Nos últimos anos o Festival Carballo Interplay converteu Carballo nunha referencia internacional na produción de contidos dixitais. Do 4 ao 7 de abril a vila acollerá a quinta edición do certame, que foi pioneiro na promoción e exhibición de webseries, pero que achega moitas máis actividades: cursos, concertos ou encontros profesionais, ademais das presentacións e proxeccións de obras, e do concurso que repartirá 5.000 euros en premios. 42 webseries de 16 países optarán aos galardóns. Ademais, darase un impulso a varios proxectos de webseries en galego.
As youtubers Percebes y Grelos e Belena Gaynor participarán no Interplay explicando o éxito nas redes sociais da última edición de Operación Triunfo, na que formaron parte do seu equipo. O festival tamén contará con outras creadoras e creadores multidisciplinares de gran popularidade na Internet, como Abi Power, Perra de Satán ou Carlo Padial. O programa de conversas complétase cunha mirada ao multimedia e o xornalismo orientado ao público millenial, con profesionais de Tentaciones (El País), Playground, Yasss e Vice España; e cunha charla na que participarán docentes de secundaria que desenvolveron proxectos audiovisuais educativos co seu alumnado.
"Estamos crecendo porque os contidos cos que traballamos tamén o fan, como efecto dos cambios que se están dando na forma de consumir contidos audiovisuais"
O Interplay acolle este ano a estrea de varios proxectos á marxe da súa competición oficial de webseries. O máis esperado, polo seu estreito vínculo co festival, é probablemente Hai vida en Bran?, a serie gañadora na pasada edición do premio ao mellor proxecto de webserie en galego. Dirixida e protagonizada por Ángela Andrada, esta comedia con tintes dramáticos narra o retorno dunha artista fracasada á casa da súa nai na aburrida vila de Bran. A outra estrea principal, El punto frío, ten tamén un vínculo especial con Galicia. Esta produción de RTVE e Dadá Films para a plataforma PlayZ recupera a lenda da Santa Compaña a través do personaxe dun rapaz obsesionado co paranormal, que chega a Galicia convencido de que un fenómeno misterioso está a punto de suceder. Estas estreas súmanse á proxección da webserie saída do Campamento Kamikaze, que se celebrará os días previos ao festival en Razo. Falamos con Sonia Méndez, directora do festival
O festival é aínda moi novo, pero converteuse moi rapidamente nunha referencia en toda España e tamén no estranxeiro. O Interplay está consolidado?
Si, a verdade é que cinco edicións son poucas, pero á vez son moitas. Imos crecendo ano a ano e consolidando o Festival e seguramente cando comezamos non podiamos nin imaxinar que iamos chegar ata aquí. Pero tamén estamos crecendo porque os contidos cos que traballamos tamén o fan, como efecto dos cambios que se están dando na forma de consumir contidos audiovisuais. Carballo foi o primeiro, pero xa se consolidou igualmente un circuíto de festivais en España e a nivel internacional, o que permite ver o percorrido que teñen determinadas series, ou aprender de cousas que se están facendo noutros sitios.
"Sen o apoio do Concello, o Festival non iría adiante. E o Festival devolve ese apoio, levando o nome de Carballo por todo o mundo e poñendo a Carballo e a Galicia no mapa dos contidos dixitais"
Foi importante ser o primeiro festival de webseries? O que pega primeiro pega dúas veces?
Non o sei. Aquí hai moito traballo detrás e todo isto non sería posible sen o equipo que constrúe o festival día a día. E, por suposto, sen o apoio do Concello de Carballo, que é fundamental. Aínda que tivésemos grandes ideas e traballásemos moi duro, sen o apoio do Concello, o Festival non iría adiante. E o Festival devolve ese apoio, levando o nome de Carballo por todo o mundo e poñendo a Carballo e a Galicia no mapa dos contidos dixitais.
"O Interplay aposta por crear novos públicos, pero tamén por crear novos profesionais, por formalos en ámbitos que quizais non son tan accesibles dende a oferta previamente existente"
Ademais do apartado competitivo e das proxeccións, dádeslle moita importancia aos encontros profesionais, ás actividades formativas, aos espazos nos que atoparse. Isto é especialmente importante polo rápido que mudan os formatos e as tendencias no campo da creación dixital?
Si, para nós sempre foi importante. Todas as edicións do Festival tiveron unha parte de formación. Sempre se fixeron obradoiros e experiencias 'de facer', como lles chamo eu, non tanto teóricas senón buscando producir contidos de forma práctica. O Carballo Interplay aposta por crear novos públicos, pero tamén por crear novos profesionais, por formalos en ámbitos que quizais non son tan accesibles dende a oferta previamente existente. Queremos ser un festival de difusión, pero tamén xerar contidos. E polo de agora hai xa tres webseries que foron creadas no Carballo Interplay e sobre todo moita xente que se coñeceu ou interactuou neses cursos e obradoiros e que está traballando conxuntamente.
Esta quinta edición unha das novidades é a incorporación dun xurado de xente nova. Que buscades con esta incorporación?
Era algo que levabamos pensando un tempo, era inevitable. Interésanos darlle voz á xente máis nova e implicar a persoas de distintas disciplinas. Queremos contar coas súas visións.