Os galardóns, que se deben entregar o vindeiro 6 de maio en Pontevedra, van "tentar respectar o calendario previsto", pero a festa de finalistas prevista para o vindeiro 15 de abril verá modificada a súa estrutura
Os Premios Martín Códax da Música Galega, organizados pola asociación Músicas ao Vivo, seguen adiante a pesar da epidemia de coronavirus e o estado de alarma. Os galardóns, que se deben entregar o vindeiro 6 de maio en Pontevedra, van "tentar respectar o calendario previsto", pero anuncian que a festa de finalistas prevista para o vindeiro 15 de abril "verá modificada a súa estrutura".
A pesar de non poder celebrarse a festa de finalistas tal e como se tiña entendida ata o de agora, desde Músicas Ao Vivo farase a comunicación pública das e dos proxectos seleccionados polo xurado profesional para que as e os socios de MAV poidan votar para por nome ás 20 propostas premiadas nesta sétima edición. Nesta edición a orde de votacións invértese: un xurado profesional fará a primeira selección e as socias e socios de Músicas ao Vivo decidirán os gañadores e gañadoras.
Tal e como estaba previsto, do 23 de marzo ao 5 de abril un xurado profesional formado por dúas músicas ou músicos, unha persoa representante dos medios de comunicación, outra da industria e outra da formación musical, procederá á selección dos 3 proxectos finalistas de cada categoría.
En total, nesta edición houbo case 600 inscricións de proxectos e candidaturas (581 exactamente), superando en 139 as da pasada edición. Estas cifras supoñen “un grandísimo éxito” e “evidencian a necesidade dos Premios”, xa que foron moitas máis que na pasada edición as persoas que decidiron daren visibilidade aos seus grupos e propostas musicais”, declaran desde Músicas ao Vivo.
Nesta edición houbo case 600 inscricións de proxectos e candidaturas (581 exactamente), superando en 139 as da pasada edición
En 2019 foran 442 proxectos os presentados, con 391 musicais, 11 salas, 25 festivais e 15 medios de comunicación. Neste 2020 todas as categorías aumentaron en volume de propostas, o que supón máis do 30 por cento con respecto á anterior, xa que foron 24 salas, 36 festivais, 20 medios e 501 musicais, os recibidos.
A directiva de Músicas ao Vivo destaca o apoio dos músicos e músicas galegas para visibilizar, como cada ano, a gran cantidade, calidade e diversidade dos proxectos musicais do noso país; e sobre todo, insiste no "carácter non competitivo deste certame, que só trata de poñer en valor e achegar á cidadanía, o gran potencial do sector musical galego", afirman desde a organización.