A epidemia obrigou a adiar a gala de entrega dos galardóns, prevista inicialmente para o 6 de maio e que finalmente se celebrará á volta do verán
Os Premios Martín Códax da Música Galega seguen adiante a pesar do coronavirus. A epidemia obrigou a adiar a gala de entrega dos galardóns, prevista inicialmente para o 6 de maio e que finalmente se celebrará á volta do verán. Tamén se tivo que aprazar a tradicional festa de finalistas, que ía ser este 15 de abril e que terá lugar o vindeiro 30 de setembro, sempre que a situación sanitaria así o permita. Porén, non cancelou o certame nin paralizou o proceso de elección dos proxectos finalistas e gañadores nesta sétima edición.
Músicas ao Vivo, organizadora dos galardóns, anunciou este mércores os 60 finalistas, tres por cada unha das 20 categorías. Foron elixidas por un xurado profesional entre un total de 577 propostas recibidas. Agora serán as socias e socios de MAV quen decidan, entre o 20 de abril e o 3 de maio, cal será o proxecto premiado de entre os tres finalistas en cada categoría.
Agora serán as socias e socios de MAV quen decidan, entre o 20 de abril e o 3 de maio, cal será o proxecto premiado de entre os tres finalistas en cada categoría
Entre os proxectos e artistas finalistas hai anteriores gañadores dos Premios Martín Códax e nomes consagrados, como Xoel López, Heredeiros da Crus, Magín Blanco, Susana Seivane, De Vacas, Magín Blanco, Agoraphobia, MJ Pérez, Guadi Galego, Xabier Díaz&Adufeiras do Salitre ou Silvia Penide. Mais tamén bandas máis novas e nomes que acadan por primeira vez a condición de finalistas.
Tres salas históricas -Mardi Gras, Fábrica de Chocolate e Náutico- competirán polo premio á mellor sala. Revenidas, Melona Fest e Festival Agrocuir da Ulloa polo de mellor festival. E Músicas Galegas Ilustradas, Xirarei e O Recanto do Corcovado polo de mellor proxecto de comunicación e difusión musical.
A xurado profesional estivo composto por cinco profesionais de distintos ámbitos da industria musical. Pola parte das músicas e músicos contou con Ánxela Baltar, integrante da formación BALA e profesional da industria musical e Xosé Miguélez, saxofonista de jazz e mestre de música tradicional galega. Xunto con eles, Belén Regueira, xornalista pioneira na comunicación musical da música galega e Julio Gómez, promotor musical, xestor cultural e director do Festival Sinsal foron outros dos participantes, lista que completou Patricia Cupeiro, docente e investigadora musical, ademais de xestora cultural.
Os e as membros do xurado salientan que foi “un arduo traballo” porque o número de inscritos e inscritas foi “moi alto”. Comentan que foi “un acerto grande” o feito de se ter engadido nesta sétima edición a categoría de bandas de música, xa que “son imprescindibles”, afirman. Ademais, valoran moi positivamente o ter mantido as de verbenas e coros. Sinalan tamén que “hai que facer un esforzo non só para telos representados, senón para implicalos”, puntualizan.