O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este mércores a entrega dos Premios Martín Códax da Música Galega, que chegan á súa quinta edición. Na gala, na que se foron coñecendo os gañadores e gañadoras dos galardóns nas súas 18 categorías, celebrouse a calidade e diversidade da produción musical galega, pero tamén se lembraron as reivindicacións do sector. Foi unha gala conducida polo humor do monologuista Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila na que, ademais, a música a puxo The Cool Experience, coa actuación sorpresa de Tanxugueiras (finalistas na categoría de tradicional e folk).
Ramón Bermejo foi moi crítico coa nova Lei de Espectáculos: “Non se pode vivir permanentemente ao pairo dunha lei redactada de forma ambigüa, e que deixa a música ao vivo, unha vez máis, nun terreo esvaradizo e inseguro”
Ramón Bermejo, voceiro de Músicos ao Vivo, lembrou que a asociación fai neste 2017 dez anos de existencia, despedíndose a antiga Xunta Directiva e dando paso á nova, composta por nove músicos e músicas. Na súa intervención foi moi crítico coa nova Lei de Espectáculos: “Non se pode vivir permanentemente ao pairo dunha lei redactada de forma ambigüa, e que deixa a música ao vivo, unha vez máis, nun terreo esvaradizo e inseguro”, dixo. Tamén amosou o seu rexeitamento á condena de compañeiros e compañeiras da música "por expresar mediante a arte o que pensan", enviando o apoio de Músicos ao Vivo "a todas as persoas que sofren cadea por ter exercido un dereito tan fundamental e irrenunciable como é a liberdade de expresión".
Sonia Lebedinsky tomou o relevo como voceira da nova directiva cun discurso no que destacou que "hai silencios que nos berran, a música e as palabras contrúen o relato colectivo, a música ten o poder de axitar conciencias, o futuro estivo sempre cheo de utopías que hoxe son realidades", engadindo que "a música é un lugar onde nos atopamos todas, por que outro mundo é posiblese creamos novos mundos arredor de nós, por que somos as unhas das outras e precisámonos".
Esta é a lista de premiados e premiadas desta quinta edición, na que un ano máis se combinan artistas consagrados e consagradas con outros máis novos e novas, completando un panorama de gran diversidade (e calidade) nos galardóns.