Os Premios Galegos da Música Martín Códax, organizados pola Asociación de Músicos Ao Vivo, contan con máis de 170 proxectos inscritos nas súas 13 candidaturas. O certame, que entregará os seus galardóns o vindeiro 13 de decembro nunha gala que terá lugar en Pontevedra, mantén aberto o prazo para presentar candidaturas até o 20 de outubro. Ese mesmo 20 de outubro anunciarase, ademais, o artista que será recoñecido co Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda a carreira artística nesta primeira edición.
O certame, que entregará os seus galardóns o vindeiro 13 de decembro nunha gala que terá lugar en Pontevedra, mantén aberto o prazo para presentar candidaturas até o 20 de outubro
A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da web. Está aberta a todo aquel proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2013. Por proxecto musical galego enténdese "todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galicia". Se o proxecto é de fora de Galicia, deberán ser maioría os integrantes galegos e galegas, ou, polo menos, o 50%. Non será requisito imprescindible ter editado disco neste ano 2013, nin ter editado disco ningún. Se ben a produción discográfica é algo que debe pesar e moito na traxectoria dun proxecto musical, estes premios pretenden valorar o feito musical ao vivo, independentemente do traballo discográfico.
Os finalistas e gañadores serán elixidos a través dun proceso de votación on line e privado polos socios de Músicos Ao Vivo, que deberán elixir primeiro os tres finalistas de cada categoría, que se anunciarán o 15 de novembro durante unha festa nas Bodegas Martín Códax, patrocinador principal dos premios. Dende a organización sinalan que as categorías de Música Tradicional e Música de Verbena son as que van máis lentas e animan a todos os que formen parte dunha orquestra, dunha charanga ou dun grupo de música de baile a que se inscriban e participen.
Os finalistas e gañadores serán elixidos a través dun proceso de votación on line e privado polos socios de Músicos Ao Vivo
Entre os inscritos xa están, por exemplo, Os Amigos dos Músicos, Los Chavales, Eladio y los Seres Queridos, Grampoder, Xoel López, Triángulo de Amor Bizaro (Pop); Es un árbol, Ruxe-Ruxe, The Cornelius, Narf, Terbutalina (Rock); Alberto Vilas Quinteto, Abe Rábade Trío (Jazz); García Mc, Xenderal (Hip-Hop); Adrián Saavedra, Rubén Iglesias (Clásica); Berrogüeto, Vaamonde Lamas e Romero (Folk); Treixadura, Os Irmandiños do Incio (Tradicional); Pé de Boi, Banda Crebinsky, María do Ceo (Músicas do Mundo); Mamá Cabra, Pablo Díaz e a Banda Tic-Tac (Infantil); Das Kapital, The Vog (Electrónica); State of Crash, Borderline79 (Metal); Dakidarría, Transilvanians (Mestizaxe); ou Os da Ría (Música de Verbena).