O vindeiro 21 de outubro, se as condicións sanitarias o permiten, os premios da música galega daranse a coñecer no Pazo da Cultura de Pontevedra
Os Premios Martín Codax da Música Galega seguen adiante no seu ano máis difícil. A edición 2020 presentouse o pasado 28 de febreiro, apenas uns días antes do inicio da pandemia no noso país e dende entón foi superando as súas distintas fases, presentando o 16 de abril os seus proxectos finalistas. Con todo, a gala de entrega dos galardóns, que tiña que terse celebrado o pasado 6 de maio, foi adiada ata o outono.
O vindeiro 21 de outubro, se as condicións sanitarias o permiten, os premios da música galega daranse a coñecer no Pazo da Cultura de Pontevedra. O evento poderá seguirse por streaming desde a web dos premios.
Non vai ser posible, iso si, celebrar a tradicional Festa de Finalistas. Así, a organización dos galardóns está a celebrar encontros virtuais entre os proxectos finalistas, organizados por categorías.
Os dous primeiros encontros xa se poden ver na rede, correspondentes aos proxectos finalistas de Blues, Funk e Soul e aos proxectos finalistas de Coros e Grupos Vocais. Nos vindeiros días, ata ese 21 de outubro, irán publicándose os restantes vídeos.
Entre os 60 proxectos e artistas finalistas hai anteriores gañadores dos Premios Martín Códax e nomes consagrados e tamén bandas máis novas e nomes que acadan por primeira vez a condición de finalista
Os premios contan con 60 finalistas, tres por cada unha das 20 categorías. Foron elixidas por un xurado profesional entre un total de 577 propostas recibidas e posteriormente o gañador ou gañadora foi elixida polos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
Ademais, os Premios Martín Códax homenaxean este ano co seu galardón honorífico a María Manuela, que "fixo da música e da nosa lingua ferramentas para un mundo mellor”. Trátase dunha "homenaxe especial a unha muller igual de especial, querida e admirada por todo o que representa”.
Os Premios Martín Códax homenaxean este ano co seu galardón honorífico a María Manuela
Entre os proxectos e artistas finalistas hai anteriores gañadores dos Premios Martín Códax e nomes consagrados, como Xoel López, Heredeiros da Crus, Magín Blanco, Susana Seivane, De Vacas, Magín Blanco, Agoraphobia, MJ Pérez, Guadi Galego, Xabier Díaz&Adufeiras do Salitre ou Silvia Penide. Mais tamén bandas máis novas e nomes que acadan por primeira vez a condición de finalistas. Tres salas históricas -Mardi Gras, Fábrica de Chocolate e Náutico- competirán polo premio á mellor sala. Revenidas, Melona Fest e Festival Agrocuir da Ulloa polo de mellor festival. E Músicas Galegas Ilustradas, Xirarei e O Recanto do Corcovado polo de mellor proxecto de comunicación e difusión musical.