Os Premios Martín Códax da Música Galega, que todos os anos organiza a Asociación Músicas ao Vivo, presentou este xoves a súa edición 2020, que chega con novidades nas súas categorías e tamén nos seus sistemas de votación.
A orde de votacións invértese: un xurado profesional fará a primeira selección e as socias e socios de Músicas ao Vivo decidirán os gañadores e gañadoras
Na presentación dos galardóns, que tivo lugar na Sala Sónar de Compostela, Xiana Lastra, presidenta da Asociación Músicas ao Vivo, subliñou que o obxectivo dos premios é “recoñecer e facer rendible o potencial da nosa música”. A gala final da entrega de premios celebrarase o vindeiro día 6 de maio en Pontevedra.
Nesta ocasión haberá 17 premios para artistas e grupos e tres para a industria, ademais do Premio Honorífico Músicas ao Vivo. Todos aqueles que o desexen poden xa inscribirse para optar aos galardóns, unha inscrición libre e gratuíta, aberta dende o 1 ata o 15 de marzo, para a que non é necesario formar parte de Músicas ao Vivo. A única condición é que sexan proxectos musicais galegos e en activo e que non foran premiados na última edición.
A categoría folk/tradicional desdóbrase, pasando a establecerse unha só para a música folk e outra unicamente para a tradicional
Entre os cambios, destaca que a categoría folk/tradicional desdóbrase, pasando a establecerse unha só para a música folk e outra unicamente para a tradicional. Por outro lado, créase unha nova categoría de bandas de música populares.
A outra mudanza refírese ao sistema de votación, inverténdose a orde das emisións de voto, facendo a primeira selección dos e das finalistas un xurado profesional e deixando a decisión final de escoller o proxecto premiado nas mans das socias e socios de Músicas ao Vivo. Con este cambio dáselle “moito máis poder de decisión” ás músicas e músicos, xa que “ao fin e ao cabo, delas e deles será a última palabra”, subliña a entidade.
A gala final da entrega de premios celebrarase o vindeiro día 6 de maio en Pontevedra
Ademais, e co obxectivo de “crear marca”, presentouse o novo e definitivo logo dos Premios, xa que ata o de agora víñase facendo unha modificación en cada edición. O resto non variará en exceso, e Víctor Lorenzo seguirá sendo o encargado de realizar as melómanas coas que se agasalla aos premiados e premiadas.
O certame naceu no ano 2013 e dende entón celebrou sete edicións, converténdose no "punto de encontro da música galega". A última edición amosou a heteroxeneidade destes premios, recoñecendo a artistas tan distintos como Nao, Baiuca ou Os Satélites.