As mulleres creadoras e as webseries galegas, protagonistas do Carballo Interplay

Unha das sesións da edición 2016 © CIP

Carballo acollerá do 4 ao 6 de maio a cuarta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, convertido xa nun referente en todo o Estado. O evento nacía hai catro anos como o primeiro festival de webseries de España e continúa a desenvolver formatos de difusión e debate sobre a cultura dixital. Por unha banda, amosará "unha selección do máis creativo que hai a nivel internacional no mundo dos contidos dixitais", como destaca a súa directora, Sonia Méndez. Pero, ademais, incluirá un completo programa de actividades que durante tres días encherá a vila de proxeccións, de debates, de vídeo-conferencias e de conversas sobre o presente e o futuro dos contidos para internet. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo. As mulleres creadoras terán un protagonismo destacado, o mesmo que as webseries realizadas en Galicia.

No Carballo Interplay participarán as novísimas youtubers Soy una pringada, unha anti-youtuber vasca con máis de 80.000 subscritores e subscritoras, e Carolina Iglesias, unha guionista e comediante coruñesa que ten máis de 30.000 subscritores e subscritoras na súa canle, Percebes y grelos. Tamén haberá un oco para o feminismo, a familia e a cultura popular en youtube da man da guionista e xornalista Isa Calderón, creadora das reviews fuertecitas coas que despelexa películas desde unha óptica feminista e humorística, e de Los Prieto Flores, unha extensa tribo familiar que ofrecerá no Interplay un show ao vivo recreando o salón da súa casa.

Outro dos temas que centrará o festival será o da profesionalización. Tras unha década de experimentación e amateurismo, a produción de contidos audiovisuais para internet está madurando, tamén no que respecta ao salto profesional. Diso falarán Mafalda González-Alegre (Flooxer), Borja Prieto e Natalia Flores (da axencia creativa Está pasando) e Teresa Segura e David Sainz (da produtora Different Entertainment). Noutra das sesións intervirán os community manager de Land Rober (Javi Mos, que coordina unha comunidade de máis de 100.000 usuarios) e Luar (Pilar Rodríguez, encargada de conversar cuns 30.000 usuarios), e tamén Miguel López (El Hematocrítico).

Pola súa banda, Rubén Ontiveros -pioneiro do mundo webserie- falará das posibilidades de Internet como ponte para saltar a traballar na televisión. Ontiveros (creador de Que Vida Más Triste, a primeira webserie do Estado e que traballou como guionista de programas como Vaya Semanita, Homo Zapping ou La Hora de José Mota.) fará un percorrido polos diferentes formatos da comedia e analizará as posibilidades que dá youtube de experimentar co humor.

 

Estreas

No festival, David Sainz e Teresa Segura presentarán a longametraxe Fogueo, unha película pequena que quere demostrar que o importante cando se queren facer cousas é, precisamente, facelas. A outra estrea mundial do CIP 2017 é a da webserie Peter Brandon, coa que os Porco Bravú gañaron o premio ao mellor proxecto de webserie en galego na pasada edición do Festival. O prazo para presentar proxectos de webserie en galego está aberto ata o 17 de abril. "É unha aposta do Festival apoiar a produción de novos contidos para Internet", destaca Sonia Méndez. O premio é de 1.500 euros e a webserie gañadora decidirase nun pitching no propio Festival.

Así mesmo, Chévere celebrará o seu 30º aniversario no Carballo Interplay, repasando a súa historia a través do seu código fonte audiovisual, un formato híbrido entre conferencia e proxección polo que xa pasaron Xosé Antonio Touriñán, Belén Regueira e os guionistas máis coñecidos e recoñecibles da televisión galega, os Zopilote. 

Presentación da edición 2017 do Carballo Interplay © CIP
Unha das sesións da edición 2016 © CIP
Cartel da edición 2017 © CIP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.