Por máis que poidamos pensar que neste final dos anos dez o dixital xa é unha característica que atravesa todo o ámbito cultural, o certo é que en Galicia o mundo da cultura aínda é bastante analóxico. Os seus axentes dirán que non, que xa viven a tope na sociedade da información, mais na realidade falar de cultura dixital na maioría das institucións deste país aínda é unha rareza, un exotismo, cousas da rapazada friqui.
Por máis que poidamos pensar que neste final dos anos dez o dixital xa é unha característica que atravesa todo o ámbito cultural, o certo é que en Galicia o mundo da cultura aínda é bastante analóxico
Así que empecemos por situarnos e definir que entendemos por cultura dixital. Para o que quero expoñer, e de maneira moi simple: o conxunto de discursos e prácticas que se producen, e reproducen, nos medios dixitais. Se falamos de cultura dixital galega, podemos referirnos a aquela que se produce no noso idioma, aínda que isto é moi matizable: por un lado cada vez máis manifestacións culturais son multilingües, e, por outro, hai manifestacións culturais que non usan lingua ningunha, pois non é a palabra o seu medio de expresión.
Mais a cultura dixital non é só o medio que acolle estas manifestacións. É o conxunto de consecuencias da aparición deste medio, que transformou de forma irreversible, aínda que aínda non nos decatásemos, as prácticas culturais nos últimos anos. Ao mudar a canle mudou o xeito de recibir e o xeito de emitir información. Mudou tamén, e este é o maior cambio no paradigma dixital, o suxeito da cultura: quen produce e quen consome, e a relación xa non unívoca entre eles.
Fálase do efecto “democratizador” de internet porque nos dá acceso a ferramentas de creación, de publicación e de consumo que antes só estaban en mans duns poucos. Pasamos dunha cultura de masas ou broadcast, na que un axente emisor chega a moita xente, a unha cultura distribuída ou p2p, onde a comunicación circula entre pares e maioría das mensaxes que nos chegan en internet fano a través das redes sociais, dos contactos dos nosos amigos ou persoas ás que seguimos.
Todos somos, en potencia, ‘prosumidores’.
Pasamos dunha cultura de masas ou broadcast, na que un axente emisor chega a moita xente, a unha cultura distribuída ou p2p, onde a comunicación circula entre pares
Cada un de nós é o nodo dunha rede horizontal de transmisión que nos converte, ao mesmo tempo, en emisores e en receptores. En termos de produción cultural, todos somos, en potencia prosumidores (productores + consumidores, en inglés prosumers). Calquera de nós que participe activamente na conversa nas redes sociais, mesmo cando reenviamos un vídeo simpático de gatos polo whatsapp, somos participantes da cadea de transmisión cultural.
Quen produce daquela a cultura dixital en Galicia? Principalmente, un conxunto de individuos e comunidades de interese que o fan de maneira voluntaria e horizontal, aínda que haxa algunhas iniciativas que tratan de abrir camiño na profesionalización destas tarefas. Poñendo o punto de arranque na aparición da web 2.0 nos albores da década pasada, podemos mencionar desde os blogs, a Galipedia e outras moitas iniciativas de activismo cultural -incluídos medios de comunicación non profesionais- ata a gran cantidade de discursos que se producen hoxe en día nas redes sociais, marcados pola arquitectura destes medios, pola súa inmediatez e efemeridade e pola voráxine que alimentan cada día.
Quen produce cultura dixital en Galicia? Individuos e comunidades que o fan de maneira voluntaria e horizontal, aínda que haxa iniciativas que tratan de abrir camiño na profesionalización
Falamos de voluntariado e activismo na rede e nisto hai que incluír a produción anónima e espontánea: a que se dá no chamado folclore dixital. Está formada polos memes, que son un unidades de contido creadas, reproducidas e versionadas por unha comunidade, e que está máis próxima ás formas de transmisión da cultura oral tradicional que á cultura de masas, se ben a súa materia prima parte desta última. O que fan os memes é mesturar o imaxinario popular con elementos extraídos da cultura de masas para crear novas versións que poidan ser modificadas libremente, partindo dunha raíz común, como aconteceu durante séculos coas coplas, os chistes, os refráns, as receitas de cociña. Son a principal unidade de transmisión a cultura popular en internet, e funcionan como calquera outra manifestación cultural, como sinal de identidade e pertenza a distintas subculturas que poden ser temáticas, políticas e tamén territoriais, e que, cando collen moita forza, poden acaban transcendendo ao mainstream.
