O sector audiovisual está considerado un dos ámbitos estratéxicos para o desenvolvemento cultural en Galicia, España e Europa. Na actualidade o audiovisual galego acada recoñecementos internacionais arredor do mundo e estamos a vivir unha situación na que -por primeira vez na nosa historia- se atopan catro xeracións de profesionais diferentes en activo. As Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego do festival Curtocircuíto reuníronas a todas e dividíronas en: nados arredor dos anos 80 e 90 -millennials-, os englobados e englobadas na etiqueta do Novo Cinema Galego “e outras francotiradoras”, as primeiras promocións das formadas na Escola de Imaxe e Son da Coruña – e coetáneos- e a primeira xeración de profesionais do audiovisual en Galicia que comezou co seu traballo arredor dos anos 70 e 80. Froito do xeito de traballar deste grupo heteroxéneo de profesionais en activo -entre eles ou por separado-, os modelos cambian cada día e xa non hai un patrón de traballo común.
O audiovisual galego acada recoñecementos internacionais arredor do mundo
A mediados do ano pasado, escoitei como un directivo da CRTVG contaba nunha ponencia sectorial que “a galega na actualidade era canle autonómica que máis ficción leva a cabo en toda Europa”. Se hai 30 anos -e tamén algúns menos- era ademais o gran motor do audiovisual galego, cada vez son máis os produtos que non dependen desta corporación para poder levarse a cabo. Este feito vén en parte motivado polos novos xeitos de consumir e distribuír -que pasan polo dixital e as novas canles-, e que fan que tamén cambie a natureza dos produtos audiovisuais. Como exemplo deste tipo de ficcións seriadas producidas no pasado 2018 podemos contar cos casos de Hierro (producida por Portocabo en colaboración con Atlantique Productions e ARTE France) para Movistar+, ou Antes de perder (Cósmica Producións), unha serie con contido transmedia para emisión exclusivamente online creada para Playz, a plataforma dixital de RTVE.
Por primeira vez na nosa historia atópanse catro xeracións de profesionais diferentes en activo
Estes novos hábitos de consumo audiovisual que imperan na actualidade democratizan, desmonopolizan e permiten ampliar o abano á hora de idear e levar a cabo obras audiovisuais que, nos últimos anos, non terían cabida no noso país polas súas características (ficcións seriadas con duracións por capítulo inferiores ás habituais ou mesmo series concibidas soamente para a súa distribución na internet).
Mostras e festivais
Malia que internet dita, en gran parte, as pautas de consumo audiovisual, os festivais e as mostras de cinema continúan a ser un importante escaparate e escenario no que as obras audiovisuais se amosan ante o público.
Os novos hábitos de consumo audiovisual que imperan na actualidade democratizan, desmonopolizan e permiten ampliar o abano á hora de idear e levar a cabo obras audiovisuais
En Galicia existen arredor de corenta mostras e festivais de cinema que conviven entre si. Este tipo de encontros culturais son espazos para que as obras e o cinema cheguen a un público que, doutro xeito, non podería acceder a el, ben pola falta de salas nas súas localidades ou porque nalgunhas soamente se exhiben producións comerciais. Nos festivais, o público accede ao diálogo aberto cos creadores, equipo técnico e elenco dos filmes; xéranse puntos de encontro entre diversos axentes do sector, descóbrense novas culturas e novos xeitos de facer, de narrar e outras realidades sociais alleas ás propias.
Como breve escolma do noso imaxinario de festivais e mostras audiovisuais, en Galicia podemos atopar algúns adicados aos novos creadores e creadoras internacionais coma o Novos Cinemas – Festival Internacional de Cine de Pontevedra; ao cinema documental coma o Play Doc de Tui; ao audiovisual experimental coma o S8; a descubrir novos talentos do país coma o Festival de Cans; ao mundo da curtametraxe e a vangarda coma o Curtocircuíto de Santiago de Compostela ou, atendendo a isto último, o FIC Bueu; Cineuropa, que durante case un mes proxecta cinema para todos os públicos con filmes de todos os xéneros; o Festival de Cine Euroárabe Amal, que aproxima o seu público á realidade sociocultural árabe; o Carballo Interplay, que afonda nos contidos dixitais e tendencias na rede ano a ano; o Freakmazine, o Festival de Cinema Fantástico da Coruña; o festival internacional de cine infantil e familiar Cinema Crianza de Ames; Animacam, o primeiro festival internacional de curtametraxes de animación online; a Mostra Internacional de Cine Etnográfico do Museo do Pobo Galego; ou a recén nacida Ultramar - Mostra de Cinema Marítimo de Ribadeo.
En Galicia existen arredor de corenta mostras e festivais de cinema que conviven entre si
Os eventos que xiran arredor do cinema atoparon un oco na nosa sociedade ao volverse produtores de experiencias que nos ubican nun contexto cultural concreto e nos dotan dalgún tipo de valor simbólico co que movernos dentro del. Agora ben, máis aló de ser espazos que ofrecen visibilidade ás producións, tamén proporcionan espazos de encontro, xuntando a espectadores e espectadoras con intereses similares a quen lles gusta descubrir novas olladas. A xestión de públicos de todos os anteriormente citados -e as decenas de eventos galegos desta índole que faltan na listaxe- é, en cada caso, sempre diferente da anterior: algúns están dirixidos a grupos e segmentos concretos da poboación (documental, experimental, cinema fantástico, infantil), e outros actúan como festivais de masas onde produtos de diversa índole teñen cabida e, polo tanto, tamén engloban entre os seus espectadores e espectadoras potenciais a un público máis amplo e diverso.
