De NAO e Baiuca a 'Los Satélites' e o Diario Cultural: estes son os Premios Martín Códax

Bandas e artistas premiadas nos Premios Martín Códax do 2019 © Pixelin / Premios Martín Códax

A VI edición dos Premios Martín Códax da Música Galega xa teñen gañadores e gañadoras. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a gala de entrega dos galardóns da Asociación Músicas Ao Vivo (MAV), que recoñeceron a bandas e artistas, e tamén a medios de comunicación, salas e festivais. Ademais, Carlos Barruso recolleu o Premio Honorífico, nunha cerimonia que será emitida en diferido este sábado 11 de maio ás 22:45 na TVG2, e o domingo a media noite na TVG.

Sonia Lebedynski reclamou “espazos de promoción e difusión para a música galega nos medios públicos" que "deben ser independentes, veraces e críticos e libres de inxerencias do poder”

Quico Cadaval foi o director artístico dunha gala presentada por Lucía Aldao e María Lado, que guiaron o público asistente por unha historia da música galega, dende os trobadores medievais ata a movida viguesa, pasando polo "Tiro-Liro" de Delio Rodríguez ou por Voces Ceibes e Andrés do Barro. Os premios foron entregados por representantes de distintos ámbitos do sector musical como Tony Lomba, Rosa Cedrón ou Ton Risco aos 18 proxectos premiados, que levaron para casa os Melómanos e Melómanas creadas polo escultor e músico, Víctor Lorenzo.

Sonia Lebedynski, intervindo na gala dos Premios Martín Códax ante representantes de Defende a Galega © Pixelin / Premios Martín Códax

Tamén solicitou da administración que “os grandes investimentos deixen de sufragar infraestruturas e se destinen a garantir unha presenza musical galega representativa”

No seu discurso de clausura, a presidenta de MAV, Sonia Lebedynski reclamou “espazos de promoción e difusión para a música galega nos medios públicos" que -dixo- "deben ser independentes, veraces e críticos e libres de inxerencias do poder”. Tamén solicitou da administración que “os grandes investimentos deixen de sufragar infraestruturas e se destinen a garantir unha presenza musical galega representativa”; e pediu ás salas e festivais que “fagan un esforzo por escoitar e programar música galega”. Lebedynski tamén recordou a recente creación por parte de MAV do Observatorio pola Igualdade  ‘En Órbita’ co obxectivo de lograr “unha maior normalización e visibilidade das mulleres nos postos directivos, e crear referentes femininos en todos os ámbitos da industria”.

Dentro dos premios da industria, premiouse o labor do Diario Cultural e as traxectorias do Festival de Pardiñas e da sala viguesa El Contrabajo Club

Entre os premiados e premiadas houbo artistas novos e novas como Bala ou Baiuca e outros e outras cunha longa traxectoria ás súas costas, como Marcos Teira, Xoan Curiel, Carmen Rey ou Los Satélites. Houbo tamén quen repetiu galardón, como Wöyza, Banda Crebinsky e a banda estradense Nao, que este ano se despedirá dos escenarios. Dentro dos premios da industria, premiouse o labor do Diario Cultural e as traxectorias do Festival de Pardiñas e da sala viguesa El Contrabajo Club, que pechará en xuño despois de máis dunha década programando máis de 900 concertos.

Carlos Barruso agradece o premio Martín Códax honorífico © Pixelin / Premios Martín Códax

Premiados e premiadas

  • POP/iNDIE Igloo
  • ROCK Bala
  • METAL Nao
  • JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS Xosé Miguélez - ONTOLOGY
  • MÚSICAS URBANAS Wöyza
  • CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA Adrián Saavedra
  • MÚSICA TRADICIONAL E FOLQUE Tanxugueiras
  • MÚSICAS DO MUNDO Marcos Teira - NÓS
  • MÚSICA INFANTIL Xoán Curiel e A Banda do Verán – A CASA DO TERROR
  • MÚSICA ELECTRÓNICA Baiuca
  • REGGAE/SKA/MESTIZAXE Banda Crebinsky
  • ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Orquestra Los Satélites
  • BLUES/FUNK/SOUL Carmen Rey
  • CANCIÓN DE AUTOR/A Su Garrido Pombo
  • COROS E GRUPOS VOCAIS Ejazz
  • ORGANISTRUM FESTIVAIS Festival de Pardiñas
  • ORGANISTRUM SALAS El Contrabajo Club
  • ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL Diario Cultural
  • PREMIO HONORÍFICO MÚSICAS AO VIVO 2019 Carlos Barruso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.