Comeza a conta atrás. A segunda edición dos Premios Martín Códax da Música xa está en marcha. Até o 19 de outubro está aberto o prazo para inscribir candidaturas a través da web dos galardóns que o ano pasado acadaron un éxito incontestable. A partir de aí iniciarase o proceso de votación entre os socios e socias de Músicos Ao Vivo, entidade organizadora, para deixar tres finalistas por categorías, que se darán a coñecer o 26 de novembro. Unha nova votación entre eles decidirá os e as gañadoras, que recibirán o seu premio nunha gala o 17 de decembro en Pontevedra. Antes, o 20 de outubro, coñecerase xa o merecedor ou merecedora do Premio Honorífico Músicos Ao Vivo á traxectoria.
Xacobe Martínez Antelo destaca que o pasado ano "quedounos un moi bo sabor de boca", cunha participación masiva (máis de 500 artistas e formacións inscribíronse para optar aos premios) e a sensación de comunidade
Xacobe Martínez Antelo, voceiro da Asociación de Músicos ao Vivo, destaca que o pasado ano "quedounos un moi bo sabor de boca", cunha participación masiva (máis de 500 artistas e formacións inscribíronse para optar aos premios) e a sensación de comunidade, de tecer "unha rede transversal" entre as persoas que en Galicia viven no mundo da música. "Creouse un sentimento de rede. Os finalistas de música clásica destacaban que nunca se imaxinaran véndose nun contexto coa xente de música tradicional, coa xente do hip-hop. É algo que nunca se conseguira", di.
"O premio non ten dotación económica, pero tradúcese en mirarnos uns aos outros, ver que os músicos temos moito en común, aínda que traballemos en xéneros completamente distintos", engade Martínez Antelo, que resume os premios como "un tempo de botarlle un ollo ao que fan os nosos colegas e de gozar da cantidade e calidade das propostas que hai, un intento de rachar unha vez ao ano este minifundismo, e unha gala na que vernos todos, botar unhas risas e decatarnos da calidade da música que se fai neste país".
"O premio non ten dotación económica, pero tradúcese en mirarnos uns aos outros, ver que os músicos temos moito en común, aínda que traballemos en xéneros completamente distintos"
Nesta segunda edición hai novidades, sobre todo nas categorías a competición, que se amplían, incorporando as de Rock (anteriormente unida a Blues, Funk e Soul) e Canción de Autor ás xa existentes de Pop e Indie; Rock; Blues, Funk e Soul; Metal; Canción de Autor; Hip Hop e Músicas Urbanas; Reggae, Ska e Mestizaxe; Electrónica / Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional Galega; Folque; Músicas do Mundo (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas..); Música Infantil e Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena. Martínez Antelo comenta que "nos últimos meses fixemos unha gran reflexión en canto ás categorías e en función da demanda que houbo, facemos axustes". "Non nos interesa tanto centrar todo no 'artista revelación' ou no 'mellor disco'" -explica- "senón dar visibilidade a todas estas familias que están dentro do mundo da música: unha gran comunidade de xente que fai jazz, a xente da música tradicional e do folque, a xente do hip-hop, etcétera".
Ademais, créanse os premios Organistrum á Mellor Sala, Mellor Festival e Mellor Espazo de Comunicación Musical, premios para a industria, para esas estruturas que son imprescindibles para que a música se difunda, se coñeza e se escoite. “Con estes galardóns a Asociación de Músicos ao Vivo quere render recoñecemento aos cómplices imprescindibles dos músicos e músicas, axentes presentes no noso sector musical, na nosa Industria, no feito cultural mesmo”, destacábase este xoves na presentación desta segunda edición dos Martín Códax. A este respecto Martínez Antelo salienta "o esforzo que fan tantas salas de concertos neste país, a diversidade e calidade dos nosos festivais, e a importancia dos espazo de comunicación: non só en Internet, senón tamén programas de radio ou fanzines que fan un gran seguimento da música galega".
Por proxecto musical galego enténdese todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galicia
Pode presentarse aos premios todo aquel proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2014. Por proxecto musical galego enténdese todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galicia. Se o proxecto é de fora de Galicia, deberán ser maioría os e as integrantes galegas, ou, polo menos, o 50%. Non será requisito imprescindible ter editado disco neste ano 2014, nin ter editado disco ningún.
Os responsables de Músicos ao Vivo fan un chamamento á participación da comunidade musical neste novo proceso, unha demanda que nos últimos anos estaba no ambiente e á que por fin no 2013 se deu forma. "A iniciativa parte de nós, pero nós non somos propietarios de nada. Debe ser a comunidades, os músicos deste país os que lle dean forma. Nós só poñemos a disposición de todos esta ferramenta", sinalan. A competición está aberta, o punto de encontro está aquí.