Carballo Interplay, berce e fábrica de webseries galegas

Un momento da gravación de 'Hai vida en Bran?' © Praza Pública

Poetarras, Fame, Peter Brandon, Dalle Jas!, Galicia Crime, AntolepsiaTeño unha horta en San Sadurniño, PIB... Polo Carballo Interplay pasaron nos últimos anos a gran maioría das webseries feitas en galego, que aproveitaron a cita -un referente internacional no ámbito dos contidos dixitais- para tomar pulo. Hai dous anos o festival creou o premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega, co obxectivo de incentivar de forma máis activa a creación de contidos en galego adaptados ás novas formas de consumo. Facer canteira.

O primeiro proxecto gañador daquela primeira edición, Peter Brandon, vén de facerse co Premio Mestre Mateo á mellor webserie. E a gañadora o pasado ano, Hai vida en Bran?, estrearase o 5 de abril ás 21 horas, no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, no marco do propio festival que a viu nacer. Ademais, tres webseries en galego están incluídas na sección oficial. Trátase de Antolepsia, Galicia Crime e Monumento.

En Carballo poderanse ver, xa que logo, os tres primeiros capítulos desta comedia con tintes dramáticos que dirixe, escribe e protagoniza a coruñesa Ángela Andrade con produción de Macondo Prod. A serie conta a historia de Mariña, unha licenciada en Belas Artes que despois de fracasar no seu intento de abrirse paso no mundo do cómic, volve á casa da súa nai na pequena e aburrida vila de Bran. Sen cartos e en plena crise dos 25, comeza a traballar na tenda da gasolineira e combate a soidade e o tedio coa creación dun novo cómic inspirado polo glam rock e David Bowie. Isto desbordará por completo a súa imaxinación e faralle experimentar Bran doutra maneira. Falamos con Ángela Andrada.

"O labor que está a facer o Carballo Interplay é moi importante e tamén moi arriscado. É un festival no que se valoran sobre todo as historias e non tanto as persoas que están detrás delas"

Bran volve a Carballo, o lugar no que o proxecto despegou, co premio do pasado ano. O Interplay é a canteira do audiovisual galego?

O labor que está a facer o Carballo Interplay é moi importante e tamén moi arriscado. É un festival no que se valoran sobre todo as historias e non tanto as persoas que están detrás delas. E isto é moi importante para darlle oportunidades á xente nova, para axudalos a abrir camiño no mundo do audiovisual, que non é precisamente un sector fácil.

É igual o proceso de creación dunha webserie que o doutros formatos?

Nas webseries seguramente contas con menos cartos para gravar a historia, pero pola contra contas con máis liberdade creadora: non tes que preocuparte da corrección no guión porque vaia destinado a un público máis xeral ou porque se vaia emitir nunha televisión xeralista. E creo que o público agradece isto.

"Nas webseries contas con máis liberdade creadora: non tes que preocuparte da corrección no guión porque se vaia emitir nunha televisión xeralista. E creo que o público agradece isto"

Como naceu o proxecto? Xa como webserie ou tiñas a historia na cabeza como curta ou longametraxe?

A historia naceu de forma bastante espontánea, e á par da propia convocatoria de proxectos do Carballo Interplay. A idea si que me rondaba na cabeza dende antes, pero o mundo do audiovisual é complicado. E cando vin a oportunidade do CIP, cando vin que valoraban o conxunto do proxecto, lanceime a isto.

A historia ten algo de autobiográfica ou parte dalgún referente real?

E si, a serie ten algo de autobiográfico: a protagonista, Mariña, quere dedicarse ao mundo artístico, pero a súa nai non o ve tan claro. E na miña familia a miña nai tampouco viu moi claro que eu me dedicara ao audiovisual, prefería que fixese unhas oposicións, que fose ao seguro..., que supoño que é o que queren a maioría dos pais. Pero ao mesmo tempo eu tiña o propio exemplo de miña nai, que é moi peleona; e isto era contraditorio: ela ensinoume que na vida tiña que loitar polo que quería, e isto é o que quero.

