Trátase dunha "homenaxe especial a unha muller igual de especial, querida e admirada por todo o que representa”
Os Premios Martín Códax da Música Galega xa teñen a súa primeira galardoada. Trátase da ferrolá María Manuela, que recibirá o premio honorífico nesta sétima edición, marcada pola pandemia do coronavirus. A gala de entrega, aínda sen unha data fixada, celebrarase en Pontevedra á volta do verán, sempre que a situación sanitaria así o permita.
O premio recoñece a longa traxectoria da artista, que en palabras de Músicas ao Vivo, deixou unha “fortísima pegada” na nosa música e “fixo dela e da nosa lingua as ferramentas para loitar por un mundo mellor”. Trátase dunha "homenaxe especial a unha muller igual de especial, querida e admirada por todo o que representa”. A entidade, que organiza os galardóns, vén de publicar tamén un vídeo que repasa a carreira da artista.
Xuto co seu home, Miguel Tranquilo, converteuse nun dos referentes da canción protesta, promocionando de forma importante a lingua galega e musicando textos de numerosas e numerosos poetas do país
María Manuela naceu na Coruña en 1945 e criouse no barrio obreiro de Recimil, en Ferrol, cidade na que segue vivindo e da que constitúe todo un símbolo. Ademais da súa carreira musical, María Manuela Díaz Orjales dedicouse tamén á pintura, expoñendo en numerosos lugares ao longo da xeografía galega, española e europea.
Comezou a súa carreira musical en solitario en 1974 coa gravación dun single que incluía as cancións Pedro Chosco -poema musicado da poeta Ana Caxiao- e Ana Mariña. Un ano despois publica o seu primeiro LP, Cantigas ao meu xeito. En solitario gravou tres discos máis nos anos 70 e outro nos anos 90.
Formou parella musical co seu home, Miguel Tranquilo, de xeito que o dúo -María Manuela e Miguel- se converteu nun dos referentes da canción protesta, promocionando de forma importante a lingua galega e musicando textos de numerosas e numerosos poetas do país, en discos como Ergueremo-la espranza.
Chegaron a realizar xiras internacionais acadando un gran éxito. Xa na década dos 90 publicaron dous álbums máis, Barco na Alba, que incluía dúas pezas compostas pola propia María Manuela sobre cantigas medievais, e mais Imos cantar xuntos, disco de música infantil realizado en colaboración co grupo Ledicia do colexio Manuel Masdías de Caranza.
A cidade naval incluíu no seu rueiro a Rúa de Manuela e Miguel no barrio obreiro de Recimil, onde medrou a artista
En 1999 María Manuela publica o seu último traballo en solitario, Para Miguel, dedicado ao seu compañeiro, que finara un ano antes, máis nos anos seguintes e ata a actualidade seguíu colaborando en diferentes proxectos musicais e audiovisuais.
O 4 de decembro de 2008, coincidindo os 35 anos da súa carreira musical, o Concello de Ferrol organizou unha homenaxe de recoñecemento ao seu valor artístico como cantante, pintora e defensora da lingua galega. Ademais, a cidade incluíu no seu rueiro a Rúa de Manuela e Miguel no barrio obreiro de Recimil, onde medrou a artista.
A mediados de abril Músicas ao Vivo anunciou os e as 60 finalistas dos galardóns, tres por cada unha das 20 categorías. Foron elixidas por un xurado profesional entre un total de 577 propostas recibidas. Nas últimas semanas as socias e socios de MAV votaron cales serán os proxectos premiados de entre os tres finalistas en cada categoría.