Os Premios Martín Códax da Música Galega entregan os seus galardóns denunciando a precariedade no sector

Gañadores e gañadoras da edición 2020 dos Premios Martín Códax da Música Galega. Foto: Pixelín © Músicas ao Vivo

Os Premios Martín Códax da Música Galega completaron con éxito este mércores a súa sétima edición, nun ano no que o certame organizado por Músicas ao Vivo tivo que superar grandes obstáculos impostos pola pandemia de coronavirus. Finalmente, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a entrega dos galardóns, nunha cerimonia con grandes medidas de seguridade á que unicamente asistiron 60 persoas (unha por cada un dos 60 proxectos finalistas nas 20 categorías).

Na gala reclamouse a aprobación dunha “prestación extraordinaria por cese de actividade para os músicos e músicas autónomas” e a rebaixa do ive cultural en toda a súa cadea de valor

No acto, ademais da ledicia por poder levar a cabo os premios e por celebrar a boa saúde creativa da música galega, a xunta directiva de Músicas ao Vivo puxo de relevo os grandes problemas de precariedade laboral e económica que vive o sector, derivados en boa medida das restricións obrigadas pola pandemia. No seu discurso subliñaron a "precaria situación á que moitas e moitos músicos se ven abocados polas cancelacións de última hora, as reducións de aforo desmesuradas ou o peche de locais de música ao vivo". E demandouse das distintas Administracións que "manteñan un firme compromiso coa cultura este ano e os vindeiros, coas partidas orzamentarias asignadas e respetando os compromisos adquiridos”. 

Así mesmo, reclamouse a aprobación dunha “prestación extraordinaria por cese de actividade para os músicos e músicas autónomas” que se adapte á singularidade laboral destes e destas profesionais. Igualmente, pediuse a rebaixa do ive cultural en toda a súa cadea de valor.

Guadi Galego e a Banda Somerxida gañou na categoría de Pop e Indie © Pixelín

Nos premios reafirmouse a forza das mulleres na música galega, resultando premiados proxectos como o de Guadi Galego, Carla Green & The Demons, Silvia Penide ou Najla Shami, por mencionar tan só algúns deles. Entre as novidades destacou o feito de que, como nas primeiras edicións do certame, a categoría de Música Tradicional e Folk desdobrouse en dúas, resultando premiado Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na de Música Tradicional e Caldo na categoría de Música Folk. Na gala houbo tamén tempo para a homenaxe á cantante ferrolá María Manuela, que recibiu o Premio Honorífico desta edición. María Manuela "fixo da música e da nosa lingua ferramentas para un mundo mellor”, destacouse.

Nos premios reafirmouse a forza das mulleres na música galega e houbo tamén tempo para a homenaxe á cantante ferrolá María Manuela, que recibiu o Premio Honorífico desta edición

O pasado 28 de febreiro presentábase a edición 2020 dos Premios Martín Códax da Música Galega, que prevía celebrar o 6 de maio en Pontevedra a súa gala final. Ninguén pensaba neses momentos que o 2020 estaría marcado por unha pandemia cuxos efectos aínda sufrimos e que obrigaría a un confinamento xeral, primeiro, e á adopción de importantes restricións para a realización de eventos masivos, despois. Os galardóns foron superando nos últimos meses todos os obstáculos, completando todas as súa fases habituais (inscrición, selección por un xurado, votacións...) ata chegar á gala final na que se deron a coñecer os proxectos gañadores.

Houbo case 600 inscricións de proxectos, superando en 139 as da pasada edición. Todas as categorías aumentaron en volume de propostas, e algunhas delas chegaron de lugares tan insospeitados como Holanda, Sacramento, Cardiff, Saxonia ou Taiwan, só por nomear algúns. "Estas cifras non fan máis que reafirmar que a música galega sabe repoñerse e plantar cara a calquera situación, e que o seu potencial non ten límites", conclúe Músicas ao Vivo.

Proxectos premiados nas categorías musicais

  • Proxecto destacado Galego de Blues, Funk e Soul: Carla Green & The Demons
  • Proxecto destacado Galego de Canción de Autor/a: Silvia Penide
  • Proxecto destacado Galego de Metal: Broa
  • Proxecto destacado Galego de Electrónica: Músculo!
  • Proxecto destacado Galego de Jazz e Músicas Improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío
  • Proxecto destacado Galego de Música Tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
  • Proxecto destacado Galego de Rock: Agoraphobia
  • Proxecto destacado Galego de Pop e Indie: Guadi Galego e a Banda Somerxida
  • Proxecto destacado Galego de Bandas de Música Popular: Banda de Música de Merza
  • Proxecto destacado Galego de Música Infantil: Magín Blanco e a Banda das Apertas
  • Proxecto destacado Galego de Músicas do Mundo: Najla Shami
  • Proxecto destacado Galego de Música Folk: Caldo
  • Proxecto destacado Galego de Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
  • Proxecto destacado Galego de Música Clásica e Contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)
  • Proxecto destacado Galego de Reggae, Ska e Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard
  • Proxecto destacado Galego de Coros e Grupos Vocais: Coro Cantabile
  • Proxecto destacado Galego de Músicas Urbanas: Laura Lamontagne & Picoamperio
     

Premios Organistrum

  • Salas: Naútico
  • Festivais: Festival Agrocuir da Ulloa
  • Proxectos de comunicación e difusión musical: Músicas Galegas Ilustradas
Gañadores e gañadoras da edición 2020 dos Premios Martín Códax da Música Galega © Músicas ao Vivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.