A comedia 'Buster' leva catro dos principais premios no V Carballo Interplay

Gala de entrega de premios do V Carbalo Interplay Dominio Público Carballo Interplay

A quinta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que converteu durante a pasada semana a vila coruñesa na capital da cultura dixital global, rematou na noite deste sábado coa gala de entrega de premios ás mellores webseries dun certame que este ano recibiu máis de 250 propostas de todo o mundo. A gran gañadora foi a comedia española Buster, “viaxe dun antiheroe polas apps para ligar, as drogas, os youtubers e ‘glory holes’ dun mundo especial marcado polo humor incómodo, os sintetizadores e o costumismo andaluz”. Buster levou o premio a mellor webserie do Estado, mellor actor para Manuel Noguera, e mellor guión e dirección para David Sainz, quen tamén recolleu o premio do público pola súa outra creación Mambo.

Monumento, mellor webserie en galego e a arxentina Emilia envidia, mellor webserie internacional

A serie documental interactiva Monumento, que retrata os problemas da contorna e do medio acuático galego das comarcas de Ferrol, Ortegal, Santiago e Vigo, acadou o premio á mellor webserie en lingua galega. E a comedia arxentina Emilia envidia o de Mellor webserie internacional, co seu “retrato da frustración creativa desta cineasta que envexa e critica os seus amigos, tamén cineastas, mentres tenta rematar a súa ópera prima”.

Macarena Gómez recibiu o premio á mellor atriz polo seu papel no thriller sobrenatural Dorien, na que comparte protagonismo con Carolina Bang, Dani Muriel e Dafne Fernández. O xurado novo outorgou o seu premio ao drama neocelandés Bright Summer Night, que adapta o Soño dunha noite de verán de William Shakespeare para unha audiencia milenial. E o premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros, foi para a produción dos tres primeiros capítulos, foi para Sígueme, de Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose, Aitor Ramos e Elisa Sánchez Sedes, que quere contar como unha estudante de psicoloxía, despois de ser expulsada da universidade, decide continuar clandestinamente o seu estudo experimental e crítico coa ciencia máis convencional.

Entre as finalistas, hai series de Arxentina, Australia, Canadá, Chile, EEUU, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza e Uruguai © Carballo Interplay

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.