O pasado 28 de febreiro presentábase a edición 2020 dos Premios Martín Códax da Música Galega, que prevía celebrar o 6 de maio en Pontevedra a súa gala final. Ninguén pensaba neses momentos que o 2020 estaría marcado por unha pandemia cuxos efectos aínda sufrimos e que obrigaría a un confinamento xeral, primeiro, e á adopción de importantes restricións para a realización de eventos masivos, despois.
A Gala celebrarase en Pontevedra o vindeiro mércores 21. O número de persoas asistentes estará limitado a 60, pero poderá seguirse en directo a través da web
Os Premios da Música Galega, impulsados pola asociación Músicas ao Vivo foi superando nos últimos meses todos os obstáculos, completando todas as súa fases habituais (inscrición, selección por un xurado, votacións...) ata chegar á gala final na que se darán a coñecer os proxectos gañadores. Non puido ser, evidentemente, o pasado 6 de maio, no que aínda estabamos en pleno confinamento, pero o vindeiro mércores 21 de outubro o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a gala de entrega dos galardóns nesta sétima edición dos premios.
Será, iso si, unha gala marcada polas limitacións impostas pola actual situación sanitaria. O número de persoas asistentes estará limitado a 60, unha cifra que coincide co número de proxectos finalistas (tres en cada unha das 20 categorías existentes). Polo tanto, o público estará confomado por unha persoa representante de cada proxecto finalista desta edición. As persoas que queiran seguir o evento en tempo real, poderán facelo a través da retrasmisión en streaming que se poderá ver na páxina web dos premios.
O actor e director teatral Gustavo Dieste será o encargado da dirección artística da gala, mentres que a presentación e condución virá da man da actriz e cantante Inés Salvado Gontad. Por suposto, non faltará a música ao vivo, recaendo este ano a dirección musical no saxofonista e gaiteiro Pedro Lamas, que creou para a ocasión un excepcional sexteto. O humor estará tamén presente, con referencias ademais a como está afectando a pandemia ao sector cultural (e moi especialemente á música ao vivo).
O éxito desta sétima edición dos Premios, a pesar das enormes dificultades deste 2020, reafirma "que a música galega sabe repoñerse e plantar cara a calquera situación, e que o seu potencial non ten límites"
Dende Músicas ao Vivo saliéntase o feito de que os Premios foron quen de superar os extraordinarios obstáculos xurdidos neste ano 2020, para completar con éxito a súa sétima edición. Houbo case 600 inscricións de proxectos, superando en 139 as da pasada edición. Todas as categorías aumentaron en volume de propostas, e algunhas delas chegaron de lugares tan insospeitados como Holanda, Sacramento, Cardiff, Saxonia ou Taiwan, só por nomear algúns. "Estas cifras non fan máis que reafirmar que a música galega sabe repoñerse e plantar cara a calquera situación, e que o seu potencial non ten límites", conclúe Músicas ao Vivo.
Os premios contan con 60 finalistas, tres por cada unha das 20 categorías. Foron elixidas por un xurado profesional entre un total de 577 propostas recibidas e posteriormente o gañador ou gañadora foi elixida polos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
Na Gala homenaxearase a María Manuela, que "fixo da música e da nosa lingua ferramentas para un mundo mellor”
Entre os proxectos e artistas finalistas hai anteriores gañadores dos Premios Martín Códax e nomes consagrados, como Xoel López, Heredeiros da Crus, Magín Blanco, Susana Seivane, De Vacas, Magín Blanco, Agoraphobia, MJ Pérez, Guadi Galego, Xabier Díaz&Adufeiras do Salitre ou Silvia Penide. Mais tamén bandas máis novas e nomes que acadan por primeira vez a condición de finalistas. Tres salas históricas -Mardi Gras, Fábrica de Chocolate e Náutico- competirán polo premio á mellor sala. Revenidas, Melona Fest e Festival Agrocuir da Ulloa polo de mellor festival. E Músicas Galegas Ilustradas, Xirarei e O Recanto do Corcovado polo de mellor proxecto de comunicación e difusión musical.
Ademais, os Premios Martín Códax homenaxean este ano co seu galardón honorífico a María Manuela, que "fixo da música e da nosa lingua ferramentas para un mundo mellor”. Trátase dunha "homenaxe especial a unha muller igual de especial, querida e admirada por todo o que representa”.