A 6ª edición do Carballo Interplay terá lugar do 3 ao 6 de abril. Porén, o festival de contidos dixitais xa quence motores con actividades que o confirman como o gran espazo de impulso da creatrividade galega na rede.
O Carballo Interplay lanza, por exemplo, unha nova edición do Campamento Kamikaze, tres xornadas (do 2 ao 4 de abril) de convivencia e formación na praia de Razo. As persoas soleccionadas para participar nesta experiencia traballarán en equipo con profesionais do mundo das series dixitais e do audiovisual como Andrés Goteira, Suso López, Nati Juncal, Sandra Sánchez, Daniel D. García, Lucía Estévez ou Dani Viqueira. Xuntas, xuntos, enfrontaranse ao reto de idear, gravar e postproducir o seu Dinosaurio, un capítulo da serie que se iniciara xa na pasada edición do Campamento Kamikaze.
Dinosaurio é unha das catro webseries que este sábado competirán polo Premio Mestre Mateo á mellor serie web, xunto con As cousas do choio (Román Castaño Frieiro), Sorrisos transformadores (Islandia Producións) e Hai vida en Bran? (Ángela Andrada), unha produción que tamén naceu en Carballo, pois fíxose en 2017 co premio ao mellor proxecto. E no Interplay puideron verse o pasado ano os seus tres primeiros capítulos. "O labor que está a facer o Carballo Interplay é moi importante e tamén moi arriscado. É un festival no que se valoran sobre todo as historias e non tanto as persoas que están detrás delas", destacaba a súa directora, Ángela Andrada, en conversa con Praza.gal.
Na 6ª edición do Carballo Interplay reuniranse ademais unha selección dos máis destacados Youtubers e Instagramers galegos e galegas, así como outros creadores de contidos dixitais do país. Alí estarán, por exemplo, Marcos López, creador dunha das canles máis populares do Youtube en galego, Telejaita; Miguel Silva Conde, gañador do premio Youtubeir@s 2018 con Aquel-e; Laura Cruxeiras, gañadora do Youtubeir@s 2017 coa súa canle “Corasón de churrasco” e que triunfa nas redes facendo cancións, humor e reivindicación feminista co dúo Blanca e Tinta.
Tamén o artista coruñés Edu Fernández, a medio camiño entre a videocreación, a parodia e a seriedade de calquera youtuber profesional que se fixo viral en 2015 con "Chica de la Coru"; a crítica millennial, feminista e queer Olaxonmario; a xornalista da TVG Alba Mancebo; e mais a actriz e presentadora María Mera, moi activa nas redes sociais, nas que se converteu nunha verdadeira influencer da maternidade.
Ata o 17 de marzo está aberto ademais o prazo para o envío de proxectos de webserie en galego para poder acadar financiamento para a súa realización. No ano 2017 gañou Hai vida en Bran? e no 2018 Sígueme, unha webserie impulsada por un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da USC baixo a dirección de Nuria Cancela. Estes días a serie está a gravarse en Compostela. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.500 euros que deberán destinarse á produción dos tres primeiros capítulos da webserie, resolverase cun pitching en directo durante o festival. E o resultado estrearase na sétima edición do Carballo Interplay.