É necesario contribuír á educación audiovisual de base que axude a xerar novas xeracións de públicos críticos
O que si que teñen -ou deberían de ter- todos eles é un punto en común: o obxectivo de educar e xerar novos públicos, a través das proxeccións, pero en gran parte dos casos tamén a través de actividades formativas, ben sexa ao longo de todo o ano a través de diversas iniciativas ou durante a celebración do evento. Os certames son conscientes de que xa non é suficiente incluír seminarios entre as súas programacións, formación para adultos, clases mestras para profesionais do sector ou explicacións de procesos creativos de obras concretas de xeito público e aberto, senón que é necesario contribuír á educación audiovisual de base que axude a xerar novas xeracións de públicos críticos co que ven como espectadores e co entorno que os rodea.
Axudas para a creación audiovisual
Coa finalidade de fomentar a creación e promoción do audiovisual do país, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), conta na actualidade con varias liñas de axudas entre as que se atopan as destinadas a ‘producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego’, ‘creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego’, subvencións para a celebración de ‘festivais do sector audiovisual’, e axudas á ‘promoción e difusión do cine galego en festivais e mostras de cine de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia’ que permiten que pezas audiovisuais galegas viaxen -como sucedeu nos últimos anos- ata festivais como a Berlinale (Alemaña), o Shangai International Film Festival (China), Karlovy Vari (República Checa), Biennale de Venecia (Italia), Sundance e New York (Estados Unidos), IDFA de Amsterdam (Países Baixos), BAFICI de Bos Aires (Arxentina), Locarno (Suíza), Toronto e Hot Docs (Canadá), Festival Internacional de Cine de Xixón, San Sebastián, Festival de Cine Español de Málaga, Semici de Valladolid, Sitges ou o Festival de Cine Europeo de Sevilla.
Os festivais de cinema a través dos seus programas de asesoramento dotan aos creadores e creadoras de ferramentas para poder desenvolver os seus proxectos con éxito
Tamén temos que destacar nesta tarefa concreta de novo a labor dos festivais de cinema, que a través dos seus programas de asesoramento dotan aos creadores e creadoras de ferramentas para poder desenvolver os seus proxectos con éxito. É o caso do #LAB de Novos Cinemas -programa de asesoramento para primeiras ou segundas longametraxes-, as Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica BAICC que a Mostra de Cinema Periférico (S8) convoca en colaboración con Acción Cultural Española (AC/E) e o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto, ou o xa desaparecido ÁNCORA, o programa do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) que ofrecía asesoramento e favorecía o investimento en proxectos cinematográficos galegos ou portugueses nunha fase de produción avanzada para axudalos a que se completasen nas mellores condicións posibles.
Ademais, hoxe en día tamén están a tomar relevancia no audiovisual programas integrais de actuación no dixital coma o plan DICO Mindset (posto en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Clúster Audiovisual Galego e o Clúster TIC Galicia), que nace co obxectivo de posicionar a Galicia como referente na creación de contidos dixitais en áreas de negocio emerxentes, como o e-learning, a vr-learning, a televisión online, os videoxogos, a realidade aumentada e virtual e os contidos sociais.
Entidades sectoriais e función
Para centrar e defender demandas concretas do sector, poñer en marcha liñas de taballo comúns, levar a cabo propostas e defensa de intereses, trazar liñas formativas e de desenvolvemento de actividades ou a organización de premios e entrega de recoñecementos, o audiovisual galego atópase agrupado en diversas entidades sectoriais. Entre as principais atópanse a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA), Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Academia Galega do Audiovisual (AGA), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Ademais, algunhas das que están constituídas a nivel estatal tamén teñen un papel moi activo no día a día do audiovisual en Galicia, como pode ser o caso da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) ou Artistas Intérpretes, Sociedade de Xestión (AISGE).
Despois de que varias destas asociacións profesionais traballasen durante algún tempo de forma conxunta e continuada en accións e proxectos para fomentar a igualdade nas artes escénicas e no audiovisual, construíron tamén o Observatorio de Igualdade das Artes Escénicas e do Audiovisual de Galicia. O feito de que dez asociacións que aglutinan practicamente a totalidade de ámbitos profesionais do sector audiovisual e das artes escénicas en Galicia se unisen para traballar de xeito conxunto arredor desta cuestión foi destacado no seu momento como “un feito histórico sen parangón a nivel estatal”.
Polo alcance das súas mensaxes e capacidade de influír nos idearios colectivos, a cultura semella ser a perfecta aliada para ofrecer unha imaxe plural, igualitaria e non estereotipada de homes e mulleres
Alén disto, nesta mesma liña de traballo, o Festival de Cans publicou no 2016 un ‘Decálogo para promover a visibilidade das mulleres’ no que recollían dez medidas para poñer en valor o traballo de mulleres dentro do festival; e a Academia Galega do Audiovisual fixo público a mediados do pasado 2018 o ‘Decálogo de Igualdade de Xénero’, que elaboraron para recoller os seus compromisos a prol da igualdade efectiva.
Polo alcance das súas mensaxes e capacidade de influír nos idearios colectivos, a cultura semella ser a perfecta aliada para ofrecer unha imaxe plural, igualitaria e non estereotipada de homes e mulleres no cinema, televisión, publicidade, medios de comunicación... e, concretamente, o audiovisual convértese nun espazo fundamental para poder comezar a construír.