Carballo convértese na capital das webseries. Desde hoxe e até o vindeiro domingo, a localidade acollerá o Carballo Interplay, o primeiro festival dedicado a este innovador formato no Estado, unha aposta innovadora na que se poderán ver as mellores obras de España, 35 finalmente seleccionadas para a sección oficial entre as que se atopan referentes como Freaklances ou a veterana Cálico electrónico, a exitosa webserie catalana Les Coses Grans, a premiada La grieta, Cabanyal Z ou apostas galegas como Clases de lo social. Un evento único no que Galicia marca o camiño.
Carballo Interplay é o primeiro festival de webseries do Estado
"Carballo e Galicia convértense en referencia; é un orgullo poder dicir que o primeiro festival de webseries do Estado farase aquí e grazas ao apoio incondicional e a sensibilidade do Concello", di Sonia Méndez, actriz e directora do festival, impulsora como poucas deste formato coa súa exitosa Angélica y Roberta.
"Cando nós empezamos con isto, en Galicia case non había nada. Entramos en contacto con novas formas artísticas e de produción, a usar as redes sociais e internet... Non o buscabamos, pero acabamos aquí", lembra Méndez, que destaca a abondosa oferta do Interplay, pero tamén o que supón que aqueles que "se coñecían virtualmente se coñezan agora en persoa, se unan e compartan inquedanzas e proxectos".
Concertos, debates, conferencias e 'master class' completan a oferta dun certame onde se poderán ver 35 webseries na sección oficial
Todo, ademais, de balde agás os concertos. Os que acudan a Carballo poderán pasar horas e horas vendo webseries, en pantalla grande no Pazo da Cultura, así como ir ás charlas, conferencias e master class organizadas no fórum. "Todo sen pagar un peso", como recorda a organización, e co obxectivo de "pasalo ben".
Entre as caras coñecidas do audiovisual que pasarán polo certame estarán Xosé Barato, Xulio Abonjo, Yolanda Muíños, e moitos máis, entre eles, Xosé Antonio Touriñán, quen o sábado, ás 12.30, falará do imaxinario sobre Galicia en YouTube. É o denominado Código Fonte Audiovisual, un formato híbrido entre a conferencia e a proxección no que se convida un curator para que seleccione e comente pezas de vídeo embebibles que sexan referenciais para esa persoa: o seu código fonte de cultura audiovisual.
Ademais, no Carball Interplay haberá "estreas mundiais", xa que será onde vexa a luz o último capítulo da exitosa serie Malviviendo, o venres 25 no Pazo da Cultura, así como a webserie Tonhito, ti es especial, elaborada polo alumnado do obradoiro organizado polo festival o pasado mes de marzo.
No Carballo Interplay os premios repartirán máis de 5.000 euros
No Carballo Interplay hai máis de 5.000 euros en xogo, ademais dos trofeos obra orixinal do artista David Méndez. Será na gala do sábado cando se coñezan os gañadores premios á mellor webserie de imaxe real ou de animación, entre outros. Ao tempo, a música será outra das grandes protagonistas destes catro días de certame. Venres e sábado haberá sesión vermú ao mediodía, das que se encargarán, respectivamente, os djs Antón e Bigote Mix. Venres á noite, concerto de grupos locais na Sala Dublín, con Arabian Evils, Apart, The Gentlemen e o dj Antón. E o sábado, tamén na Dublín, grupo estrela: os Unicornibot como cabeza de cartel, con Calixta e Bigote Mix.
Pero tamén haberá tempo para debates sobre as innovacións que as webseries están a traer ás maneiras de contar, sendo accesibles ademais para todo o mundo. "Non é só que cambien as narrativas ou formas de transmitir, senón as formas de consumir contidos. E todo isto xera que aparezan este tipo de proxectos. Igual que as curtas son un paso para as longametraxes, igual as webseries tamén son un paso para facer visibles e promocionar traballos. Internet permite ser libre para crear historias e tamén no proceso, ademais de poder comprobar como responde a túa audiencia e ter contacto directo con ela. Hai que tomar moi en serie as webseries", reivindica Sonia Méndez, que destaca que na mesa redonda deste venres xente con ampla experiencia no audiovisual falará sobre os novos formatos que xorden da experimentación na Rede.
"Internet permite ser libre para crear historias, ademais de poder comprobar como responde a túa audiencia e ter contacto directo con ela", lembra a directora do certame, Sonia Méndez
Do mesmo xeito, no Interplay tamén se tratarán as posibilidades que Internet dá para dar a coñecer o talento dos creadores, ademais dos trucos para poder financiarse nestes tempos tan difíciles. Será na master class sobre branded content ou na presentación de Freaklances project, unha distribuidora de webseries.
"Tal e como están as cousas hoxe en día é difícil vivir de case calquera cousa", recoñece Sonia Méndez, que non obstante reclama que se "teña en conta" a xente que fai traballos para poñelos ante o público na Rede. "As xeracións de agora, desde a miña cara a adiante, cada vez consumen máis produtos a través da pantalla dunha computadora, un Iphone ou un Ipad e incluso máis que a través da televisión", lembra, tras destacar que o Interplay servirá tamén para que os alí presentes 2busquen puntos de encontro" á hora de "procurar recursos e produción para levar a cabo os proxectos". E todo isto, en Carballo, a nova capital das webseries.