"A miña nai tampouco viu moi claro que eu me dedicara ao audiovisual, prefería que fixese unhas oposicións, que fose ao seguro... Pero ao mesmo tempo ela ensinoume que na vida tiña que loitar polo que quería, e isto é o que quero"

Que percorrido vai ter Bran? Despois do Interplay estrearase inmediatamente na rede? Pasaredes por máis festivais?

Gustaríame presentala nas principais cidades de Galicia, cando menos na Coruña e Santiago. Queremos ir tamén a festivais, e hai varios que só admiten series que non foran estreadas aínda. E ao final si que se estreará online, para que a vexa todo o mundo.

A forma de crear e de consumir audiovisual está cambiando rapidisimamente. Unha das particularidades das webseries é ese feedback inmediato que se establece cos e coas espectadoras, non si?

A rede ten moitas vantaxes e unha delas é esa inmediatez. E si, está cambiando todo moi rápido, tanto á hora de consumir contidos como á hora de producilos. Ves xente que pode vivir de ser youtuber, de ter unha canle na que fala do que quere, algo que hai 10 anos era moi complicado. Internet é a nova forma de consumir audiovisual, sobre todo para a xente nova. Mesmo hai moita xente que os propios contidos de televisión os ve máis adiante na rede, no momento que máis lle convén.

"Non é que Bran estea pensada para ser unha serie moi longa, pero si me gustaría darlle un final axeitado"

Cal é o teu futuro inmediato? Seguir coa serie? Algún novo proxecto audiovisual?

Gustaríame seguir con Bran, facer máis capítulos. Non é que Bran estea pensada para ser unha serie moi longa, pero si me gustaría darlle un final axeitado. Teño un par de guións para curtas xa escritos, pero prefiro non poñer metas fixas a longo prazo. A miña meta é seguir escribindo e seguir implicada en proxectos audiovisuais, e aproveitar o que o Interplay me ofreza como escaparate.

 

Catro proxectos finalistas

O Carballo Interplay convoca este ano, por terceira vez, o premio a mellor proxecto de webserie en galego, que nas dúas edicións anteriores obtiveron Hai vida en Bran? e Peter Brandon. Este ano son catro os finalistas, moi variados en xénero e tamén no perfil dos seus autores e autoras. O proxecto gañador recibirá 1.500 euros para a realización dos tres primeiros episodios da serie, que se estreará no VI Carballo Interplay, o ano que vén

O proxecto gañador recibirá 1.500 euros para a realización dos tres primeiros episodios da serie, que se estreará no VI Carballo Interplay, o ano que vén

Sígueme, creada polos estudantes da USC Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose e Aitor Ramos, é unha intriga psicolóxica con reminiscencias de Mindhunter; nela, Elisa Sánchez Sedes dará vida a unha moza psicóloga expulsada da universidade pola súa crítica á psicoloxía convencional que decide continuar clandestinamente o seu estudo. En Áureas, unha historia dos anos 20, continúase no formato webserie o traballo levado a cabo no proxecto escénico Áureas, que combina música e teatro a través de personaxes de ficción. Fon Cortizo, Javier Álvarez e Alexandre Cancelo forman o equipo técnico, mentres as actrices e músicas Ailén Kendelman, Areta Bolado, Isabel Mouzo, Marina Vigo, Valentina Alonso e Cris Márquez forman o elenco.

O terceiro proxecto é Premios Darwin, unha comedia baseada no espectáculo de Carmen Conde arredor das mortes absurdas sucedidas en Galicia, combinando dúas cousas tan da terra como a narración oral e o culto á morte. No equipo destaca a presenza de Guillermo Arias-Carbajal na dirección e de caras coñecidas como a de Isabel Blanco, a cantante Nastasia Zürcher e os Porco Bravú no reparto. A cuarta serie finalista, Cativos na cociña, entra no territorio da non-ficción: un neno de cinco anos, Antonio, mudou coa súa familia dende o Perú do seu pai ata o Grove, terra da súa nai, onde descubre unha nova paisaxe, pero sobre todo os sabores da cociña galega. 

'Peter Brandon', gañadora do Mestre Mateo 2018 á mellor webserie, obtivo hai dous anos no CIP o premio ao mellor proxecto © Óscar Corral
Antolepsia, Galicia Crime e Monumento son as tres webseries en galego finalistas © Carballo Interplay

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.