción dixital galega, pois ofrécese a posibilidade de que o espectador ou espectadora se achegue á historia por un ou outro itinerario que el ou ela mesma poderá escoller. Unha aposta interactiva sen precedentes que nace "dunha teima por atreverse a romper os límites impostos", destaca o equipo responsable.
Un xurado elixirá a webserie gañadora desta edición entre catro finalistas
Amnesia 3.0 foi a gañadora, xunto con Xan, do Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega co que o Carballo Interplay quere incentivar a creación de contidos en galego, axudando a producir os tres primeiros episodios do proxecto gañador. Precisamente este xoves un xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez elixirá a webserie gañadora desta edición entre catro finalistas: Cacola (un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Hidalgo), Lévede (unha webserie sensual con receitas de panadaría galega ideada pola produtora de audiovisual rural Siradella Films), Óleo (un proxecto de ficción que retrata a soidade, o baleiro interno, a rabia e a culpa que sofren as persoas que teñen que deixar a súa vida para coidar dos demais dirixida por Daniel Sanmartín) e Cebo&Allo (unha ficción cómica de Román Castaño Frieiro).
O venres debaterase sobre o funcionamento dos festivais audiovisuais na época multipantalla, unha realidade que gañou importancia por mor da pandemia de coronavirus
A gran festa da creatividade dixital en Galicia segue o venres, falando de tecnoloxías emerxentes que permiten construír e reconstruír mundos tanto para proxectos mainstream como para outros máis vangardistas. No debate participarán Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr). Tamén se afondará no funcionamento dos festivais audiovisuais na época multipantalla, unha realidade que gañou importancia por mor da pandemia de coronavirus. No debate intervirán Ana Domínguez (S8), Ángel Sánchez (Play Doc), Sonia Méndez (Carballo Interplay). Finalmente, a noite do venres rematará con humor feminino e feminista na rede, da man de Percebes y Grelos, Living Postureo e Lorena Iglesias.
O sábado comezará con máis humor feito por mulleres, debatendo sobre a comedia feminina con Lorena Iglesias, Penny Jay, Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos)
O sábado comezará con máis humor feito por mulleres, debatendo sobre a comedia feminina con Lorena Iglesias, Penny Jay, Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos). E a xornada e o festival pecharanse cunha gala de clausura que tamén se poderá seguir en directo pola rede. Xusto antes será o momento de Verto, o grupo revelación do pop en galego, e posiblemente o que conta cos e coas mellores fans. Nunha sesión especial o festival falará co grupo sobre música e redes nun encontro no que os e as fans poderán entrar en directo a falar con eles.
Así pois, catro días para ver dende a casa, quentiños/as e sen risco de contaxio os mellores contidos dixitais, 100% online. Como destacan dende o propio festival, o dresscode recomendado vai dende o chándal ao pixama pasando pola batamanta.