Estamos traballando todos de forma voluntaria para os señores de Facebook, Twitter e Google, xerando unha morea de información a cambio de nada, ou como moito a cambio de recoñecemento e atención
A canle pola que se transmite este folclore son as redes sociais, públicas e privadas. Todos sabemos cales son, mais deteñámonos un minuto a analizar o seu papel na produción cultural galega. Por un lado, a cantidade de horas, enerxía e esforzo intelectual que deixamos nestas redes axuda a crear unha conversa moi dinámica, a ocuparmos tamén ese espazo que xa traballa a nivel global, axuda a conectar xente, a crear comunidades, a que estas se organicen. Con todo, este movemento non reverte demasiado no interese público. Porque non están pensadas para iso, e porque as instancias que se supón deberían preocuparse por el (institucións culturais, medios de comunicación, etc) non fan moito para conectar esa vibrante cultura que se produce nas redes co que se supón que é o interese público en Galicia. Estamos traballando todos de forma voluntaria para os señores de Facebook, Twitter e Google, xerando unha morea de información a cambio de nada, ou como moito a cambio de recoñecemento e atención, que algúns se cadra ata monetizan de xeito particular, pero que como país non estamos recollendo nin aproveitando ben.
Da democratización á precarización da creación dixital.
Falamos de traballo voluntario e temos que volver ao tema da falta de profesionalización da cultura en internet. A dixitalización supuxo unha creba, ou polo menos un revulsivo, para a industria cultural tradicional, mais aínda non chegou a consolidarse un modelo económico que sustitúa o intercambio comercial nos soportes tradicionais por outro que poida manter unha nova cadea de valor para produtores e distribuidores de contido. Algo que, por outro lado, é normal, se partimos da idea de que a produción voluntaria en internet é algo intrínseco ás novas prácticas culturais, á nosa maneira de estar no mundo. O problema vén cando se quere acometer a produción dixital como un medio de vida e a persoa creadora se atopa cunha falla grave de estruturas económicas, públicas ou privadas, que sustenten esa produción.
A dixitalización supuxo unha creba, ou polo menos un revulsivo, para a industria cultural tradicional, mais aínda non chegou a consolidarse un modelo económico
Coa globalización, ademais, vemos como se van asentando modelos de éxito que distribúen as industrias culturais na rede máis alá dos espazos de cada país. É o caso de Youtube, Spotify, Netflix… Mesmo a nivel estatal é cada vez máis difícil crear un espazo propio de comunicación que sustente os contidos creados nun territorio. Inténtano a nivel local os novos medios xornalísticos, que se van reciclando e buscando novas formas de publicidade, de pago por consumo online ou membresía, ou outras vías como o crowdfunding. Nacen así novas editoriais, novos selos, novas distribuidoras, comunidades de creadores e consumidores moi de nicho que se promocionan nas redes e que monetizan traballos dixitais a partir da venda de obxectos físicos, merchandising, etc.
Mais a precarización é a tónica, e especialmente naqueles creadores máis vangardistas ou experimentais que buscan innovar na linguaxe, que axudan a prestixiala, e que non poden depender das novas dinámicas comerciais (nin das vellas, por outra parte) para gañar o seu sustento. Ante isto é vital o papel do sector público, como o foi sempre na cultura e as artes. E cal está a ser este papel? Pois en Galicia, case calquera cousa menos dinámico. As institucións culturais carecen dunha estratexia de apoio á creación e distribución dixital. Neste aspecto van moi por detrás da industria, que tamén é conservadora. Non hai neste momento ningunha liña de apoio a nivel autonómico ou local que incentive a produción de contidos en internet, con algunhas pequenas excepcións.
A precarización é a tónica, e especialmente naqueles creadores máis vangardistas ou experimentais que buscan innovar na linguaxe, que axudan a prestixiala
Si que pode haber, sobre todo desde concellos, iniciativas destinadas á cultura participativa na rede, como poden ser a dixitalización de arquivos fotográficos doméstivos, ou os certames de fotografía dixital ou outras convocatorias asociadas a campañas de promoción nas redes. Pero non hai ningunha iniciativa, e menos ningunha estratexia de país, destinada a combater a precariedade das creadoras e creadores dixitais, ou o que é o mesmo, a fortalecer unha industria da cultura dixital incentivando a produción, a distribución, o mecenado e, sobre todo, o consumo máis alá do gratuíto.
A consecuencia disto vémola día a día, pero estamos tan afeitos á dinámica que parece que xa a interiorizamos. A realidade é que o voluntariado dixital esgótase. Coñecemos ben o ciclo. Cando xorden iniciativas para crear cousas en internet, sexa de maneira individual ou de maneira autoxestionada e comunitaria, hai un momento inicial de entusiasmo, que é finito. Co tempo moitos proxectos acaban morrendo porque son precarios, consumen moitos recursos e, aínda que están producindo un ben para todos, dos que o resto nos beneficiamos, non reciben ningún apoio para seguir. Que fan as institucións do público ante isto? Deixalas morrer, no mellor dos casos.
As institucións culturais carecen dunha estratexia de apoio á creación e distribución dixital. A realidade é que o voluntariado dixital esgótase
Como consecuencia do esgotamento xeral e da pouca consistencia dos medios de produción, o patrimonio cultural dixital desaparece. Quen arquiva estes proxectos? Como se entende que partes fundamentais da historia xornalística contemporánea deste país, como Vieiros, non estean en ningunha hemeroteca? Ou publicacións enteiras que, por non estar, non están nin en Archive.org? Se non gardamos o pasado recente de internet parece que sempre temos que estar empezando de cero. Hai moitísimas referencias, textos, blogs, webs, podcasts ou pezas audiovisuais que simplemente desapareceron do mapa. Pode permitirse unha cultura como a nosa esa perda? Está moi ben sacar a cultura galega das vitrinas a que lle dea o aire, pero non podemos deixar que o aire a leve.
O público na rede: algunhas preguntas para o sector cultural
Estámoslle atendendo o suficiente ao público dixital? Estamos accedendo aos famoso ‘big data’ que nos permite coñecer, segmentar e achegarnos a novas audiencias en internet?
O sector público ten moito que reflexionar sobre estas cuestións, como tamén a nosa feble industria cultural, a quen lle temos que facer esta pregunta: Estámoslle atendendo o suficiente ao público dixital? Estamos accedendo aos famoso ‘big data’ que nos permite coñecer, segmentar e achegarnos a novas audiencias en internet? A impresión é que cada pequena empresa fai o que pode á hora de chegar a estes públicos con precarias ferramentas de marketing dixital, mirando cadaquén polos seus resultados a curto prazo. Ante isto, preguntamos: existe algún xeito de potenciar estes estudios de públicos, audiencia e mercados dixitais para beneficiar ao conxunto da industria cultural, e do que non é industria? Cales son os intereses e necesidades que podemos detectar no público galego? Son os datos que xeran as grandes corporacións globais útiles para unha cultura como a nosa ou temos que buscar maneiras de xerar datos específicos sobre o noso comportamento cultural?
Aos dirixentes das institucións culturais gústalles moito falar da sociedade da información, pero están bastante perdidos
Máis cuestións: Como podemos usar estes datos de audiencia, intereses e fluxos de consumo para crear un entorno onde os medios dixitais poidan ser sustentables? É posible crear contornas de comunicación que se apoien, como todos, nos social media pero que sexan autónomos na xestión da publicidade e das vendas? É posible crear e detectar audiencias a nivel galego que xeren interese e xustifiquen o investimento en medios e contidos dixitais por parte de empresas privadas e institucións?
E, cinxíndonos ao interese público (fóra do interese comercial), temos que preguntarnos: Que datos e arquivos temos que producir e conservar como país? Con que criterios se prioriza o investimento en produción, difusión e conservación da cultura dixital? Quen decide que contidos ou produtos culturais deben ser patrimonio público e cales non? Como cuantificamos os recursos necesarios para facelo? De onde quitamos estes recursos? A través de que mecanismos o facemos?
Do que se trata é de ter unha visión de país e de crear unha estratexia dixital común
En definitiva, non temos conclusións pero si unha intuición a xeito de resumo: que aos dirixentes das institucións culturais gústalles moito falar da sociedade da información, innovación e do mundo dixital, pero cando chega a hora de formular ou dar resposta a estas preguntas, que non son doadas pero son as que temos que facer, están bastante perdidos. Porque tampouco é algo que supoña unha prioridade política a curto prazo.
No fondo do que se trata é de ter unha visión de país e de crear unha estratexia dixital común encamiñada a que esa visión se cumpra, poñendo os recursos e facendo a mediación necesaria entre as institucións públicas, as empresas privadas e todo ese traballo en rede, voluntario e invisible que, por puro instinto de supervivencia, fai que a nosa lingua e a nosa cultura siga estando viva en internet.